Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Mércores, 29 de abril de 1998 Páx. 4.491

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 1998 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ó sector lácteo para a mellora da calidade do leite entre o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) e as entidades financeiras.

Con data do 13 e 15 de abril o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG) e 12 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer unha líña de axudas de apoio financeiro ó sector lácteo, ó amparo do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos económicos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 26 de marzo de 1998, pola que se establecen axudas financeiras para a mellora da calidade do leite.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se crea o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia e o seu regulamento, aprobado por Decreto 128/1996, do 14 de marzo, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

En cumprimento do disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 11 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e co obxecto de darlle unha adecuada difusión, facer público o texto do convenio coas entidades financeiras que figuran como anexo I e a relación de entidades que subscribiron, que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1998.

Castor Gago Álvarez

Presidente do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia

ANEXO I

Convenio de apoio financeiro ó sector lácteo para a mellora da calidade do leite, subscrito entre o ILGG e as entidades financeiras.

Exponendos:

Primeiro: que o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, constituído coa finalidade de executa-la política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no sector lácteo e gandeiro, para o cal pode levar a cabo todo tipo de accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario e ó seu desenvolvemento equilibrado e integrado, podendo establecer convenios con entidades de dereito público ou privado para o mellor exercicio das súas funcións e, incluso, captar sistemas de apoio e financiamento co obxectivo da mellora do sector lácteo e gandeiro.

Segundo: que a entidade financeira asinante está interesada en participar no programa posto en marcha desde a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través do organismo autónomo adscrito a ela, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, de apoio ó sector lácteo, tanto no que atinxe ós productores de leite como ás cooperativas e sociedades anónimas de transformación (SAT) que se dedican á recollida deste, para o cal está disposta a outorgar apoio financeiro ós profesionais do sector que reúnan a condición de beneficiarios nunhas condicións especiais.

Terceiro: que, ó abeiro do disposto na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, quedan excluídos do seu ámbito os convenios de colaboración que celebren a Administración con persoas físicas ou xurídicas suxeitas ó dereito privado, sempre que o seu obxecto non estea comprendido nos contratos regulados nela ou en normas administrativas especiais. Non obstante, disponse no apartado 2 deste artigo que estes convenios se regularán, preferentemente, polas súas normas administrativas especiais, aplicándoselles, supletoriamente, os principios da propia lei para resolve-las dúbidas e lagoas que puideran presentarse.

Cuarto: que no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 existe dotación orzamentaria adecuada e suficiente na aplicación orzamentaria 09.50.614 A 773 para facer fronte ás obrigas económicas derivadas do disposto no presente convenio.

Quinto: que na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 26 de marzo de 1998, se especifican as axudas financeiras para a mellora da calidade do leite, prevéndose no seu artigo 4 que estas se instrumentarán a través de convenios que se subscribirán con entidades financeiras, nos que se fixen as condicións e requisitos relativos á xestión, administración e delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións delas.

Xa que logo, de acordo con todo o anteriormente exposto, tendo en conta os intereses comúns de ámbalas dúas partes, a través do presente convenio preténdese articular un marco de colaboración con suxeición ás seguintes

Cláusulas

Primeira.- Obxecto.

O obxecto do presente convenio é o establecemento do xeito e condicións nos que deberá de desenvolverse a colaboración entre as partes asinantes en relación coas medidas de apoio financeiro que estas lle presten ó sector lácteo para a mellora da calidade do leite, de acordo co establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 26 de marzo de 1998.

Segunda.- Beneficiarios.

Poderán solicita-los préstamos acollidos ó presente convenio os titulares de explotacións leiteiras e cooperativas ou sociedades agrarias de transformación (SAT) recolledoras de leite que reúnan os requisitos que a seguir indican:

1) Titulares de explotacións leiteiras:

a) Que a explotación estea situada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que teña asignada cantidade de referencia para producción de leite ó seu nome.

c) Estar ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

d) Comprometerse a realiza-la actividade de producción de leite na explotación durante un mínimo de cinco anos desde a data de concesión da axuda.

e) Comprometerse a que, cando rematen os investimentos obxecto da axuda para a cal se lles outorga o apoio financeiro, a explotación e o leite producido cumpran a normativa sobre calidade do leite establecida no Real decreto 1679/1994.

2) Cooperativas e sociedades agrarias de transformación:

a) Que realicen a recollida de leite en explotacións leiteiras situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que teñan a súa razón social na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean recoñecidas como primeiros compradores de leite, polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), no momento de presenta-la solicitude.

d) Que recollesen máis de 500.000 Kg de leite a productores na campaña leitera 1996-1997.

e) Que recollan leite en máis de dez explotacións leiteiras.

f) Que estean ó día no cumprimento das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

g) Que se comprometan a que, cando rematen os investimentos obxecto da subvención, o centro de recollida cumpra o disposto no Real decreto 1679/1994, para este tipo de establecementos.

Terceira.- Actividades subvencionables.

De acordo co establecido na antedita orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 26 de marzo de 1998, o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia poderá subvencionar e a entidade financeira conceder, do xeito establecido no artigo 5 da dita orde e na cláusula quinta do presente convenio, os préstamos outorgados que soliciten as persoas físicas ou xurídicas beneficiarias, do xeito que segue:

1) Explotacións leiteiras:

a) Construcción de salas de muxidura e de salas de espera á muxidura.

b) Construcción de leiterías nas explotacións.

c) Adquisición de equipos para a muxidura e refrixeración do leite na explotación.

d) Outros investimentos para a mellora da eficiencia, a calidade e as condicións hixiénico-sanitarias das explotacións leiteiras.

2) Cooperativas e sociedades agrarias de transformación recolledoras de leite:

a) Modernización das instalacións de carga, descarga, refrixeración e almacenamento do leite.

b) Adquisición de cisternas de recollida, preferentemente con mostreo automática.

c) Outros investimentos para a mellora da eficiencia, a calidade e as condicións hixiénico-sanitarias das súas instalacións.

Cuarta.- Modalidade das axudas.

O apoio financeiro outorgado polo ILGG concrétase nunha subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos concertados entre as entidades financeiras colaboradoras e os beneficiarios das axudas para a realización das actividades recollidas na cláusula primeira, sen que isto supoña un aumento da súa capacidade de producción.

Quinta.- Condicións dos préstamos.

Os préstamos que as entidades financeiras colaboradoras lles concedan ós beneficiarios deste programa terán as seguintes características:

1) Importe do principal: a cantidade máxima que se poderá conceder non superará o 95 por cento do importe do investimento incentivable aprobado polo ILGG nin superará, en ningún caso, os vinte millóns de pesetas.

Ademais, no caso de explotacións leiteiras, os ditos investimentos non poderán supera-los seguintes límites establecidos en función do número de vacas:

* Entre 1 e 10 vacas: 120.000 pesetas por cada unha.

* Entre 11 e 20 vacas: 110.000 pesetas por cada unha.

* De 21 vacas en diante: 100.000 pesetas por cada unha.

Para tal efecto, o importe do préstamo outorgado para efectua-lo investimento incentivable determinarase en función da base impoñible que figure na factura proforma, é dicir, sen ter en conta o imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro imposto recuperable do custo do investimento.

2) Prazo de amortización: ata cinco anos, dos cales un, o primeiro, será de carencia.

3) Tipo de xuro e subsidiación: fíxase un tipo de xuro preferencial de 5,40 por 100 anual, revisable, automáticamente, o 1 de xaneiro de cada ano.

O novo valor do tipo de xuro será o MIBOR a un ano correspondente ó mes de novembro anterior, incrementado en 1,25 puntos e redondeado á décima de punto pola regra do cinco.

Cada revisión do tipo de xuro actualizará o tipo de xuro da totalidade dos préstamos formalizados desde o inicio da vixencia do convenio.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia subsidiará os puntos do tipo de xuro necesarios para que o que en cada momento teña que paga-lo prestatario sexa do 1% sobre o capital disposto.

4) Amortización: as amortizacións do principal efectuaranse en cotas trimestrais iguais, con vencemento o último día do trimestre natural respectivo, debéndose recoller no instrumento de formalización do préstamo o número de cotas e o importe destas para toda a vida do préstamo.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, o prestatario poderá efectuar amortizacións anticipadas do préstamo, e mesmo cancelalo, cando o considere pertinente e sen que se lle poida cargar por isto ningún tipo de gasto ou comisión.

O importe da antedita amortización anticipada poderase destinar a cancela-las últimas amortizacións do préstamo ou á reducción, en igual contía, das cotas de amortización restantes, a elección do beneficiario. A entidade financeira deberalle comunicar, puntualmente, as anteditas amortizacións anticipadas ou a cancelación, ó ILGG, así como o novo calendario das amortizacións restantes e, en calquera caso, antes de presentarlle a solicitude de cobro anual da subsidiación do tipo de xuro.

5) Liquidación de xuros: as liquidacións do 1% de xuro a conta do prestatario realizaranse trimestralmente, coincidindo co último día de cada trimestre natural, calculándose os xuros en función do capital vivo, agás, se é o caso, para o ano de carencia, no que se calcularán estes en función do préstamo efectivamente disposto.

Para o cálculo dos anteditos xuros tódolos trimestres serán de 90 días, sendo os meses de 30 días

e computándose estes, para liquidacións, desde a data de disposición, incluída esta.

6) Gastos: a concesión e cancelación dos préstamos acollidos ó presente convenio só devengará unha comisión única, do 0,75% do capital prestado, por conta do prestatario, por tódolos conceptos.

Os gastos de formalización do préstamo en documento público serán por conta do prestatario.

7) Conta restrinxida: a disposición da cantidade prestada efectuarase a través dunha conta restrinxida aberta na entidade financeira prestamista a nome do prestatario, na que se efectuarán tódolos aboamentos e pagamentos do préstamo concedido durante a vida deste.

Sexta.- Tramitación das solicitudes.

Segundo o disposto no artigo 7 da antedita orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 26 de marzo de 1998, as solicitudes poderanse presentar, con independencia do establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, tanto nas axencias de Extensión Agraria como nas oficinas das entidades financeiras colaboradoras, no modelo oficial que figura como anexo á antedita orde e por cuadruplicado exemplar.

1) Cando as solicitudes se presenten nas axencias de Extensión Agraria serán estas as que lle dean rexistro de entrada, quedando cunha copia, entregándolle outra ó solicitante e achegándolle as dúas restantes á oficina respectiva da entidade financeira colaboradora, a cal quedará con outra e achegará, no prazo dun mes, debidamente informada a restante xunto co xustificante da aprobación do préstamo ó respectivo Servicio Provincial do ILGG, a través dunha única oficina da entidade financeira que para o efecto designe esta para cada provincia.

2) Cando o posible beneficiario opte por presentar directamente a súa solicitude na entidade financeira, será esta a que lle dea entrada e, de modo inmediato, lle achegue unha copia dela á Axencia de Extensión Agraria da comarca onde estea situada a explotación ou a instalación, entregándolle outra ó interesado e quedándose cunha terceira. A restante, xunto coa documentación e co xustificante da aprobación do préstamo, remitiralla ó respectivo Servicio Provincial do ILGG, do xeito establecido no parágrafo anterior.

3) Cando a solicitude se presente directamente na entidade financeira, esta velará, para que con ela se achegue a seguinte documentación:

A) Axudas para o investimento en explotacións leiteiras:

a) Fotocopia do DNI do titular da explotación ou do CIF, no caso de ser este unha persoa xurídica.

b) Xustificante da cantidade de referencia asignada para a producción de leite.

c) Xustificante de estar ó día no pagamento das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Copia cotexada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) ou do imposto de sociedades (IS) segundo proceda, referidos ó último exercicio do que xa estivera vencido o prazo para a presentación da declaración en período voluntario.

e) Poder notarial ou autorización específica do órgano rector da entidade para presenta-la solicitude de axuda, no caso de tratarse dunha persoa xurídica.

f) Copia da folla de saneamento gandeiro.

g) Plan de investimento que se vai realizar na explotación, para a mellora da calidade do leite, que inclúa unha memoria descritiva das melloras que se van executar, cun deseño (bosquexo) e orzamento, xuntando factura proforma e maquinaria e instalacións obxecto do investimento.

B) Axudas ó investimento para cooperativas e SAT recolledoras de leite:

a) Fotocopia do CIF do solicitante.

b) Copia cotexada do resumo da declaración de compras de leite efectuadas a productores, realizada perante o FEGA, correspondente á campaña 1996-1997.

c) Xustificante de estar ó día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social.

d) Copia cotexada da declaración do imposto de sociedades (IS) do último exercicio do que xa estivera vencido o prazo para a súa presentación en período voluntario.

e) Poder notarial ou autorización específica do órgano rector da entidade para presenta-la solicitude de axuda.

f) Plan de investimentos que se vai realiza-la empresa para a mellora da calidade do leite, que inclúa unha memoria descritiva das melloras que se van executar, cun deseño (bosquexo) e orzamento, xuntando factura proforma da maquinaria e instalacións obxecto do investimento.

En todo caso, tanto os titulares dos explotacións leiteiras como as cooperativas e SAT recolledoras de leite, deberán xuntar declaración de que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4) As entidades financeiras colaboradoras asinantes do presente convenio non poderán aceptar ningunha solicitude que se presente nas súas oficinas despois do 30 de setembro de 1998.

Sétima.- Formalización dos préstamos e disposición dos fondos.

1) Unha vez que a dirección do ILGG lle comunique á entidade financeira a concesión da axuda para a subsidiación do tipo de xuro do préstamo,

aquela terá un prazo máximo de tres meses para proceder á súa formalización, considerándose ineficaz a resolución de concesión da axuda se neste prazo non se subscribise aquel, agás autorización expresa da dirección do ILGG, logo da solicitude razoada do beneficiario, xunto coa conformidade da entidade financeira.

2) O instrumento de formalización do préstamo recollerá, nunha das súas cláusulas, que o mesmo se acolle ó presente convenio e deberá establecer, así mesmo, dun xeito claro, o tipo de xuro total da operación, o diferencial do tipo de xuro obxecto da subsidiación e o tipo resultante para o beneficiario segundo o especificado na cláusula quinta deste convenio.

3) A entidade financeira colaboradora queda obrigada a comunicarlle ó respectivo Servicio Provincial do ILGG a formalización do préstamo, xuntando copia da póliza, ó mesmo tempo que procede o aboamento na conta designada para o beneficiario o 70% do seu importe, cantidade da que aquel poderá dispor inmediatamente.

Para poder dispor do 30% restante, o beneficiario terá que ter realizado previamente a totalidade do investimento e solicitarllo á entidade financeira, debendo xuntar coa dita solicitude a documentación acreditativa da realización do investimento.

A entidade financeira solicitaralle ó Servicio Provincial do ILGG autorización para o libramento da devandita porcentaxe restante, xuntando a documentación acreditativa da realización do investimento presentada polo prestatario.

Antes de que a entidade financeira lle poida libra-la antedita porcentaxe do 30% ó prestatario, o Servicio Provincial do ILGG comprobará que se efectuaron as melloras para as que se solicitou o préstamo, unha vez feito o cal o dito servicio comunicaralle, se é o caso, á entidade financeira a pertinente autorización.

4) Para os efectos do disposto nos parágrafos precedentes, o prazo máximo para a realización das melloras será dun ano a partir da data de formalización do préstamo.

Oitava.- Liquidación e aboamento do importe da subsidiación.

A liquidación da subsidiación do tipo de xuro a cargo do ILGG practicarana as entidades financeiras anualmente, dando traslado desta ós Servicios Centrais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia na primeira quincena de decembro de cada ano, para que, logo das comprobacións que se consideren oportunas, proceda ó seu aboamento no prazo de tres meses desde a súa presentación.

Para o anterior, unha vez chegado o respectivo período anual precitado, a entidade financeira achegaralle ó instituto unha certificación das liquidacións dos préstamos por ela concedidos coa solicitude de pagamento da antedita liquidación da sub

sidiación, pechada o derradeiro día do ano correspondente. Con ela, para o obxecto de realiza-las comprobacións oportunas, deberase acompaña-la relación individualizada das súas operacións, o seu capital vivo teórico -unha vez deducidas as amortizacións anticipadas- os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención devengada segundo o saldo vivo anual ou o saldo disposto, así como o tipo de xuro aplicable.

Non obstante o anterior, una vez verificada a realización íntegra do investimento e librado o importe total do préstamo, o ILGG poderá, cando o considere oportuno, aboa-lo importe total da subsidiación dunha soa vez, para un grupo de préstamos determinado, concertados coa mesma ou distintas entidades financeiras, logo da aplicación da correspondente taxa de conversión.

Novena.- Modificación da concesión.

No caso de que o ILGG autorice unha modificación da subvención concedida ó beneficiario, de acordo co establecido no artigo 11 da devandita orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 26 de marzo de 1998, a resolución pola que se acorde a modificación notificaráselle de xeito inmediato á entidade financeira colaboradora para que se proceda á adaptación do préstamo ás novas circunstancias contidas na resolución de modificación, feito que lle deberán comunicar, á súa vez, ó respectivo Servicio Provincial do ILGG.

Décima.- Perda da subsidiación.

Cando o prestatario perda o dereito á subsidiación do tipo de xuro por algunha das causas recollidas no artigo 12 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 26 de marzo de 1998, o instituto comunicarallo de modo inmediato, unha vez dictada a oportuna resolución, á entidade financeira para que exclúa das liquidacións trimestrais o importe da axuda concedida ó respectivo beneficiario pola subsidiación do tipo de xuro.

Se o préstamo se amortiza anticipadamente segundo o disposto na cláusula quinta-4), ou se cancelase, a entidade financeira deberallo comunicar, de xeito inmediato, á dirección do instituto para que se proceda en consecuencia.

Décimo primeira.- Vixencia.

A vixencia do presente convenio estenderase desde a data do seu asinamento ata que se produza o vencemento do último préstamo concedido ó seu amparo, é dicir, como máximo cinco anos desde a formalización do dito préstamo.

Décimo segunda.- Réxime xurídico.

O presente convenio, que é de carácter público e administrativo, rexerase polas disposicións nel sinaladas e, supletoriamente, polas xerais da lexislación de contratos do Estado ás que as partes se someten, e correspóndelle a súa interpretación e resolución, en vía administrativa, ó presidente do

ILGG, na súa calidade de órgano de contratación deste.

As cuestións litixiosas que poidan xurdir substanciaranse perante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo do disposto na lei reguladora da antedita xurisdicción.

Décimo terceira.- Comisión de seguimento.

Coa finalidade de analiza-la posta en marcha e execución do acordado no presente convenio haberá unha comisión de seguimento na que estarán representadas, paritariamente, ámbalas dúas partes asinantes del.

ANEXO II

Relación de entidades financeiras colaboradoras:

Caixas:

Caixa Galicia.

Caixa Ourense.

Caixa Vigo.

Caixa de Pontevedra.

Caixa Rural de Lugo.

Bancos:

Banco Pastor.

Banco Gallego.

Banco Central Hispanoamericano.

Banco de Galicia.

Banco Bilbao Vizcaya.

Banesto.

Argentaria-Banco Exterior de España.

3701