Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 22 de abril de 1998 Páx. 4.171

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 12 de febreiro de 1998 pola que se convoca o XIV Certame Galego de Fotografía Xuventude 98.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da actividade xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Por outra banda, o artigo 1.3º da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, permite a posibilidade de iniciar expedientes de gasto imputables

ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma no período de prórroga destes, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos e sempre que exista crédito axeitado e suficiente neste, co beneficio que isto supón para o administrado ó evitarse unha demora nas actuacións administrativas previas.

Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 98. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o XIV Certame Galego de Fotografía Xuventude 98, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.355B.640.1 e 14.01.211A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

ANEXO I

XIV CERTAME GALEGO DE FOTOGRAFÍA XUVENTUDE 98

I. Participantes.

Xoves galegos ou residentes en Galicia con idades entre 16 e 30 anos, cumpridos durante o ano 1998.

II. Condicións xerais.

1. A modalidade é única, admitíndose branco e negro e cor en tódalas súas técnicas.

2. A temática fará referencia á xuventude en tódalas facetas da súa actividade.

3. Cada autor poderá presentar tódalas fotografías que desexe co mesmo lema e distinto título.

4. As fotografías deberán ser orixinais, non podendo estar publicadas nin ter recibido ningún premio.

5. Xunto coa obra presentada, o autor entregará un sobre pechado co lema escrito no seu exterior e no seu interior o boletín de inscrición que se indican o anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras.

6. Cada fotografía deberá ir montada en soporte consistente, recomendándose as medidas 40 x 50 cm. Na súa parte posterior deben leva-lo lema e o título correspondente.

7. As fotografías, tanto en cor como en branco e negro, terán as medidas seguintes:

Máximas: 30 x 40 cm.

Mínimas: 18 x 24 cm.

8. A organización non se responsabiliza de posibles roturas ou extravíos das obras. A Dirección Xeral de Xuventude subscribirán unha póliza que asegure as obras, de ata un máximo de 100.000 ptas. por obra.

9. A organización realizará un catálogo das obras seleccionadas, que lles enviará ós participantes.

10. As obras que reciban os premios establecidos quedarán en poder da Xunta de Galicia.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II.

As fotografías, xunto coa solicitude e o sobre pechado, entregaranse no Servicio de Xuventude da delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia na que os interesados teñan fixada a súa residencia habitual, que pode ser en:

Ronda da Muralla, 70-27003 Lugo.

Avda. da Habana, 81 baixo 32004 Ourense.

r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña.

r/ Mª Berdiales 20, entresollado, 36203 Vigo.

ou ben mandaranse por correo certificado, ata o día 15 de setembro de 1998.

IV. Desenvolvemento.

Fase provincial.

O xurado seleccionará de entre as fotografías presentadas en cada provincia aquelas que, ó seu xuízo e pola súa calidade e orixinalidade, consideren merecentes de acada-la seguinte fase.

Fase autonómica.

No mes de novembro de 1998 e na Casa da Xuventude de Ourense, realizarase unha exposición coas obras previamente seleccionadas na fase anterior, entre as que o xurado elixirá e premiará, se asi o coidase conveniente, as tres mellores fotografías e a mellor colección.

V. Premios.

Establécense os premios seguintes:

-Á mellor fotografía:

1º 100.000 ptas.

2º 75.000 ptas.

3º 50.000 ptas.

-Á mellor colección:

Un premio de 125.000 ptas.

Establécense, así mesmo, oito accésit de 20.000 ptas.

A xuízo do xurado, e segundo a calidade das obras, poderanse deixar desertos algúns premios.

Os premios serán únicos e indivisibles.

Cada autor non poderá recibir máis ca un premio.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos participantes seleccionados na fase autonómica, dun diploma que acredite a súa participación neste Certame Galego de Fotografía.

A organización poderá montar unha exposición itinerante coas fotografías.

VI. Xurado.

Os xurados das fases provinciais serán nomeados polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

O xurado da fase autonómica será nomeado pola directora xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, e estará formado por persoas cualificadas no campo da fotografía e da imaxe, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Ourense.

A decisión do xurado será inimpugnable.

3121