Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 26 de maio de 1998 Páx. 5.727

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 1998 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de dúas prazas de técnicos de división de transferencia de tecnoloxía (DTT) do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT), grupo I, vacante no cadro de persoal desta universidade.

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir 2 prazas de técnico de (DTT) do (CITT) do grupo I, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo 2 prazas de técnico de (DTT) do (CITT) do grupo I, do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), unha polo sistema de promoción interna e unha polo sistema xeral de acceso libre.

1.2. Os procesos de selección de promoción interna e libre realizaranse separadamente, e serán en primeiro lugar os de promoción interna. As vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á provisión externa.

1.3. Os seleccionados polo sistema de promoción interna terán preferencia sobre os da quenda libre para a elección de vacantes.

1.4. Os/as aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de provisión.

1.5. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, do que as probas e valoracións se axustarán ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.6. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo, efectuarase de acordo coa puntuación total obtida sumando ambalas dúas fases.

1.7. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato:

a) Ser español ou nacional de calquera Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Pertencer a distinta categoría que a das prazas convocadas na presente convocatoria.

c) Ter permanecido un mínimo de 6 meses na súa categoría profesional.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá solicitarlle ó rector da Universidade de Santiago de Compostela en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte día ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os/As aspirantes deberán facer constar na súa solicitude o sistema polo que se inscriben, libre ou de promoción interna, segundo corresponda.

3.2. A instancia irá acompañada de fotocopia do DNI e dos xustificantes dos méritos que se van valorar na fase de concurso, da maneira que se indica:

3.2.1. Certificación acreditativa dos servicios prestados, fóra da Universidade de Santiago de Compostela, expedida pola unidade de persoal da Universidade Pública de Galicia onde prestaron os servicios referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Se os servicios foron prestados na Universidade de Santiago de Compostela, a certificación expedirase de oficio, e engadirase á solicitude do/a aspirante.

3.2.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.2.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente xerencia ou unidade de persoal da Administración onde prestase servicios.

3.2.4. En calquera momento a universidade poderá requirir dos/as candidatos/as os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se corresponden coas simples presentadas.

3.3. A presentación de solicitudes farase nos rexistros xerais da universidade sitos no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela (Pazo de San Xerome, praza do Obradoiro s/n) ou na Vicexerencia de Lugo (Augas Férreas, polígono de Fingoi, Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán na conta de Caixa Galicia «Oposicións» número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

3.6. Os aspirantes con minusvalidez deberán indicalo na súa instancia e solicita-las posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que a adaptación sexa necesaria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de admisión de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas da exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado.

Para repara-los defectos que motivasen a exclusión ou omisión das devanditas relacións, os aspirantes disporán dun prazo de dez días contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non reparasen a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

A resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos esgotará a vía administrativa.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo), modificado pola Resolución do 22 de marzo de 1993, da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as administracións públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE do 26-3-1993) e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14 de febreiro).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos devanditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.3. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.4. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.5. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que estime pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación destes asesores deberá comunicárselle ó rector da universidade. O nomeamento dos asesores farase público, e seralles de aplicación as causas de abstención e recusación igual que ós membros do tribunal.

5.6. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios co resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.6 as adaptacións posibles en tempo e medios para a súa realización.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.8. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes có das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.9. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaron, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais, as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra B, de conformidade co establecido na Resolución do 24 de marzo de 1998 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento, sendo excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados, e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se fixera o primeiro deles así como no Rectorado da Universidade, ou por calquera outro medio que se estime conveniente para asegura-la súa máxima divulgación, cunha antelación de, polo menos, vintecatro horas á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición maila obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. En caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación no exercicio específico de primeira fase. O tribunal fará pública, para cada sistema de acceso, a lista dos aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, fosen seleccionados, e que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. A devandita relación, que lle será elevada polo tribunal ó rector da universidade xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as rela

cións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

b) Fotocopia compulsada do título esixido.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades.

Os nacionais doutros estados membros da Comunidade Europea deberán acreditar igualmente non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibilite para o servicio.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública de Galicia estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto; deberán presentar certificación da universidade correspondente para acreditaren tal condición, de non a teren presentada con anterioridade.

8.3. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.4. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Disposición derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven desta e das actuacións do tribunal poderán ser impugnados nos casos e nas formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1998.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: TÉCNICO DE DIVISIÓN DE TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA (DTT) DO CENTRO DE INNOVACIÓN E TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA (CITT) GRUPO I

Procedemento de selección.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

1. O concurso-oposición constará das fases que a continuación se indican:

1.1. Primeira fase, de carácter eliminatorio: (para sistemas de promoción interna e acceso libre). Constará de tres exercicios:

Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito a un grupo de preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das que só unha será a correcta ou preguntas de resposta curta (4-5 liñas) propostas polo tribunal e extraídas do temario específico.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 20 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 10 puntos.

Segundo exercicio: consistirá no desenvolvemento por escrito dun tema elixido polos aspirantes de entre dous obtidos por sorteo entre os que forman o temario específico.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de tres horas.

A puntuación será de 0 a 20 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 10 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na resolución dun exercicio práctico proposto polo tribunal e relacionado coas materias do temario específico. Este exercicio poderá incorporar aspectos del e/ou documentación de referencia que permitan avalia-los coñecementos de inglés dos aspirantes.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de tres horas.

A puntuación será de 0 a 20 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 10 puntos.

1.2. Segunda fase:

Quenda de promoción interna.

-Proba de coñecemento da lingua galega. Terá carácter selectivo e non eliminatorio. Constará de dúas probas.

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora. A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Quenda de acceso libre: terá carácter selectivo non eliminatorio, constará de dúas partes:

-Coñecementos non específicos do posto. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de preguntas tipo test, con 3 respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ó temario non específico. A duración desta proba non será inferior a unha hora. A puntuación será de 0 a 10 puntos.

-Proba de coñecemento da lingua galega. Terá carácter selectivo e non eliminatorio. Constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal. O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora. A puntuación será de 0 a 10 puntos.

1.3. Terceira fase: concurso:

Quenda de promoción interna: máximo 30 puntos.

a) Antigüidade: máximo 10 puntos a razón de 0,069 por mes traballado.

b) Experiencia: máximo 15 puntos. Valorarase a razón de 0,21 puntos mes na mesma categoría en universidades públicas.

c) Cursos de formación e perfeccionamento, dispensados por centros ou organismos oficiais e que estean directamente relacionados co contido da praza. Máximo 5 puntos, que se vai puntuar do seguinte xeito:

-Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora de duración do curso.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora de duración do curso

Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento lingua galega: 0,02 puntos/hora

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora de duración do curso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

1.4. Quenda de acceso libre: máximo 15 puntos.

-Valoraranse os seguintes conceptos:

Experiencia: máximo 11 puntos.

-Mesma categoría universidades públicas (0.15 puntos por mes traballado).

-Mesma categoría en administracións públicas (0.076 puntos por mes traballado).

-Outras categorías universidades públicas (0.076 puntos por mes traballado).

Cursos: valoraranse igual que promoción interna ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: TÉCNICO DE DIVISIÓN DE TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA (D.T.T.) DO CENTRO DE INNOVACIÓN E TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA (C.I.T.T.) GRUPO I

-Programa.

I. Fase: coñecementos específicos.

Bloque I: innovación e competitividade.

1. Innovación, difusión e progreso técnico. Cambio tecnolóxico e crecemento económico.

2. Enfoques teóricos na análise do cambio tecnolóxico e a innovación.

3. A difusión da innovación e pautas de desenvolvemento tecnolóxico.

4. Repercusións sociais do cambio tecnolóxico

5. As novas tecnoloxías. Repercusións sobre distintos sectores económicos.

Bloque II: o marco europeo en innovación.

1. O marco institucional da Unión Europea en IDT: funcións das diferentes instancias implicadas na coordinación, xestión e seguimento dos programas de IDT.

2. Política de innovación na UE: formulación e instrumentos de actuación.

3. Os programas marco de IDT. Programas específicos: principais liñas de actividade.

4. Participación nos programas específicos de I+D da UE: preparación de propostas.

5. Cooperación internacional en IDT da UE con terceiros países e organizacións.

6. Difusión e explotación dos resultados de investigación na UE.

7. Estímulo da formación e a mobilidade dos investigadores na UE.

8. Estímulo da formación e a mobilidade dos investigadores na UE.

9. A xestión dos contratos europeos de I+D.

Bloque III: o sistema nacional de innovación en España.

1. O sistema de innovación en España.

2. Marco lexislativo da innovación en España.

3. Marco industrial da innovación en España.

4. Orixe e evolución do Plan Nacional de I+D: evolución recente do sistema nacional de innovación.

5. O III Plan Nacional de I+D: fomento, planificación, coordinación e articulación da I+D.

6. III Plan Nacional del I+D: programas nacionais e programas sectoriais. Coordinación de programas internacionais.

7. Instrumentos e mecanismos de interrelación CPI-Empresa no III Plan Nacional de I+D.

8. Articulación do sistema de innovación español: estructuras de interfase.

9. A rede OTRI/OTT.

10. O Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e a Dirección Xeral de Política da PEME.

11. A iniciativa de apoio á tecnoloxía, á seguridade e á calidade industrial (ATICA).

Bloque IV: o sistema de innovación en Galicia.

1. O sistema rexional de innovación en Galicia.

2. A Lei da ciencia en Galicia e o Plan Galego de I+D.

3. Marco institucional da innovación en Galicia.

4. Articulación do sistema de innovación en Galicia: estructuras de interfase.

5. O Instituto Galego de Promoción Económica.

Bloque V: a Universidade de Santiago de Compostela (USC) como estructura de apoio a investigación e desenvolvemento tecnolóxico dos sectores económicos da Comunidade Autónoma galega.

1. A organización da investigación na Universidade de Santiago de Compostela.

2. Principales áreas de actividade e oferta tecnolóxica da USC.

3. Xestión da I+D na USC: proxectos, contratos e cursos.

4. As patentes universitarias. Regulamento de patentes da USC.

Bloque VI: xestión da innovación.

1. A investigación por proxectos. Definición de obxectivos. Elaboración de orzamentos.

2. A investigación contratada. Tipos de contratos, cálculos de custos e contrapartidas.

3. Inventario, análise e difusión da oferta tecnolóxica nas universidades e os CPI.

4. A propiedade industrial como mecanismo estimulador da innovación. A protección xurídica dos resultados de I+D en España.

5. Aspectos internacionais da propiedade industrial: patente europea e PCT.

6. Xestión de patentes. Elaboración dun documento de patente.

7. Avaliación e prospectiva. Prospectiva e vixilancia tecnolóxica.

8. Modelos de organización da I+D nas empresas.

9. Auditorías tecnolóxicas e análise de demanda.

10. Creación de empresas a partir de resultados de I+D. O capital-risco.

II. Fase: coñecementos non específicos.

1. A Constitución de 1978: estructura e contido.

2. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Motivación e notificación, nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrucción e terminación. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. O silencio administrativo.

4. Os recursos administrativos: recurso ordinario. Recurso de revisión.

5. Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores:

Dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobilidade funcional e xeográfica. Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. Da negociación dos convenios colectivos.

6. A Lei de reforma universitaria. As universidades. Natureza xurídica.

7. Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estatutos. Réxime económico e financeiro.

8. USC. Estatutos. Órganos de goberno unipersonais e colexiados.

9. USC. Estatutos. Clases e réxime xurídico do PAS.

10. III Convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

ANEXO III

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: TÉCNICO DE DIVISIÓN DE TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA (DTT) DO CENTRO DE INNOVACIÓN E TRANSFERENCIA DE TECNOLOXÍA (CITT) GRUPO I

Tribunal titular.

Presidente:

-Carlos Hernández Sande. Catedrático do departamento de Electrónica da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Representantes da universidade:

-Rogelio Conde Pumpido. Director do Centro de División de Transferencia de Tecnoloxía do CITT da Universidade de Santiago de Compostela.

-Jaime Fábregas Casal, profesor titular do departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

-Carme Jove Ferreiro, grupo III do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Javier Quiñoy Taboada, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria:

-Elena Lago Area. Funcionaria de carreira da escala de Xestión da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente.

Presidente:

-Sergio Casas Fernández. Vicerrector de Investigación e Terceiro Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Representantes da universidade.

-Juan Manuel Lema Rodicio. Catedrático do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela.

-Óscar García Martín. Profesor titular do departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa.

-César Novoa Gil, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Ezequiel Vázquez Fernández, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretario:

-Antonio Espada Arias, funcionario de carreira da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

3848