Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 11 de maio de 1998 Páx. 4.984

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 133/1998, do 30 de abril, sobre os servicios prestados nos centros de Innovación e Servicios relativos ó deseño, á tecnoloxía e á madeira.

Integrados na estructura do Igape foron creados dous centros de Innovación e Servicios, un deles dedicado ó deseño e á tecnoloxía, e o outro dedicado á madeira. Ámbolos dous centran a súa actividade no desenvolvemento da investigación, a tecnoloxía, a calidade e a competitividade, asesorando e prestando servicios ás empresas, organismos e particulares demandantes de servicios.

Unha mellor organización dos recursos públicos da Comunidade Autónoma apunta a que as actividades de I+D deban ser deseñadas e executadas desde un único departamento. Neste sentido, a Consellería de Industria e Comercio ten atribuída, de acordo co Decreto 99/1998, do 26 de marzo, a competencia en materia de planificación e fomento tecnolóxico.

Por outra banda, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia foi creada polo Consello da Xunta de Galicia, cunha dotación fundacional integramente pública, como un instrumento ó servicio da Administración autonómica. A dita fundación considérase o instrumento idóneo para encarreira-la a actividade dos centros antes mencionados e está habilitada especificamente para iso en virtude dos seus estatutos.

Por todo iso, por iniciativa dos conselleiros de Economía e Facenda e de Industria e Comercio e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os servicios prestados actualmente polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a través dos centros sinalados no apartado 2 deste artigo serán xestionados pola Consellería de Industria e Comercio a través da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia (en adiante a fundación).

2. Os centros a que se refire o presente decreto ( en adiante os centros) son os seguintes:

a) Centro de Innovación e Servicios do Deseño e a Tecnoloxía, domiciliado na península da Cabana (Ferrol).

b) Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira, domiciliado no Parque Tecnolóxico de Galicia en Ourense.

Artigo 2º

Os centros citados no artigo anterior seguirán destinados á prestación de servicios de desenvolvemento tecnolóxico, á investigación, á verificación e ensaios para a homologación e á normalización, á formación humana en materias relacionadas coas anteriores funcións, á elaboración de informes, estudios, publicacións, documentación técnica e bases de datos, así como, en xeral, ó desenvolvemento de calquera outra actividade que faga progresa-la tecnoloxía, a calidade e a competitividade empresarial.

Artigo 3º

A fundación queda subrogada en tódolos dereitos e obrigas do Igape existentes na data de entrada en vigor do presente decreto como consecuencia da xestión dos centros.

Artigo 4º

O persoal laboral do Igape destinado nos centros integrarase con tódolos seus dereitos persoais segundo convenio, antigüidade, categoría e retribución na fundación, sendo computados os servicios prestados no Igape para efectos de antigüidade, promoción interna e indemnizacións. Ó dito persoal manteránselle as condicións de traballo, así como as prestacións sociais, incluídas as de formación, que non serán inferiores ás que teñen establecidas ata agora como persoal do Igape. No caso de que a fundación deixe de desempeña-los servicios citados no artigo 2º, o mencionado persoal adscribirase ó Igape ou a calquera outro ente, fundación ou organismo que asuma a xestión dos centros.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Igape entregará o edificio en que se sitúa o Centro de Innovación e Servicios de Deseño e a Tecnoloxía ó patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Segunda.-O Igape cederá a propiedade dos bens mobles situados nos centros mediante convenio que se vai subscribir coa fundación, que deberá destinalos ós fins sinalados no artigo 2º do presente decreto. Os ditos bens reverterán ó Igape ou a calquera outro ente, fundación ou organismo que asuma a xestión dos centros.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 233/1996, do 24 de maio, de creación do Centro de Innovación e Servicios Tecnolóxicos da Madeira, e a orde da Consellería de Economía e Facenda, do 29 de outubro de 1996, que aproba o regulamento do dito centro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-De conformidade coa disposición final primeira da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, o conselleiro de Economía e Facenda tomará as medidas necesarias para adapta-los orzamentos da Consellería de Industria e Comercio e do Igape á execución orzamentaria realizada por este ente público, desde o 1 de xaneiro de 1998 ata a entrada en vigor deste decreto, en relación á xestión dos centros.

Segunda.-Facúltanse os conselleiros de Economía e Facenda e de Industria e Comercio para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto e para adopta-las medidas necesarias para a adecuada xestión dos centros pola fundación.

Terceira.-Autorízase o Igape a adopta-las medidas necesarias para adapta-la súa situación contable ás disposicións contidas no presente decreto.

Cuarta.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de abril de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3941