Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Mércores, 20 de maio de 1998 Páx. 5.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 139/1998, do 30 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Boiro (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación de terreos para novos centros educativos, ampliación do parque da Cachada, piscina climatizada-cuberta e pavillón polideportivo.

O Concello de Boiro (A Coruña), en sesión celebrada o día 22 de setembro de 1997, aprobou o proxecto de expropiación dos terreos para novos centros educativos, ampliación do parque da Cachada, piscina climatizada cuberta e pavillón polideportivo e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque os terreos se precisan para poñelos á disposición da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria co obxecto de construír un centro de ensino secundario obrigatorio e por outra banda amplia-lo actual parque da Cachada, garantindo deste xeito a existencia dunha zona verde como inmellorable contorno das instalacións.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Boiro (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación dos terreos para novos centros educativos, ampliación do parque

da Cachada, piscina climatizada cuberta e pavillón polideportivo.

Santiago de Compostela, trinta de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

4522