Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 12 de maio de 1998 Páx. 5.087

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de abril de 1998 pola que se clasifica como de interese docente a Fundación Santiago Apóstol de Ciencias Sociales.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Santiago Apóstol de Ciencias Sociales, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito de 13 de abril de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública, outorgada en Santiago de Compostela, o día 18 de febreiro de 1998, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña José Antonio Montero Pardo, co número douscentos noventa e nove do seu protocolo, por Julián Barrio Barrio, Joaquín Arias Díaz de Rábago, Francisco Gómez Fernández e Juan Filgueiras Fernández, que interveñen en nome propio e, ademais, en representación da entidade relixiosa Escuela de Enseñanza Social.

3. Segundo consta no artigo 6 dos estatutos, o obxecto da fundación é afectar un patrimonio á promoción e realización sen ánimo de lucro, de actividades socio educativas conforme ós principios de animación con espíritu cristián de orde temporal, de desenvolvemento social solidario e de respecto ó cambio equilibrado e o pluralismo ideolóxico.

4. O padroado da fundación estará constituído por Joaquín Arias Díaz de Rábago, Julián Barrio Barrio, Francisco Gómez Fernández e Juan Filgueiras Fernández.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese docente da Fundación Santiago Apóstol de Ciencias Sociales dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 20 de abril de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese docente a Fundación Santiago Apóstol de Ciencias Sociales e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

4073