Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 13 de maio de 1998 Páx. 5.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 1998 pola que se convoca un curso sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1998 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, a formación dos bombeiros é unha das tarefas encomendadas á devantida academia.

Con base no anterior anúnciase a celebración dun curso sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberá desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo colectivo de bombeiros de Galicia dos coñecementos necesarios no tema de primeros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de bombeiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas.

O número de prazas ofertadas para este curso será de 40.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de xuño, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o seu incumprimento comportará a devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso terá unha duración de 40 horas lectivas, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas: a)Primeiros auxilios. Queimaduras. b) Traumatismos cranioencefálicos e da columna. c) Traumatismos toraco-abdominais. d)Fracturas, escordaduras e contusións. e) Transporte do lesionado. f) O SOS Galicia. A asistencia de emerxencia na nosa comunidade. g) Excarceración. h) Rescate de feridos con helicópteros.

Datas.

O curso celebraráse do 22 ó 26 de xuño de 1998.

O horario será de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 15 de xuño, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (986) 59 00 21.

Lugar.

Na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, comportará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 1998.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Escola Galega de Seguridade

4342