Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 1998 pola que se convoca un seminario sobre política rexional nun Estado democrático.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 1998 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creacion da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificacion da anterior, convócase, en colaboración coa Escola Moscovita de Estudios Políticos, co Ministerio de Asuntos Exteriores e coa Axencia Española de Cooperación Internacional e Unión Europea, un seminario sobre política rexional nun estado democrático, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Apoia-la formación e o desenvolvemento dunha política rexional dándolle a coñecer ós asistentes a realidade interadministrativa entre o Estado español e as súas comunidades autónomas, así como a visión das experiencias rusas acumuladas neste campo.

2. Contido.

Trataranse, entre outros, estes temas:

-Os sistemas do poder estatal e as federacións no ámbito administrativo: delimitacións competenciais.

-Unitario e federalismo: experiencias e a Constitución española.

-O papel desempeñado polas comunidades autónomas na política española.

-O punto de partida das autonomías e a súa extrapolación ó actual federalismo ruso.

-As relacións entre a federación e os seus suxeitos: o problema orzamentario.

-Vantaxes e desvantaxes do sistema autonómico e o federalismo.

-As relacións entre a federación e os entes municipais.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o seminario convocado terá lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela), os días 10, 11 e 12 de xuño.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 5 de xuño de 1998.

-Tramitacón de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela),

segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición forá de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condicións de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando, a partir do día 5 de xuño, por teléfono das 10 ás 14.30 horas, ós seguintes números: (981) 54 62 39 ou (981) 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aqueles asistentes que concorresen asiduamente a este, cando a súa inasistencia non sexa igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas e, expresarase neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

3452