Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Mércores, 20 de maio de 1998 Páx. 5.565

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Conservera de Esteiro, S.A.U., no concello de Muros (A Coruña) e se inclúe no réxime especial creado polo R.D. 2366/1994. (Expediente 679/1996).

Visto o escrito presentado pola empresa Conservera de Esteiro, S.A.U., con enderezo para efectos de notificacións en r/ Praia de Somorto s/n, Esteiro - Muros, A Coruña, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 3 de setembro de 1996, a referida empresa, dedicada á fabricación de conservas, solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na súa factoría do municipio de Muros (A Coruña). A dita solicitude vai acompañada do preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e de aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en servicio das instalacións proxectadas e o resto da documentación á que fai referencia o artigo 5.4º do citado R.D. 2366/1994.

As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Dous motores de combustión interna alternativos alimentado por fuelóleo, de 6.590 kW cada un; dous xeradores síncronos trifásicos de 6.590 kVA c/u, tensión de xeración 6 kV; un centro de transformación r/t 15/6, con dous transformadores de 6,5 mVA de potencia c/u, montado en interior; instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando sinalización e medida.

Segundo.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, o 10 de outubro de 1996 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña resolveu someter á información pública a autorización administrativa da instalación de referencia. A mencionada resolución publicouse no DOG do 11-11-1996 e no BOP da Coruña do 18-11-1996, sen que se presentase no período legalmente establecido ningunha alegación.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da dita delegación provincial.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado R.D. 2366/1994.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autorizarlle a instalación dunha planta de coxeración á empresa Conservera de Esteiro, S.A.U., que se situará nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Muros. (A Coruña).

-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2366/1994, e incluíla no grupo d) do artigo 2 de dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do R.D. 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordi

nario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa publicación.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

3828