Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 26 de maio de 1998 Páx. 5.713

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 19 de maio de 1998 pola que se regula a concesión de axudas económicas ós concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a temporada de verán.

O artigo 148.1º.22 da Constitución española establece, entre as competencias que poden asumi-las comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades en relación coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica.

A promulgación da Lei orgánica de corpos e forzas de seguridade do Estado 2/1986 proporciónalle á Comunidade Autónoma de Galicia unha ampliación de competencias en materias non previstas no estatuto e, entre outras, a coordinación de policías locais.

Conforme o Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a coordinación das policías locais.

Por medio da presente orde prétendese dar cumprimento ó mandado xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, polo que, ó abeiro do disposto no artigo 4 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, en tanto a coordinación abrangue entre outras medidas, as de colaboración que lles permitan ós servicios de policía dos concellos galegos acadar unha acción conxunta e eficaz, regulándose por medio da presente orde o procedemento para a concesión de axudas destinadas ós concellos que incrementen considerablemente a súa poboación na temporada de verán, para a contratación temporal de auxiliares de policía local nese período.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá cos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos seus corpos de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a temporada de veran, convocando axudas destinadas a sufraga-los custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conte cun corpo de policía local.

b) Os que pola afluencia estival incrementen considerablemente a súa poboación durante os meses de verán.

2. O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais non poderá supera-lo número de membros que integran o cadro de persoal do corpo de policía local do concello peticionario.

3. Corresponderalle ó concello peticionario o pagamento do 25% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, sendo por conta da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o pagamento do 75% .

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do presente obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de vintecinco millóns de pesetas (25.000.000), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.123.A.460.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1998.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracions públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente do concello polo que se acorda a contratación temporal do/s auxiliar/es de policía local, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante que acredite a constitución do corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

c) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada ata a data de publicación da presente orde, que inclúa as previsións de cre

cemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

d) Nome do/s auxiliar/es que a corporación vaia contratar, así como acreditación de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local convocado pola Academia Galega de Seguridade ou estar en posesión del no momento da contratación, cumprindo así co requisito que establece a disposición adicional segunda da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

e) Respecto á poboación deberán remitir:

-Certificación municipal do número de veciños que conforman o padrón municipal de habitantes.

-Certificación municipal do contido dos documentos do concello nos que se cuantifique a afluencia turística anual ó concello, desagregada por meses, e nos que se describirán os criterios utilizados para efectuar esa cuantificación.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións.

Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, emitíndose o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración Local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da

recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais podera anula-la concesión da subvención.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Crecemento poboacional do concello nos meses de verán debido á súa afluencia turística.

Artigo 9.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Para recibi-la subvención, os concellos seleccionados deberán remitir á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local (Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais), antes do día 30 de setembro de 1998, os seguintes xustificantes dos gastos realizados:

a) Copia compulsada do contrato vixente que o concello formalice co/os auxiliar/es.

b) Mandamento de pagamento ou certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, conformada polo interventor do concello.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1998.

Jesus C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

3763