Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 27 de maio de 1998 Páx. 5.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 6 de maio de 1998 pola que se convoca unha bolsa de investigación para analiza-los datos do sistema de información e valoración sociosanitaria das residencias da terceira idade da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, propias e concertadas.

O Estatuto de autonomía para Galicia no seu artigo 27.23º atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas individualizadas, logo da correspondente convocatoria pública e con suxeición a criterios obxectivos.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, co Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, así como no Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupuestario de Galicia, así como na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, establécense os requisitos xerais para as subvencións e axudas que conceda a Administración autonómica, ás que se adaptará a presente orde, que atende, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Coa presente convocatoria preténdese a realización dun traballo de investigación para analiza-los datos do sistema de información e valoración sociosanitaria das residencias da terceira idade da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, propias e concertadas.

Entre outros fins, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 1997 prorrogados para 1998, na aplicación orzamentaria 11.03.212D.482.1, existe crédito axeitado e suficiente para este gasto.

Na súa virtude, conforme o establecido no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, e de acordo cos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convocar unha bolsa de investigación para analiza-los datos do sistema de información e valoración sociosanitaria de residentes (CMBDSS) das residencias da terceira idade da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, propias e concertadas.

Segundo.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na seguinte convocatoria:

a) Ser español/a.

b) Non perder con anterioridade a condición de bolseiro por causa imputable ó solicitante.

c) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade.

d) Ter finalizados os estudios de diplomado en enfermería nos cursos 1993-1994 ou posteriores.

Terceiro.-Solicitudes.

Os interesados deberán dirixi-la solicitude anexa á Dirección Xeral de Servicios Sociais, edificio administrativo San Caetano - bloque 2, 2º, Santiago de Compostela, xunto coa seguinte documentación:

-Fotocopia DNI.

-Certificación académica, con detalle das cualificacións obtidas, e título de diplomado en enfermería ou resgardo de que se solicitou a súa expedición.

-Currículum vitae do solicitante.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do día seguinte en que se publique esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-Dereitos dos adxudicatarios:

A) O importe da bolsa será dun millón cincocentas cincuenta mil pesetas. Esta cantidade aboarase da seguinte maneira:

-Unha asignación mensual de 180.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-O resto do importe aboarase, se é o caso, en concepto de indemnizacións por visitas e desprazamentos, logo da acreditación dos gastos realizados.

B) Ó remata-la bolsa seralle entregado un diploma acreditativo, pola Dirección Xeral de Servicios Sociais, logo do informe favorable do xefe de Servicio de Planificación e Coordinación.

Quinto.-Duración da bolsa.

O período de desfrute da bolsa será ata o 31 de decembro de 1998 e comezará a desfrutarse antes do remate dos 15 días seguintes á súa adxudicación.

Por resolución da Dirección Xeral de Servicios Sociais, a bolsa poderase prorrogar anualmente ata un máximo de 3 anos, incluído o ano da concesión, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga, a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Sexto.-Financiamento.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.212D.482.1.

Sétimo.-Obrigas dos bolseiros.

1. O bolseiro queda obrigado á realización dun traballo de investigación sobre os datos do sistema de información e valoración sociosanitaria de residentes (CMBDSS) das residencias da terceira idade da Con

sellería de Sanidade e Servicios Sociais, propias e concertadas que, entre outras cousas, incluirá:

-Analiza-lo conxunto de problemas das persoas maiores que viven nas residencias da terceira idade, en especial das enfermidades e problemas de saúde, niveis de capacidade funcional e necesidades de coidados dos residentes.

-Avaliar como se relacionan os distintos recursos entre si para a atención ós residentes.

-Analiza-las aplicacións de utilidade clínica (por exemplo, marcadores de calidade asistencial) de interese para os profesionais e responsables asistenciais.

-Outros datos que poidan ser considerados de interese para esta dirección xeral.

2. O bolseiro está obrigado a acudir á Dirección Xeral de Servicios Sociais, en horario de 9 a 2 da mañá, a segui-las indicacións que lle dicte a Dirección Xeral de Servicios Sociais e a presentarlle os informes que resulten pertinentes á vista do programa de traballo que se aprobe no seu momento. Así mesmo, cando sexa necesario, deberá desprazarse ás residencias da terceira idade que teñan implantado ou vaian implanta-lo CMBDSS.

3. O bolseiro deberá entregar tres exemplares do traballo realizado, cada un deles acompañado dun resumo con extensión comprendida entre cinco e dez páxinas (formato A4), a dobre espacio, no que, de forma sucinta, se recolla a metodoloxía da análise, os resultados xerais máis sobresaíntes, as conclusións principais, o contido e as ideas principais do traballo realizado. Así mesmo, os traballos deberanse presentar en soporte informático compatible co sistema Windows.

Oitavo.-Procedemento de selección.

Para a adxudicación da praza procederase da seguinte maneira:

1. Para a valoración dos méritos constituirase un tribunal, presidido polo director xeral de Servicios Sociais ou persoa en quen delegue, e do que formarán parte como vocais a subdirectora xeral do Programa de Atención Sociosanitaria, o xefe de Servicio de Planificación e Coordinación e un técnico por proposta do director xeral, e como secretario, un funcionario designado polo director xeral.

O tribunal non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente, ben presentando os orixinais ou ben as correspondentes fotocopias debidamente cotexadas.

2. O tribunal deberá valorar no seu conxunto os seguintes datos por orde de preferencia:

-Coñecementos acreditados no eido das persoas maiores.

-Coñecementos de informática a nivel usuario.

-Expediente académico.

-Currículum vitae.

-Motivo da solicitude.

3. O tribunal valorará estes datos en dúas fases:

a) Primeira fase. O tribunal, de acordo cos méritos acreditados polos solicitantes, realizará unha primeira selección dos aspirantes, acordando cales pasan á segunda fase.

b) Segunda fase. O tribunal realizará unha entrevista sobre os coñecementos acreditados no eido das persoas maiores e unha proba práctica para acredita-los coñecementos sobre o manexo a nivel de usuario de programas de procesadores de textos (Word para Windows, follas de cálculo EXCEL e xestores de base de datos Dbase) cos solicitantes seleccionados na primeira fase.

4. O tribunal, á vista dos méritos acreditados nas solicitudes, a entrevista e a proba práctica, decidirá a adxudicación da bolsa ó candidato que considere por orde do mérito e capacidade.

A resolución será adoptada no prazo de 30 días, contados desde o vencemento do prazo de presentación das instancias. Se as solicitudes non se resolvesen no prazo establecido, entenderanse desestimadas.

O tribunal poderá declarar deserta a bolsa convocada.

No caso de que a persoa proposta renunciase á bolsa, a adxudicación recaería automaticamente na que a siga en puntuación, e así sucesivamente.

Tódalas comunicacións e resolucións do tribunal realizaranse a través do taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Servicios Sociais, sita no edificio administrativo San Caetano, bloque, 2º de Santiago de Compostela.

Noveno.-Natureza da relación bolseiros - Administración.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Décimo.-Dereitos de autor e publicación dos traballos.

A aceptación da bolsa de investigación implica a cesión dos dereitos de autor a favor da Dirección Xeral de Servicios Sociais, que reserva para si o dereito de publica-lo traballo.

Décima primeira.-Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas.

1. O director xeral de Servicios Sociais resolverá a perda de condición de bolseiro polo incumprimento da finalidade da bolsa ou das condicións e obrigas que se estipulen nesta orde, dando lugar á perda dela e á devolución do percibido cos seus xuros de mora.

2. No suposto de interrupción no goce da bolsa por causas distintas ás previstas no apartado anterior, o director xeral, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá se procede esixi-la resolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anula-los pagamentos pendentes.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 1998.

José Mª Hernández Cochón.

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

4017