Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Xoves, 21 de maio de 1998 Páx. 5.592

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 11 de maio de 1998 pola que se modifica a Orde do 8 de setembro de 1995 sobre o procedemento de xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios e silvícolas.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 8 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia nº 186) regula para o período 1994-1999 o procedemento de xestión das axudas establecidas nos regulamentos (CE) 951/1997 e 867/1990 así como no Real decreto 633/1995, do 21 de abril.

A modificación da estructura orgánica da Xunta de Galicia, producida como consecuencia dos decretos 347/1997, do 9 de decembro, e 351/1997, do 10 de decembro, supuxo a adscrición da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural á Consellería de Medio Ambiente, restrinxíndose as competencias da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en materia de industrias agrarias ós sectores agroalimentarios exclusivamente.

Por outra parte, no artigo 10 da citada orde, particularizábanse as condicións específicas para o exercicio orzamentario de 1995. Co inicio do exercicio de 1998 e a perda de vixencia do citado artigo convén establece-las condicións particulares das citadas axudas para o presente ano.

Por todo iso, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Modifícase o artigo 1º da Orde do 8 de setembro de 1995 que queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 1º.-

O obxecto da presente orde é regular de forma xeral o procedemento de xestión das axudas establecidas no Regulamento (CEE) 951/1997, así como no Real decreto 633/1995 para as industrias agroalimentarias durante o período 1994-1999».

Modifícase o apartado 1 do artigo 2º da Orde do 8 de setembro de 1995 que queda redactado nos seguintes termos:

«1. Considéranse como subvencionables os investimentos referentes ás medidas incluídas no subprograma operativo relativo á mellora das condicións de transformación e comercialización dos productos agrarios aprobado na Decisión C (94) 3464 do 14 de decembro de 1994, e que se relacionan no anexo C, excluído o sector forestal».

Modifícanse os apartados 1, 2, 3 e 4 do artigo 5º da Orde do 8 de setembro de 1995 que tería a seguinte redacción:

«Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentaranse no modelo que figura no anexo A, xunto coa documentación adicional que se detalla por duplicado e dentro do prazo máximo establecido. O lugar de presentación será prioritariamente os servicios de Industrialización e Comercialización Agraria das delegacións provinciais correspondentes da consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Para a selección dos proxectos a aprobar así como para establece-las porcentaxes de subvención a conceder, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria terá en conta os seguintes criterios:

-Viabilidade técnica, económica e financeira.

-Beneficio dos productores de base galegos.

-Aproveitamento e grao de transformación das materias primas agrarias galegas.

-Calidade dos productos obtidos e/ou comercializados.

-Xeración de postos de traballo.

-Data de presentación da documentación completa.

3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as peticións presentadas tendo en conta o sinalado no apartado anterior así como as dispoñibilidades orzamentarias de cada momento.

4. Dado que estas axudas se enmarcan dentro dun programa operativo de carácter plurianual que estará vixente ata 1999, as solicitudes non resoltas no ano da súa presentación por falta de dispoñibilidades orzamentarias, poderanse volver considerar nos seguintes exercicios orzamentarios».

Modifícase o artigo 10º da Orde do 8 de setembro de 1995, que quedará redactado da seguinte forma:

«Artigo 10º.-Condicións específicas para o exercicio orzamentario de 1998.

1. Os investimentos incluídos na petición de axuda non poderán estar iniciados con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1998, condición que deberá estar suficientemente acreditada.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles, desde a entrada en vigor da presente orde.

3. O pagamento das subvencións efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.713A.770.00 (2.647.000.000 de ptas.), así como con cargo ós remanentes incorporados ó ano 1998, e non comprometidos».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

4617