Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 28 de abril de 1998 Páx. 4.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 17 de marzo de 1998 pola que se convoca o XII Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 98.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comu

nidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 98.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o XII Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 98, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo ás partidas

orzamentarias 14.05.355B.640.1 e 14.01.211.A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

XII Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 98

I. Participantes.

Xoves artistas galegos ou residentes en Galicia.

Establécense as seguintes categorías:

Categoría A: ata os 12 anos.

Categoría B: dos 13 ós 17 anos.

Categoría C: dos 18 ós 30 anos.

Tódalas idades considéranse cumpridas o 31-12-98.

II. Condicións xerais.

1. Establécense catro modalidades:

Pintura

Escultura

Debuxo e

Cerámica

2. Cada autor poderá presentar, como máximo, tres obras en cada modalidade.

3. As obras presentadas serán orixinais e non poderán ter participado en ningún concurso.

4. O tema e as técnicas serán libres.

5. Os debuxos deberán levar cristal protector ou arraglass, e as pinturas marco ou bastidor, e vir presentadas co embalaxe ou enfardamento protector.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas ou extravíos das obras, se ben a Dirección Xeral de Xuventude subscribirá unha póliza que as asegure, de ata un máximo de 100.000 ptas. por obra.

7. a) As obras premiadas nas distintas categorías quedarán en poder da Dirección Xeral de Xuventude.

b) As obras con mención de honra poderán ser cedidas á Dirección Xeral de Xuventude para poder, como as premiadas, engrosa-los fondos do museo de arte xuvenil Esteban Rosa situado no albergue xuvenil de Gandarío-Bergondo-A Coruña.

III. Inscricións.

1. Os participantes deberán envia-lo boletín de inscrición que se indica no anexo II ó Servicio de Xuventude da Delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente:

R/Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. de La Habana, 81-baixo, 32004 Ourense.

R/ Durán Loriga, 9-1º, 15003 A Coruña.

R/ María Berdiales 20-entreplanta, 36203 Vigo-Pontevedra.

antes do día 15 de outubro de 1998.

2. A solicitude irá acompañada dun sobre pechado no que figurará o boletín de inscrición que se indica no anexo III, cos seguintes datos de identificación:

-Título da obra.

-Modalidade.

-Categoría.

-Lema.

-Nome e apelidos do autor.

-Enderezo e teléfono.

-Localidade.

Así como unha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras ou da folla correspondente do libro de familia.

3. No exterior do sobre figurará o lema do autor, títulos das obras, modalidade e categoría na que participa.

4. Así mesmo, e da forma que cada artista considera máis adecuada, deberase explicita-lo título e maila técnica empregada en cada unha das obras presentadas. O título deberase explicitar tamén no exterior da embalaxe protectora.

IV. Desenvolvemento.

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña, coa colaboración da delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O xurado seleccionará de entre as obras recibidas aquelas que, pola súa calidade e orixinalidade, ó seu xuízo o merecesen.

A selección farase nun só acto, levantando acta o secretario do xurado. Concederanse tres premios por categoría e modalidade.

V. Premios.

Establécense os premios seguintes:

Pintura.

ABC

30.00045.00080.000

20.00030.00060.000

15.00020.00040.000

Debuxo.

ABC

25.00035.00060.000

15.00025.00040.000

10.00015.00020.000

Escultura.

ABC

30.00045.00080.000

20.00030.00060.000

15.00020.00040.000

Cerámica.

ABC

30.00045.00080.000

20.00030.00060.000

15.00020.00040.000

As obras seleccionadas serán expostas na provincia da Coruña, en localidade por determinar, no mes de novembro de 1998.

A organización poderá montar unha exposición itinerante con elas.

VI. Xurado.

Ó xuízo do xurado e segundo a calidade da obra, poderanse deixar desertor algúns premios.

As contías dos premios serán únicas e indivisibles.

O xurado será nomeado pola directora xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural a proposta das delegadas provincias da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Coruña, e estará composto por persoas cualificadas no campo artístico, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Coruña.

A decisión do xurado será irrecorrible.

3587