Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Xoves, 23 de abril de 1998 Páx. 4.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 13 de febreiro de 1998 pola que se convoca o IX Certame de Música Folk de Galicia Xuventude 98.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Por outra banda, o artigo 1.3º da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, permite a posibilidade de iniciar expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma no período de prórroga destes, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos e sempre que exista crédito axeitado e suficiente neste, co beneficio que isto supón para o administrado ó evitarse unha demora nas actuacións administrativas previas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abran

guen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 98. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o IX Certame de Música Folk de Galicia Xuventude 98, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artígo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artígo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

IX Certame Música Folk de Galicia Xuventude 98

I. Participantes:

Tódolos grupos musicais formados por xoves galegos ou residentes en Galicia.

II. Condicións xerais.

1. Os compoñentes do grupo terán entre 15 e 30 anos cumpridos no ano 1998. Soamente poderá superar estas idades o 10% dos compoñentes totais do grupo.

2. Non poerán intervir neste certame os grupos que teñan asinado un contrato discográfico.

3. Presentarase unha cinta casete con tres temas elixidos para o certame, indicando os títulos, dentro dun sobre pechado. No exterior deberá figura-lo lema do grupo e os títulos dos temas.

4. Noutro sobre pechado presentarase o boletín de inscrición e maila documentación que se indica no anexo III. No exterior deberá figura-lo lema do grupo.

5. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso de solicitude que se indica no anexo II, e dirixiranse á directora xeral de Xuventude.

Os grupos participantes deberán presenta-las solicitudes xunto cos sobres pechados citados anteriormente no Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde residan habitualmente, que poderá ser en:

r/ Ronda da Muralla, 70, 27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81 baixo, 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20, entreplanta, 36203 Vigo.

r/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra.

ata o día 5 de xuño de 1998.

IV. Organización.

A Delegación Provincial da Cosnellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevera supervisará o certame.

V. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará seis maquetas para a fase final que terá lugar o 10 de xullo de 1998 na Praza do Teucro de Pontevedra.

Contarase coa presencia dun técnico de son á disposición do certame como único responsable deste, para a fase final.

VI. Premios.

1º 100.000 ptas. e gravación de seis temas nun disco compacto.

2º 75.000 ptas. e gravación de catro temas nun disco compacto.

3º 50.000 ptas. e gravación de dous temas nun disco compacto.

Enténdese que se gravará un disco compacto cos doce temas seleccionados.

Ós grupos finalistas entrgaránselles 50.000 ptas. en concepto de axudas para gastos de desprazamento e manutención, así como un diploma que acredite a súa participación neste Certame de Música Folk de Galicia.

Así mesmo, os tres primeiros clasificados comprométense, no momento de face-la inscrición, a actuar nun festival-concerto nunha capital galega e en data por determinar pola Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra. Para tal efecto, prevese unha axuda de 50.000 ptas., en concepto de gastos xerais.

VII. Xurado.

Será nomeado pola directora xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, e estará composto por persoas cualificadas no campo da música folk, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra.

A decisión do xurado será irrecorrible.

3600