Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 28 de abril de 1998 Páx. 4.417

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 13 de abril de 1998 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico.

Un dos obxectivos da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda é que tódolos concellos galegos posúan a súa propia planificación urbanística actualizada. Para acadar este obxectivo cómpre prosegui-las accións que en exercicios anteriores se desenvolveron co fin de colaborar coas entidades locais no financiamento dos traballos de redacción de planeamento urbanístico. Estes traballos abranguen tanto a elaboración material dos plans como a execución da cartografía base.

As modificacións lexislativas producidas recentemente, especialmente a entrada en vigor da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, provocan a necesidade de adapta-los plans urbanísticos vixentes e mesmo os que se atopan en tramitación, polo que resulta preciso axudar ós concellos nese proceso de adaptación.

Así mesmo, é preciso tamén ter presente o esforzo daqueles concellos que xa acometeron a planificación urbanística xeral e que afrontan o tratamento específico de áreas protexidas mediante os correspondentes plans especiais.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda vén desenvolvendo nos últimos anos programas de contratación de traballos de execución de cartografía cos que se pretende cubri-la necesidade desta ferramenta. Non obstante, poden ser obxecto de axuda os traballos de cartografía que contraten os concellos, sempre que veñan motivados pola redacción de planeamento urbanístico e resulten compatibles cos fondos cartográficos existentes na Dirección Xeral de Urbanismo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto da presente orde a concesión de axudas a entidades locais que o soliciten, para a realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico, de acordo co disposto no apartado seguinte.

2. Poderán ser obxecto de axuda:

a) A redacción de plans xerais de ordenación municipal ou proxectos de ordenación do medio rural, ben sexa como figura de nova formulación ou como

revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento vixentes ou en tramitación.

b) A redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos.

c) A execución de cartografía analítica para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería e resulte compatible cos sistemas de execución empregados nestes programas.

3. Poderán acollerse ás axudas previstas aqueles concellos que, á entrada en vigor da presente orde, tiveran xa contratados traballos dos recollidos anteriormente, sempre que os procedementos seguidos se adapten ós que se establecen nesta orde.

Artigo 2º.- Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto na presente orde financiaranse con cargo a aplicación orzamentaria 06.02.332.A.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1998.

Por tratarse dun expediente de tramitación anticipada de gasto, e de conformidade coa orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, a efectividade das obrigas derivadas desta, queda sometida á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente, segundo os artigos 2 e 3 da mencionada disposición.

As axudas poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no apartado 3º do artigo 58 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3º.- Orde de prelación.

Para establecer prioridades na selección de solicitudes que presenten os concellos, establécese a seguinte orde de prevalencia:

1. Redacción de plan xeral de ordenación municipal ou proxecto de ordenación do medio rural de concellos que carecen de planeamento urbanístico, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

2. Revisión ou adaptación á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, do planeamento municipal vixente ou en tramitación, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

3. Redacción de plans especiais de protección de conxuntos histórico-artísticos, así como a cartografía que, se é o caso, resultase precisa.

Artigo 4º.- Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen poderán alcanza-lo 80% do orzamento de contratación previsto.

2. O orzamento ó que fai referencia este artigo será, en calquera caso, o calculado ou aceptado pola

Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, logo do informe dos seus servicios correspondentes.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de planeamento urbanístico, proveñan de entes públicos ou privados, e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá pór en coñecemento da Dirección Xeral de Urbanismo, o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.- Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo dun mes a partir da entrada en vigor desta orde, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos das súas delegacións provinciais, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo I a esta orde, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria na que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita subvención. Esta memoria conterá unha valoración dos traballos, con expresión do orzamento previsto para eles.

b) Para o caso previsto no artigo 1º.3 da presente orde, certificación na que se faga consta-la existencia do contrato de elaboración dos traballos e o seu importe.

Artigo 6º.- Resolución.

1. As solicitudes serán resoltas pola Dirección Xeral de Urbanismo por proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo e Arquitectura.

2. Nas resolucións de concesión das subvencións indicarase o obxecto e contía da subvención, o programa de aboamentos parciais, a documentación que terá que achega-la entidade local, os prazos para a xustificación da realización dos traballos e, se procede, as condicións particulares que en relación coa súa execución deba cumpri-la entidade subvencionada.

3. En ningún caso poderá entenderse concedida a subvención por silencio administrativo.

Artigo 7º.- Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo dun mes, contado a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunica-la

aceptación da subvención. Para tal efecto deberá achega-la seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión, e se manifeste o compromiso de efectua-lo liberamento da totalidade dos fondos correspondentes á entidade local con anterioridade ás achegas da consellería.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existiren, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facer fronte ás achegas que deberá realiza-la entidade local.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a citada comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impediran facelo, a Dirección Xeral de Urbanismo poderá deixar sen efecto a subvención.

Artigo 8º.- Condición resolutoria.

As axudas concedidas de acordo con esta orde deixarán de ter efecto, sen máis trámites, ademais de polo disposto no artigo 7º.2, cando por parte da entidade local beneficiaria se produza unha inactividade na formulación e impulsión dos traballos que conduza ó incumprimento dos prazos fixados na resolución de concesión da subvención, salvo que o incumprimento se deba a circunstancias excepcionais, que deberán xustificarse, en todo caso, con anterioridade ó vencemento dos correspondentes prazos e a satisfacción da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Igual trato terá calquera outro incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión da subvención.

Artigo 9º.- Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán no proceso de contratación dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Urbanismo. No caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da consellería.

Artigo 10º.- Representantes da consellería:

Nas mesas de contratación que se constitúan para a adxudicación dos traballos obxecto de subvención deberá incluírse, como vocal, un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que será designado pola Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 11º.- Garantías e xustificación do investimento e pagamento.

Para garanti-lo adecuado investimento e rendemento das axudas concedidas ó abeiro desta orde, establécense as seguintes regras:

a) A entidade local deberá acredita-lo libramento da totalidade dos fondos correspondentes a súa achega como requisito previo ás achegas da consellería.

b) A achega da consellería efectuarase conforme o programa de aboamentos parciais establecido na resolución de concesión, e logo de que o concello teña xustificado a realización da correspondente fase dos traballos.

c) A supervisión e control dos traballos obxecto das axudas serán realizados polos directores deles, nomeados para o efecto entre os funcionarios da Dirección Xeral de Urbanismo e dos servicios provinciais de Urbanismo. Para estes efectos, poderán ter acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das diferentes fases. Os informes favorables dos directores dos traballos serán preceptivos para a tramitación e efectividade das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Urbanismo para dicta-las resolucións necesarias para realizar novas convocatorias de axudas en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes, así como para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-As entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde deberán someterse, ademais de ás actuacións de comprobación que acorde a entidade concedente, ó disposto no artigos 78.4º, 78.5º e 79 da Lei 11/1992, de 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 11 de xuño de 1997, pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para a formulación de planeamento urbanístico e execución de cartografía.

Disposición transitoria

Primeira.-Os expedientes resoltos ó abeiro da orde derrogada axustaranse ás prescricións dela, que manterá a súa vixencia para estes únicos efectos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 1998.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

3700