Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Luns, 20 de abril de 1998 Páx. 4.029

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 119/1998, do 16 de abril, polo que se regula a composición e o funcionamento da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

A nova lexislación urbanística de Galicia que está constituída pola Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, e a Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo, establecen unha nova configuración dos órganos urbanísticos da Comunidade Autónoma e das súas funcións. Entre tales órganos urbanísticos autonómicos considérase a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia como órgano colexiado de carácter consultivo en materia de urbanismo, que precisa dunha axeitada regulación que se acomode ós contidos do novo marco legal, que teña en conta a experiencia obtida durante os máis de quince anos do seu funcionamento, e que permita conseguir unha xestión máis áxil e eficaz, acorde cos principios de economía, celeridade e eficacia que deben presidi-la actuación administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Natureza e funcións

Artigo 1º

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia é o órgano colexiado de carácter consultivo en materia de urbanismo, encadrado na estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 2º

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia emitirá os informes que con carácter preceptivo veñan esixidos por calquera disposición legal ou regulamentaria. Igualmente emitirá informe sobre os asuntos que lle someta a consulta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Capítulo II

Composición

Artigo 3º

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia estará presidida polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, quen poderá delegar no vicepresidente.

Artigo 4º

Formarán parte da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, ademais do seu presidente, os seguintes membros:

1. O vicepresidente, con voz e voto, que será o director xeral de Urbanismo, quén actuará como presidente por delegación ou en ausencia deste.

2. Serán vocais, con voz e voto:

a) O secretario xeral, os directores xerais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

b) Un representante, con categoría de secretario xeral ou de director xeral, por cada unha das Consellerías de Presidencia e Administración Pública; Industria e Comercio; Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria; Cultura, Comunicación Social e Turismo; Xustiza, Interior e Relacións Laborais; e Medio Ambiente.

c) O director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

d) O presidente de cada unha das catro deputacións provinciais de Galicia, ou o deputado provincial en quen expresa e documentalmente se delegue.

e) Dous alcaldes, designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias, un deles entre os alcaldes de municipios con máis de 25.000 habitantes, e o outro de entre os de menos de 25.000 habitantes.

f) Catro vocais de libre designación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, entre persoas de acreditada experiencia ou vinculación con calquera materia relacionada co urbanismo e residentes en Galicia.

3. Formarán parte, así mesmo, da comisión, con voz e sen voto:

a) Os subdirectores xerais de Urbanismo e de Disciplina Urbanística, da Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

b) O asesor xurídico da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

4. Formará parte tamén da comisión, con voz e sen voto, un secretario, licenciado en dereito e designado polo presidente entre o persoal que presta servicios na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; a súa suplencia temporal aterase ós mesmos requisitos.

5. O presidente poderá convoca-las autoridades, funcionarios e técnicos que considere conveniente para o mellor asesoramento da comisión.

Capítulo III

Funcionamento

Artigo 5º

A Dirección Xeral de Urbanismo actuará como órgano permanente encargado de prepara-los asuntos da orde do día da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

Artigo 6º

Para a válida constitución da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia en primeira convocatoria será necesaria a presencia do presidente ou vicepresidente, do secretario e da metade, alomenos, dos seus membros con dereito a voto.

A comisión constituirase, con carácter automático, en segunda convocatoria, trinta minutos despois da hora sinalada para a celebración da primeira. Para iso será suficiente a asistencia dunha cuarta parte dos seus membros con dereito a voto, sempre que entre eles concorran o presidente ou vicepresidente e ademais o secretario.

Artigo 7º

O réxime de funcionamento da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia rexerase polo establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, adoptándose os acordos por maioría de votos emitidos polos asistentes que ostenten tal dereito.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 63/1993, do 18 de marzo, sobre modificación da estructura, composición e funcións da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

1. Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

2. O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de mil novecentos noventa e oito

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

2893