Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 26 de maio de 1998 Páx. 5.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de maio de 1998 pola que se convocan e aproban as bases que rexen as convocatorias de bolsas e axudas de apoio á formación e actualización do profesorado universitario.

O artigo 3.2º.e) da Lei 11/1983, de 25 de agosto, de reforma universitaria, establece que a selección, formación e promoción do persoal docente de cada universidade é competencia da universidade, dentro da súa autonomía. A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia respecto da creación de centros e implantación de titulacións. Deste xeito, póñense en marcha accións que favorezan a calidade da docencia das ensinanzas autorizadas e efectivamente xa implantadas a través do contacto con profesores doutras universidades, como das autorizadas e aínda non implantadas. Precisamente por iso, as accións deseñadas son de apoio á formación, pois carecería de fundamento legal financiar bolsas para a formación nunha futura titulación, se as universidades non pensan imparti-los estudios conducentes a ela, ou se os departamentos entenderan que non precisaban formar máis persoal nesa materia determinada.

Froito da experiencia de anos anteriores e das suxestións feitas polas propias universidades, procédese a convocar tres accións distintas, nas que se recollen as modificacións de tipo procedemental necesarias, orientadas á actualización do profesorado na materia que imparten, formación do profesorado en novas titulacións e axudas para o financiamento de estadías de profesores visitantes.

Neste tipo de accións son as universidades as que garanten a actualización, reciclaxe e promoción do seu profesorado, así como a liña na que queren favorece-la súa formación.

Con estas accións trátase, polo tanto, de pór en marcha un plan de accións que cumpra os marcos legais establecidos polo noso ordenamento e contribúa a mellora-la calidade do sistema universitario de Galicia, apoiando a formación e actualización do profesorado universitario da Comunidade Autónoma. Cada unha das accións deseñadas contribúe a ese obxectivo.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse as bolsas e axudas que a continuación se indican para apoio á formación e perfeccionamento do profesorado, e apróbanse as bases polas que se rexen as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1. Bolsas para actualización do profesorado respecto da materia que imparten.

2. Axudas para a formación de profesores en novas titulacións.

3. Axudas para o financiamento de estadías de profesores visitantes.

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de 2.600.000 ptas. para os anexos I e II e 16.500.000 ptas. para o anexo III con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.440.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá facer pública unha nova convocatoria, no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzado.

Artigo 3º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 12 meses, de conformidade co establecido no Decreto 267/1994, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 26 de agosto), polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados, dos que sexa competente para resolve-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

BOLSAS PARA ACTUALIZACIÓN DE PROFESORADO RESPECTO DA MATERIA QUE IMPARTEN

O obxecto destas axudas é contribuír á actualización e reciclaxe do profesorado das universidades de Galicia respecto da materia que imparten, mediante o financiamento de estadías en centros e universidades situados fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito tal que se favoreza a modificación parcial do programa da materia que imparten como consecuencia da viaxe.

Bases da convocatoria:

1. Requisitos dos solicitantes.

As bolsas poderán ser solicitadas por tódolos profesores numerarios, interinos ou contratados que per

tenzan a algunha das tres universidades da Comunidade Autónoma, sempre que estean impartindo clases teóricas, teñan dedicación a tempo completo e posúan unha antigüidade mínima de 3 anos na docencia.

2. Duración e período de desfrute.

Estas bolsas cobren estadías de 1 a 2 meses de duración. O seu inicio non poderá ser anterior á data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e a súa finalización non será posterior ó 30 de xuño de 1999.

3. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

3.1. Unha asignación mensual comprendida entre 92.000 e 204.000 ptas. brutas segundo as circunstancias do lugar no que se vai realiza-la estadía.

3.2. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, durante o período de desfrute da estadía.

3.3. Os gastos de matrícula, de se-lo caso, cubriranse só se a comisión a que se alude no punto 8 os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

4. Libramento da axuda.

O importe das subvencións será librado á universidade correspondente para que esta faga o pagamento nun só prazo despois de que o bolseiro asine o documento de aceptación da bolsa ó que se fai mención no punto 10 e no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas no punto 9 e demais puntos das presentes bases.

5. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, segundo o modelo oficial nº 1, que se publica como anexo IV á presente orde e que están á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e nos Vicerrectorados de Profesorado das universidades de Galicia, presentaranse na universidade correspondente ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e a universidade remitiraas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6. Formalización das solicitudes.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

6.1. Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados e especial referencia ós servicios docentes prestados.

6.2. Resumo das unidades temáticas da materia que imparte o solicitante e programa da materia.

6.3. Memoria na que xustifique o interese da estadía para a actividade docente do solicitante, facendo consta-lo programa de actividades que se realizarán e as unidades temáticas que pretende incorporar ou modificar.

6.4. Aceptación do centro onde se vai realiza-la estadía.

6.5. Certificación do departamento correspondente, co visto e prace do director, no que conste que o solicitante reúne os requisitos ós que fai referencia o punto 1 desta convocatoria. Deberase facer referencia tamén á antigüidade na materia na que pretende formarse segundo o Plan de Organización Docente (POD) do departamento.

Ás solicitudes xuntarase a correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta para efectos de xustificante de recepción.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

7. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

7.1. Interese das actividades que se van realizar en relación coa actividade docente do solicitante.

7.2 Currículum do solicitante.

7.3. Antigüidade como docente e antigüidade na materia que imparte e na materia que pretende actualizarse.

7.4. A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia cunha universidade ou centro de investigación no exterior.

8. Resolución do concurso.

A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión formada por tres representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e tres das universidades de Galicia, segundo a composición que se determinará na correspondente orde.

Esta comisión elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades para que resolva. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Obrigas dos bolseiros e seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades a data de incorporación ó centro estranxeiro e, unha vez incorporados, deberán encontrarse, en todo momento, en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute dentro do prazo sinalado no punto 2 das bases da convocatoria deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades.

Non se admitirán cambios nos centros de destino salvo circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo do informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Nos dous meses seguintes ó remate do período de desfrute deberán presentar unha memoria final das actividades realizadas, que deberá incluír informe do director do centro de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia nel. Na memoria faranse constar, xustificadamente, as acti

vidades que se realizarán como consecuencia da estadía, así como as leccións que se incorporarán no programa da súa materia.

Xuntarase, así mesmo, o plan de estudios correspondente e a organización do centro no que se realizou a estadía.

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario dará lugar, se é o caso, á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera momento, a Dirección Xeral de Universidades poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

10. Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

11. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados que, eventualmente, poidan obterse con ocasión do desfrute da bolsa serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que remitirlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

12. Incidencias.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houbere.

A Dirección Xeral de Universidades resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

ANEXO II

AXUDAS PARA A FORMACIÓN DE PROFESORES EN NOVAS TITULACIÓNS

A finalidade desta convocatoria é apoia-la formación, noutros centros universitarios, de persoal docente especializado para as materias novas de carácter troncal ou obrigatorio, sempre que a universidade non teña xa profesorado preparado na área de coñecemento correspondente e as materias sexan de nova implantación ou correspondan a unha titulación aprobada ou de futura implantación nas universidades da Comunidade Autónoma, de xeito tal que se poida comeza-la impartición da materia garantindo un mínimo razoable de calidade docente.

Bases da convocatoria:

1. Requisitos dos solicitantes.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Te-la titulación que sexa precisa para imparti-la materia que se vai implantar (diplomado, licenciado ou doutor).

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos na data de remate da convocatoria.

2. Duración e período de desfrute.

Estas bolsas cobren estadías de ata 10 meses de duración en centros situados fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan o contido da materia que se quere impartir no noso sistema universitario, aínda que non teña a mesma denominación.

A totalidade da bolsa deberá desfrutarse antes do 30 de xuño de 1999 e a súa iniciación non poderá ser anterior á data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Contía das bolsas.

O importe da bolsa comprenderá:

3.1. Unha asignación mensual que estará comprendida entre 92.000 e 204.000 ptas. brutas segundo as circunstancias do lugar, a experiencia profesional do solicitante e as particularidades do plan de traballo que se vaia desenvolver.

3.2. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes durante o período de desfrute.

3.3. Os gastos de matrícula, de se-lo caso, cubriranse só se a comisión á que se alude no punto 8, os considera oportunos e estiveran, en todo caso, convenientemente xustificados na solicitude.

4. Libramento da axuda.

O importe das subvencións será librado á universidade correspondente para que esta faga os pagamentos das bolsas por trimestres adiantados e de acordo coa normativa vixente.

5. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, segundo o modelo oficial nº 2, que se publica como anexo V á presente orde e que está á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e nos Vicerrectorados de Profesorado das universidades de Galicia, presentaranse na universidade correspondente ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 novembro, e a universidade remitiraas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O prazo de presentación de solicitudes, coa documentación á que se fai referencia no punto 6 das bases da convocatoria, será de 20 días hábiles a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

6. Formalización das solicitudes.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

6.1. Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

6.2. Informe sobre a identificación da materia na que pretende formarse na viaxe e actividades que se realizarán durante a estadía que contribuirán á súa formación nela. No informe incluirase xustificación sobre a adecuación do centro de destino ós obxectivos da viaxe e as actividades que se vaian realizar. Así mesmo, deberá explicarse a identidade ou a semellanza entre a materia obxecto de especialización e

a materia que se imparte na universidade receptora.

6.3. Informe realizado polo solicitante no que se faga consta-la motivación da solicitude de axuda, ben como reciclaxe profesional, formación inicial docente (inicio de docencia universitaria) ou cambio voluntario de traxectoria como docente por interese na nova materia.

6.4. Informe do departamento ó que pertence o solicitante no que se faga consta-la necesidade de profesorado especializado para a nova materia de acordo coa dotación da área de coñecemento, no suposto de que quedara adscrita a materia ó departamento.

6.5. Informe da comisión delegada da Xunta de Goberno da correspondente universidade que é competente na materia, respecto da efectiva impartición da materia e da titulación nun futuro próximo, con referencia ás áreas de coñecemento ás que se adscribirá esa materia co fin de comproba-la coherencia da solicitude.

6.6. Aceptación do centro onde se vai desenvolve-lo traballo.

Ás solicitudes xuntarase a correspondente tarxeta normalizada, incluída no modelo de solicitude, debidamente cuberta para efectos de xustificante de recepción.

7. Criterios de selección.

A avaliación das solicitudes farase conforme os seguintes criterios:

7.1. Plan de traballo e o seu interese segundo o establecido no apartado 6.2.

7.2 Currículum do solicitante.

7.3. Informe do departamento ó que se refire o punto 6.4.

7.4. A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas que se propoñan ó abeiro dun convenio xa establecido entre a Xunta de Galicia cunha universidade ou centro de investigación no exterior.

8. Resolución do concurso.

A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión formada por tres representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e tres das universidades de Galicia, segundo a composición que se determinará na correspondente orde.

Esta comisión elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Universidades para que resolva. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Obrigas dos bolseiros e seguimento da axuda.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades a data de incorporación ó centro estranxeiro e unha vez incorporados deberán encontrarse, en todo momento, en condicións de xustifica-lo seu labor asiduo no centro de destino. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute, dentro do prazo sinalado no punto 2 das bases da convocatoria, deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral de Universidades.

Non se admitirán cambios nos centros de destino salvo circunstancias excepcionais que así o aconsellen, logo do informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados.

Os beneficiarios de bolsas con estadías de máis de 6 meses, antes de remata-lo segundo trimestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitir á Dirección Xeral de Universidades un informe do labor realizado ata o momento. Tódolos bolseiros, nos dous meses seguintes ó remate do período de desfrute, deberán presentar un informe final do traballo realizado, que deberá incluí-la copia dos traballos eventualmente publicados, o informe do director do centro de destino sobre o labor realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia no centro, e un proxecto docente relativo á materia na que se estivo a preparar. Para os efectos da memoria, enténdese o proxecto docente como organización curricular da materia para un tempo fixado e nun plan de estudios concreto, para o ensino e a aprendizaxe dos coñecementos consolidados nesa materia.

O incumprimento de calquera dos compromisos contraídos polo beneficiario dará lugar, se é o caso, á supresión da axuda concedida e á reclamación das cantidades anticipadas. En calquera momento, a Dirección Xeral de Universidades poderá reclamar do centro receptor un informe sobre o labor realizado polo bolseiro.

10. Aceptación da bolsa.

A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro no que se compromete a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

11. Publicación dos resultados obtidos.

Os resultados obtidos con ocasión do desfrute da bolsa serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer consta-la axuda recibida da Xunta de Galicia e terán que remitirlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un exemplar da publicación na que se recolla.

12. Incidencias.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houber. A Dirección Xeral de Universidades resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

ANEXO III

AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DE ESTADÍAS DE PROFESORES VISITANTES

A finalidade destas axudas é apoia-la formación do profesorado universitario da Comunidade Autónoma financiando a estadía de profesores de recoñecido prestixio que desexen incorporarse temporalmente a unha das universidades galegas, con motivo de difundi-los seus coñecementos entre a nosa comunidade universitaria.

Bases da convocatoria:

1. Requisitos dos candidatos.

Os candidatos serán profesores universitarios de recoñecido prestixio, pertencentes a centros situados fóra da nosa Comunidade Autónoma.

2. Duración e período de desfrute.

A duración da estadía dos profesores visitantes deberá ser superior a 1 mes e inferior a 10, correspondentes ó curso académico 1998/99.

3. Contía da axuda.

A contía da axuda asignada a cada beneficiario estará comprendida entre 170.000 e 300.000 ptas. por mes de estadía.

4. Presentación de solicitudes.

As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo VI á presente orde e que están a disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Universidades e nos Vicerrectorados de Profesorado das universidades de Galicia, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Cada universidade poderá presentar, como máximo, o equivalente a dúas peticións de máxima duración, que se financiarán.

A Dirección Xeral de Universidades admitirá as dúas propostas seleccionadas por cada unha das universidades pois entende que, en virtude do establecido no artigo 3.2º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, as universidades teñen autonomía para a selección, formación e promoción do persoal docente e investigador, así como a determinación das condicións nas que estes teñen que desenvolve-la súa tarefa.

5. Formalización das solicitudes.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

-Proposta de gasto correspondente á visita, así como especificación da parte do gasto que se pensa financiar coa axuda concedida pola consellería. A especificación farase sempre e cando a proposta de gasto sexa superior á cantidade máxima fixada como axuda posible.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

6. Resolución.

A Dirección Xeral de Universidades publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden estas axudas.

7. Outras condicións.

O importe das subvencións será librado á universidade correspondente. Rematado o período de desfrute, cada universidade remitiralle á Dirección Xeral de Universidades un informe no que se detallen as actividades realizadas polo profesor visitante durante a estadía.

4762