Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Mércores, 15 de abril de 1998 Páx. 3.862

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 1998, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, tramo: Ribadulla-Lalín oeste, variante de Oca e Silleda, nos concellos de Vedra (A Coruña), A Estrada, Silleda e Lalín (Pontevedra), promovido mediante convenio polo Ministerio de Fomento e a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente, do 6 de novembro de 1997, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, tramo: Ribadulla-Lalín oeste, variante de Oca e Silleda, nos concellos de Vedra (A Coruña), A Estrada, Silleda e Lalín (Pontevedra), promovido mediante convenio polo Ministerio de Fomento e a Consellería de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1998.

Emilio García Gallego

Director xeral de Obras Públicas

ANEXO

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro sobre avaliación do impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización, ou, se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade.

En virtude do establecido no artigo 5.2º do citado decreto e mediante a publicación no DOG do 26 de maio de 1997, así como no BOE do 2 de maio de 1997, da resolución da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, sométese a trámite de información pública o estudio informativo e estudio de impacto ambiental da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, tramo: Ribadulla-Lalín oeste, variante de Oca e Silleda, nos concellos de Vedra (A Coruña), A Estrada, Silleda e Lalín (Pontevedra) e anúnciase a apertura do proceso de información pública, por un período de trinta días hábiles, contados a partir da data de publicación.

En aplicación da normativa vixente en materia de estradas, así como do estipulado no Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental, os documentos e proxectos técnicos, sometidos a consulta e información pública, remitíronse ás delegacións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda das provincias da Coruña e Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra e A Coruña, comisións provinciais de Medio Ambiente da Coruña e Pontevedra, departamentos administrativos integrados na Comisión Galega do Medio Ambiente (Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, Dirección Xeral de Saúde Pública e Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente) e na Administración local, ós concellos de Vedra, A Estrada, Silleda e Lalín.

Durante o proceso de información pública presentáronse alegacións referentes a consideracións ambientais e outras de interese xeral, que se reflicten no anexo III.

Unha vez realizada a tramitación de información pública, en atención ás alegacións formuladas e conforme a proposta de resolución do estudio informativo da Dirección Xeral de Obras Públicas da CPTOPV, a alternativa seleccionada é unha combinación entre as alternativas A e C, de modo que entre o pq inicial (pk 15+000) e o pk 26+000 corresponde coa alternativa C e desde ese punto (correspondente ó pk 26+500 da opción A) ata o seu final segue a traza proposta como alternativa A.

A razón para modifica-la selección de alternativas recollida no estudio informativo, onde a opción elixida era a denominada como A, estriba en que a adopción da alternativa C para os dous primeiros subtramos (variante de Oca e variante de Igrexa) consegue, dunha parte, minimiza-la interferencia da autoestrada co conxunto do pazo de Oca, pois ó contrario que a opción A, evita entrar en terreos incluídos na delimitación de protección do pazo de Oca (Decreto 110/1997, do 17 de abril: DOG 9-5-1997) e, ó discorrer en trincheira a modo de falso túnel, en vez de requeri-la creación de tres viaductos, minimiza tanto o impacto visual, ó lograr uns niveis mínimos de intervisibilidade, como o impacto debido ó ruído do tráfico, pois a propia disposición en trincheira e falso túnel actúa de barreira acústica.

Doutra banda, no que respecta ó tramo da variante de Igrexa, a adopción da alternativa C consegue evita-la división e segregación funcional dos núcleos e entidades de poboación da parroquia de Orazo (A Estrada) ó discorrer entre estes e o Monte Albela co que se consegue mante-la unidade funcional das entidades de poboación da parroquia.

En consecuencia, a Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, elaborou o correspondente informe técnico e o documento borrador de declaración de impacto ambiental, que se remitiu á Comisión Galega do Medio Ambiente, para completa-lo expediente de referencia.

A Comisión Galega do Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula para os efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudio informativo da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, tramo: Ribadulla-Lalín oeste, variante de Oca e Silleda, nos concellos de Vedra (A Coruña), A Estrada, Silleda e Lalín (Pontevedra), promovido de modo conxunto pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento.

A relación de organismos consultados e o resumo das súas respostas figura no anexo I.

No anexo II faise unha descrición do proxecto coas distintas alternativas estudiadas.

A relación de alegacións de interese xeral recóllese no anexo III.

Declaración de efectos ambientais.

Examinada a documentación presentada (estudio informativo, estudio de efectos ambientais, informes ambientais e alegacións), a Comisión Galega do Medio Ambiente considera que das tres alternativas formuladas, a alternativa seleccionada resultante do proceso de información pública, que é unha combinación entre as alternativas A e C, de modo que entre o pk inicial (pk 15+000) e o pk 26+000 se corresponde coa opción C e desde aí (pk 26+500 Alt-A) segue a traza da alternativa A é a ambientalmente máis favorable e, pola presente declaración de impacto ambiental e para o obxecto de asegura-la minimización dos

impactos ambientais negativos establece, ademais das medidas incluídas no estudio de impacto ambiental, as seguintes condicións:

1.1. Protección do solo.

Delimitarase un espacio dedicado a parque de maquinaria e almacenamento de materiais, que deberá radicarse nun terreo degradado ou carente de interese ambiental. Aplicarase o mesmo criterio para radicar aquelas instalacións auxiliares que puidesen necesitarse (plantas de fabricación de aglomerado asfáltico...). En todo caso, non poderán radicarse nas proximidades dos leitos de augas continentais presentes no territorio.

Aqueles residuos que, polas súas características, requiran un tratamento especial (aceites, hidrocarburos, pinturas...) deberán ser entregados a xestores autorizados para o seu tratamento.

Retirarase e almacenarase, seguindo as técnicas ó uso, a terra vexetal procedente dos labores de preparación e movementos de terras, para o obxecto de utilizala posteriormente nos labores de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras.

Deberase concretar, na fase correspondente ó proxecto constructivo, o destino e tratamento dos materiais sobrantes como resultado dos labores de movemento de terras.

2. Protección das augas e leitos.

No caso da construcción de pontes para superar leitos fluviais, estes deseñaranse de tal forma que os piares de apoio queden fóra do leito e das marxes, definindo así mesmo os elementos auxiliares necesarios para a defensa e control de arrastres de materiais en fase de execución das obras, pantallas de madeira ou calquera outro desmontable. Evitarase tamén o vertido de calquera tipo de material ou substancia ás augas continentais, en especial cemento.

A corta de vexetación ripícola debe ser previamente autorizada polo Servicio Provincial do Medio Ambiente Natural. En todo caso, o promotor queda obrigado a devolver ó seu estado preoperacional as zonas de leitos e ribeiras que puidesen verse afectadas polas obras.

No caso de que durante a fase de construcción se producise algún vertido accidental de substancias tóxicas e perigosas (aceites, lubricantes...) a ríos ou regatos atravesados pola alternativa elixida, comunicarase inmediatamente á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña ou Pontevedra.

Por último, na totalidade dos leitos permanentes construiranse obras de drenaxe ou paso que garantan a circulación da fauna piscícola en ámbolos dous sentidos, para o que se evitará, na medida do posible, a adopción de seccións cerradas e a alteración da configuración dos leitos.

3. Protección da atmosfera.

Controlaranse as emisións de po en fase de movemento de terras mediante a humidificación de vías.

Queda prohibida a queima de restos ou calquera outro tipo de material.

4. Prevención do ruído.

Adoptaranse as medidas correctoras necesarias para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de funcionamento non supoñan unha alteración substancial da presión sonora soportada actualmente no ámbito de radicación da nova autoestrada.

Para isto, atenderase en todo caso o establecido na Lei de protección contra contaminación acústica, da Xunta de Galicia.

5. Protección do patrimonio.

Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras, levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

6. Protección do patrimonio.

De forma previa á realización do proxecto constructivo, realizarase un estudio arqueolóxico baseado nunha prospección arqueolóxica superficial nunha banda de 200 m a ámbolos dous lados do eixe da traza.

Estes estudios, a realizar sobre a alternativa seleccionada, deben permitir realizar na fase correspondente ó proxecto constructivo, aquelas matizacións de trazado que sexan necesarias para minimiza-lo impacto arqueolóxico.

Durante o proceso de construcción e na fase correspondente a rozas e movementos de terras, realizarase un seguimento arqueolóxico das obras, procedendo, no caso de que apareza algún xacemento e resultase afectado polas obras, a realizar actuacións puntuais sobre eles.

Tódolos traballos citados se axustaranse ás directrices da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

7. Proxecto de restauración.

Deberá redactarse un proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico os espacios alterados polas obras. Nel incluiranse os medios presentados no estudio de efectos ambientais así como aqueloutros que sexan necesarios para lles dar cumprimento ás medidas propostas na presente declaración, incorporándoas ás correspondentes partidas orzamentarias. Deberá ser redactado e aprobado de forma conxunta co proxecto constructivo.

Sen embargo, antes da súa aprobación será necesario o informe favorable do órgano ambiental.

8. Seguimento e vixilancia.

Redactarase un programa de vixilancia ambiental para o seguimento e control dos impactos e da eficacia das medidas correctoras establecidas no estudio de impacto ambiental e nas condicións da presente declaración. O Plan de Vixilancia Ambiental deberá sinala-las circunstancias, frecuencias e períodos de emisión de informes, así como establecer un sistema ou técnica de vixilancia para cada un dos elementos do proxecto xeradores de impactos, para cada elemento

ambiental afectado e para cada unha das medidas correctoras propostas.

Así mesmo, deberá permitir exercer labores de vixilancia, control e corrección sobre aspectos non recollidos ata o momento, impactos inducidos ou de nova aparición.

Por último, deberá orzarse, incorporarse ás correspondentes partidas orzamentarias e tamén deberá remitírselle ó órgano ambiental para a súa aprobación de forma previa ó comezo das obras.

9. Documentación adicional.

O órgano substantivo, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivienda da Xunta de Galicia e Ministerio de Fomento, achegaralle á Comisión Galega do Medio Ambiente, de forma previa á aprobación do proxecto constructivo, un escrito no que se certifique a incorporación a este da documentación e prescricións adicionais establecidas por esta declaración, así como un informe sobre o seu contido e conclusións.

10. Definición contractual das medidas correctoras.

Tódolos os datos e conceptos relacionados coa execución das medidas correctoras recollidas no estudio de impacto ambiental e na presente declaración figurarán xustificados tecnicamente na memoria e anexos do proxecto constructivo, establecendo o seu deseño, radicación e dimensións no documento planos, as súas esixencias técnicas no prego de prescricións e a súa definición económica no orzamento do proxecto.

O órgano ambiental da Xunta de Galicia, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no desenvolvemento das súas funcións, poderá exercer labores de inspección ambiental e toma-las medidas pertinentes, no caso de observarse anomalía ou incorrecta execución das obras con repercusión ambiental, o que lle comunicará ó órgano substantivo.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 1997.

José Francisco Alonso Picón

Secretario da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

ANEXO I

Consultas sobre o impacto ambiental do proxecto

Relación de organismos consultadosSolicitude

D.X. de Saúde Pública21-5-1997

D. X. Calidade Medioambiental e Urbanismo21-5-1997

D.X. Montes e Medio ambiente Natural21-5-1997

D.X. Patrimonio Cultural21-5-1997

Deputación Provincial da Coruña21-5-1997

Deputación Provincial de Pontevedra21-5-1997

Xefatura Provincial de P.A. (A Coruña)21-5-1997

Xefatura Provincial de P.A. (Pontevedra)21-5-1997

Concello de Vedra21-5-1997

Concello da Estrada21-5-1997

Concello de Silleda21-5-1997

Concello de Lalín21-5-1997

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable ó estudio informativo e estudio de impacto ambiental, coa puntualización seguinte: «...no caso de que durante a fase de construcción se producise algún vertido accidental de substancias tóxicas e perigosas (aceites, lubricantes...) a ríos ou regatos atravesados pola alternativa elixida, comunicarase inmediatamente á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña ou Pontevedra....».

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite as seguintes consideracións:

I. Patrimonio arquitectónico.

As fontes documentais consultadas para realiza-lo inventario do patrimonio cultural complementáronse con visitas de campo á zona afectada, sen embargo obsérvase que non se tivo en conta o patrimonio relixioso existente na área de estudio. Neste caso atópanse os seguintes elementos pertencentes ó Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia:

-Igrexa parroquial de Loimil A Estrada.

-Capela da Virxe da Saleta Loimil A Estrada.

-Capela de Santa María. Castrovite-Ourazo. A Estrada.

-Ermida de San Marcos. Lamela. Silleda.

-Igrexa de parroquial de Cervaña. Silleda.

-Casa rectoral de Cervaña. Silleda.

-Igrexa parroquial de Chapa. Silleda.

-Igrexa parroquial de Negreiros. Silleda.

-Igrexa parroquial de Vilar. Silleda.

Tamén se atopan na área estudiada:

-Casa de Vendexa. Orazo. A Estrada.

-Casa de Pardiñas. Noceda. Lalín.

Ó non ter localizado no estudio informativo este patrimonio inventariado, estímase que non se cumpren os obxectivos propostos no referente ó mantemento e recuperación da calidade paisaxística nos enclaves inventariados como de interese histórico ou arquitectónico e á preservación do trazado da Ruta da Prata do Camiño de Santiago.

Á hora de valora-los posibles impactos, estímase que o trazado seleccionado no pk 32+000 se aproxima demasiado á igrexa parroquial de Negreiros (250 m) atravesando por unha zona despexada de prados onde se acusará negativamente o paso da autoestrada, polo que se deberá desprazar polo menos 100 m para o obxecto de protexe-lo contorno paisaxístico. Se se adoptase o trazado da alternativa B entre os pk 28+000 e 34+500 afastaríase así da igrexa parroquial de Negreiros e ó mesmo tempo da Igrexa parroquial de Chapa.

Entre os pk 21+500 e 22+000 pasa moi preto da Casa de Vendexa que podería verse afectada se existise variación do trazado definitivo. Deberán adoptarse as medidas oportunas para minimiza-los posibles impactos.

Doutra banda, o trazado seleccionado no contorno do pazo de Oca, aínda que non incide no ámbito declarado e na carballeira, estímase agresivo co territorio dos arredores do pazo e en concreto na súa aproximación desde a estrada nacional, polo que se deberían analizar outras opcións que minimizaran o impacto na paisaxe.

Por último, cabe lembrar que todo os cruzamentos, cruces de termos e outras pezas de análoga índole con antigüidade de máis de cen anos se atopan protexidos polo Decreto 571/1963, do 14 de marzo. Igualmente tódolos hórreos ou cabazos con antigüidade de máis de cen anos atópanse tamén protexidos polo Decreto 449/1973, do 22 de febreiro.

Polo que, se no replanteo das obras se vise afectado algún destes elementos, deberá ser posto en coñecemento desta dirección xeral para adopta-las medidas que se estimen oportunas en cada caso concreto.

II. Do patrimonio arqueolóxico.

Tal e como se amosa no apartado 5.10 referido ó Inventario do Patrimonio Cultural, existe un alto índice de xacementos arqueolóxicos na zona pola que discorre o trazado da autoestrada. Agora ben, a relación de xacementos, así como o plano de situación e delimitación dos elementos arqueolóxicos, que se inclúen neste apartado debe ser considerada como parcial e provisional xa que recolle soamente os xacementos incluídos no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos de Galicia, depositados no Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Xunta de Galicia.

Tal e como se indica nos apartados 6.9.3. e 8.2.6 o estudio de impacto arqueolóxico elaborouse sen realizar previamente unha prospección intensiva e específica dos terreos afectados. Por esta razón, e segundo se destaca no capítulo relativo a identificación e caracterización de impactos (apartado 6.9.3), cabe a posibilidade de que existan xacementos arqueolóxicos non incluídos no catálogo presentado no capítulo 5.

Tendo esto en conta, e para o fin de supli-las carencias do estudio presentado, deberase realizar, durante a elaboración do proxecto de trazado, unha prospección arqueolóxica intensiva da alternativa elixida. Unha vez rematada a prospección, remitiraselle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o proxecto de trazado. Este incluirá o inventario dos xacementos arqueolóxicos atopados, a identificación e descrición de impactos e as medidas correctoras adoptadas. Como norma xeral, no caso de que se localicen xacementos arqueolóxicos afectados directamente pola estrada, deberase desvia-la traza.

Doutro lado, durante a fase de construcción da autovía, deberase realiz-lo seguimento arqueolóxico das obras na totalidade do trazado e non unicamente nas áreas de interese arqueolóxico definidas no inventario do estudio de impacto ambiental presentado, tal e como se indica no apartado 8.2.6.

Na declaracion de impacto ambiental correspondente deberá constar, de xeito claro e explícito as actuacións arqueolóxicas indicadas neste informe; isto é:

Primeira fase: prospección arqueolóxica intensiva da alternativa de trazado elixida e elaboración do estudio de detalle do impacto das obras sobre o patrimonio arqueolóxico.

Momento de realización: simultáneo á elaboración do proxecto de trazado.

Segunda fase:

a) Control e seguimento arqueolóxico das obras de construcción por arqueólogos.

b) Escavacións e actuacións puntuais en xacementos afectados pola traza

Momento de realización: simultáneo á execución das obras.

Todas estas actuacións realizaranse con cargo áo financiamento da obra e en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Os obxectivos e a metodoloxía que se adoptará en cada unha destas fases están detalladas de seguido:

Desenvolvemento do traballo.

1. Primeira fase: prospección arqueolóxica intensiva.

Momento de realización: simultáneo á elaboración do proxecto de trazado.

A prospección arqueolóxica supón a exploración superficial, sen remoción de terras, da área afectada. Poden utilizarse técnicas auxiliares tales como a prospección de fosfatos ou a susceptibilidade magnética.

O obxectivo primordial deste traballo consistirá na identificación e avaliación do impacto do trazado proposto para a nova autoestrada sobre o patrimonio arqueolóxico así como a adopción das medidas correctoras necesarias para a súa salvagarda. Isto permitirá minimiza-los imprevistos que, de apareceren no momento do inicio das obras de construcción, poderían ocasionar trasos nos traballos.

O ámbito de acción desta prospección comprenderá unha banda de douscentos m de largo contados a partir do límite exterior da alternativa seleccionada.

O equipo de traballo deberá estar composto por técnicos arqueólogos con experiencia acreditada en obras públicas. Segundo o artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, esta actuación arqueolóxica realizarase de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Unha vez rematada a prospección, deberáselle remitir á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o proxecto de trazado. Este incluirá o inventario dos xacementos arqueolóxicos atopados, a identificación e descrición

de impactos e as medidas correctoras adoptadas segundo se estipula no Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, referente á execución do Real decreto lexislativo de avaliación de impacto ambiental. Como norma xeral, no caso de que se localicen xacementos arqueolóxicos afectados directamente pola estrada deberase desvia-la traza. Este informe deberá ser supervisado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

2. Segunda fase.

a) Seguimento e control arqueolóxico do movemento de terras.

Momento de realización: simultáneo á execución das obras de construcción

Aínda que na fase anterior se acaden os obxectivos previstos, tendo en conta que ningunha estratexia de prospección en Galicia pode garanti-lo descubrimento de tódolos restos existentes, é necesario preve-lo control e seguimento das remocións de terras.

O obxectivo é, pois, a prevención de posibles impactos no patrimonio arqueolóxico non detectados durante a fase anterior de prospección intensiva.

O seguimento arqueolóxico, que se vai realizar na fase de construcción, supón o percorrido da traza e a inspección de tódalas remocións de terras que se realicen tanto no tronco da autoestrada como en obras auxiliares.

O equipo de traballo deberá estar composto por técnicos arqueólogos con experiencia acreditada en obras públicas. Antes do inicio dos traballos de seguimento arqueolóxico, é imprescindible deseña-lo proxecto onde se definan e se establezan os criterios de actuación, a elaboración de información, etc... Este proxecto arqueolóxico deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, tal e como se recolle nos artigos 57 e 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

b) Escavacións e actuacións puntuais en xacementos.

Momento de realización: simultáneo á execución das obras de construcción.

No caso de que, por motivos técnicos xustificados, non sexa posible a modificación do trazado, realizaranse escavacións, sondaxes... en tódolos xacementos ou puntos arqueolóxicos, descubertos tanto na fase de prospección previa como no transcurso dos traballos de control e seguimento, que estean afectados directamente pola traza.

Son escavacións arqueolóxicas as remocións no subsolo que se realicen co fin de descubrir e investigar toda clase de restos históricos ou paleontolóxicos relacionados con eles.

De acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, as escavacións arqueolóxicas axustaranse a un proxecto autorizado previamente pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Financiación dos traballos arqueolóxicos.

Tal e como se recolle no artigo 63.2º da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os traballos arqueolóxicos descritos máis arriba (prospección intensiva, control e seguimento e intervencións puntuais) financiaranse con cargo á execución do proxecto.

A Deputación Provincial de Pontevedra considera aceptable o estudio informativo e non presenta alegación ningunha.

A Xefatura Provincial de Protección Ambiental da Coruña indica que non se presentaron alegacións ó estudio informativo.

O Concello de Lalín rexeita as alternativas A e B e apoia, por considerala a máis favorable para o seu municipio, a alternativa C.

O Concello de Silleda rexeita as alternativas A e B e apoia, por considerala a máis favorable para o seu municipio, a alternativa C.

ANEXO II

Descrición do proxecto

O corredor obxecto de estudio localízase entre as provincias da Coruña e Pontevedra, afectando os termos municipais de Vedra (A Coruña), A Estrada, Silleda e Lalín (Pontevedra).

No corredor analizado, entre Ribadulla e Lalín, definíronse tres subtramos de estudio: variante de Oca, variante de Igrexa e variante de Silleda.

Xenericamente, definíronse tres alternativas (A, B e C), sendo as dúas primeiras coincidentes nos dous primeiros subtramos e completamente independente das anteriores a terceira delas. As características do trazado correspóndense cunha vía tipo A-100. As pendentes non superan o 5% na alternativa A e o 6% nas B e C, sendo os radios mínimos de 400 m e os máximos de 1.350 m.

As características máis representativas das alternativas propostas son as seguintes:

-A lonxitude das solucións é sensiblemente semellante estando próxima ós 29 km en tódolos casos.

-A sección proposta ten un largo de 24 m, correspondéndose a 7 m de calzada, 2,5 m de beiravía exterior, 1 m de beiravía interior e unha mediana de 3 m. O tipo de firme é drenante.

-En tódolos casos está prevista a reposición da vía afectada e a conexión coa vía proxectada. Así, resultaron tres enlaces: Bandeira, Silleda e Lalín oeste. A reposición de pasos superiores está prevista en cada unha, resultando 35 casos na alternativa A, 37 na

alternativa B e 28 na alternativa C. Outro tanto sucede cos pasos inferiores, resultando 10, 8 e 11 para cada unha respectivamente.

-A superficie de ocupación é moi semellante en tódolos casos, sendo para a opción A de 136,50 ha, 137,30 ha para a opción B e 137,80 para a opción C.

-Como estructuras singulares destaca a presencia de túneles e viaductos. No primeiro subtramo e para a opción C, está previsto un falso túnel nas inmediacións do pazo de Oca. En canto ós viaductos, requiriranse 10, 12 e 13 para cada alternativa respectivamente.

-Os leitos afectados repoñeranse en tódolos casos mediante o deseño dos oportunos órganos de desaugamento.

-O balance de movemento de terras en xeral resulta claramente excedentario, especialmente no caso das alternativas B e C, como pode observarse nos cadros que se expoñen a continuación:

Alternativa A

SubtramoEscavaciónRecheoSobrantes

I1.467.4621.032.032435.430

II949.0961.099.335-150.239

III2.821.5082.438.324383.184

Totais5.238.0664.569.691668.375

Alternativa B

SubtramoEscavaciónRecheoSobrantes

I1.467.4621.032.932435.430

II949.0961.099.335-150.239

III3.917.8852.173.8791.744.006

Totais6.334.4434.305.2462.029.197

Alternativa C

SubtramoEscavaciónRecheoSobrantes

I-2.389.5242.161.918226.606

II1.369.771918.514451.257

III3.674.7931.838.0421.836.751

Totais7.434.0884.918.4742.514.614

Finalmente, indícanse os orzamentos de execución por contrata para cada unha das alternativas:

Alternativa A: 27.752.507.309 ptas.

Alternativa B: 30.110.182.024 ptas.

Alternativa C: 36.627.868.314 ptas.

ANEXO IV

Resumo de alegacións de interese xeral

Data/aleganteSíntese

24-6-1997/Asociación Ecoloxísta e Naturalista SobreiraSinalan que a construcción da autoestrada provocará un forte impacto sobre a economía local por afectar a terras de cultivo e prados de alta productividade agrícola-gandeira, soporte básico da economía de moitas familias.

Tamén sinalan como moi grave a afección sobre o vía rural, fontes, mananciais e pozos, o que unido á segregación territorial que xeraría a autoestrada daría lugar a un forte impacto social xa que favorecería a división e distanciamento de moitas parroquias.

Tamén xeraría un importante impacto ambiental, ó destruír masas arbóreas autóctonas, espacios de importancia paisaxística e natural e constituiría unha barreira infranqueable para a fauna terrestre.

En consecuencia, rexeitan o estudio informativo no seu conxunto e solicitan que se acometan labores de mellora na actual N-525

24-6-1997/Grupo Erva Federación Ecoloxista GalegaSinalan que a construcción da autoestrada provocará un forte impacto sobre a economía local por afectar a terras de cultivo e prados de alta productividade agrícola-gandeira, soporte básico da economía de moitas familias.

Tamén sinalan como moi grave a afección sobre o vía rural, fontes, mananciais e pozos, o que unido á segregación territorial que xeraría a autoestrada daría lugar a un forte impacto social xa que favorecería a división e distanciamento de moitas parroquias.

Tamén xeraría un importante impacto ambiental, ó destruír masas arbóreas autóctonas, espacios de importancia paisaxística e natural e constituiría unha barreira infranqueable para a fauna terrestre, sinalando como especialmente grave o caso do lobo.

En consecuencia, rexeitan o estudio informativo no seu conxunto e solicitan que se acometan labores de mellora na actual N-525.

23-6-1997/Real Academia da HistoriaConsideran como moi grave a afección que sobre o pazo de Oca e os seus arredores tería a adopción de calquera das alternativas denominadas como A e B, polo que as consideran rexeitables no seu conxunto.

En cambio, propoñen quese adopte a opción denominada C, por considerala como a menos daniña de todas elas co pazo de Oca e os seus arredores.

27-6-1997/Asociación Amigos dos PazosRexeitan, na sua totalidade, tanto o estudio informativo como o estudio de impacto ambiental, pola grave afección que suporía, calquera das alternativas propostas, para o pazo de Oca e os seus arredores (pazo, capela, xardíns, bosque e territorio ó que alcanza a súa ordenación e paisaxe).

Solicitan que se analicen outras opcións de trazado que non afecten ó pazo de Oca nin os seus arredores.

24-6-1997/AA.VV. Decoita de RiobóConsideran como moi grave a afección que sobre o pazo de Oca e os seus arredores tería a adopción de calquera das alternativas denominadas como A e B, polo que as consideran rexeitables no seu conxunto. Ademais, estas alternativas (A e B) destruirían a torre da Barreira, declarada ben de interese cultural (BIC) e a casa da Moura, tamén protexida por patrimonio.

En consecuencia, sinalan que de adoptarse algunha das alternativas de trazado propostas, a elección se incline pola denominada alternativa C.

24-6-1997/Fundación Casa Ducal de MedinacelliPor motivacións de carácter similar ás antes expresadas (afección grave ó pazo de Oca e os seus arredores) rexeitan globalmente tanto o estudio informativo como o estudio de impacto ambiental.

Aínda que non apoian ningunha das alternativas propostas, consideran como a menos mala de todas elas a denominada como alternativa C.

24-6-1997/Instituto Padre Sarmiento de Estudios GalegosPor motivacións de carácter similar ás antes expresadas (afección grave ó pazo de Oca e ós seus arredores) rexeitan globalmente tanto o estudio informativo como o estudio de impacto ambiental.

Non apoian ningunha das alternativas presentadas e solicitan que se estudien outras que non afecten o pazo de Oca nin os seus arredores.

26-6-1997/Casadoca, S.L.Por motivacións de carácter similar ás antes expresadas (afección grave ó pazo de Oca e ó seu contorno) rexeitan globalmente tanto o estudio informativo como o estudio de impacto ambiental

Non apoian ningunha das alternativas presentadas e solicitan que se estudien outras que non afecten o pazo de Oca nin os seus arredores.

25-6-1997/Sociedade de Amigos do Real Xardín BotánicoConsideran como moi grave a afección que sobre o pazo de Oca e os seus arredores tería a adopción de calquera das alternativas, polo que as consideran rexeitables no seu conxunto.

A pesar disto, recoñecen que a opción denominada C é a menos daniña de todas elas para o pazo de Oca e os seus arredores, aínda que non a apoia.

25-6-1997/Hispania NostraPor motivacións de carácter similar ás antes expresadas (afección grave ó pazo de Oca e ós seus arredores) rexeitan globalmente tanto o estudio informativo como o estudio de impacto ambiental.

Non apoian ningunha das alternativas presentadas e solicita que se estudien outras que non afecten o pazo de Oca nin os seus arredores.

23-6-1997/Save Europes HeritageConsideran como moi grave a afección que sobre o pazo de Oca e os seus arredores tería a adopción de calquera das alternativas denominadas como A e B, polo que as consideran rexeitables no seu conxunto.

En cambio, propoñen que se adopte a opción denominada C, por considerala como a menos daniña de todas elas co pazo de Oca e os seus arredores.

Data/aleganteSíntese

26-6-1997/Instituto de Estudios de Xardinería e Arte PaisaxistaPor motivacións de carácter similar ás antes expresadas (afección grave ó pazo de Oca e os seus arredores) rexeitan globalmente tanto o estudio informativo como o estudio de impacto ambiental.

Non apoian ningunha das alternativas presentadas e solicitan que se estudien outras que non afecten ó pazo de Oca nin os seus arredores.

25-6-1997/Consello Internacional para a Defensa dos Monumentos e Sitios HistóricosPor motivacións de carácter similar ás antes expresadas (afección grave ó pazo de Oca e os seus arredores) rexeitan globalmente tanto o estudio informativo como o estudio de impacto ambiental.

Recalcan especialmente o seu rexeitamento a tódalas alternativas propostas, especialmente no que se refire ás denominadas A e B.

25-6-1997/Real Academia de Bellas Artes de San FernandoÓ igual que no caso das anteriores, rexeitan as denominadas solucións A e B, por ocupar terreos do pazo de Oca (prado, carballeiras, merendeiro...), ademais de pola gran afección que producirían sobre a paisaxe do val que acolle o pazo de Oca. Igualmente sinalan que as ditas alternativas serían visibles desde o pazo, alterando tamén a paisaxe sonora deste e os seus arredores.

Solicitan que se adopte, polo menos neste tramo, a primitiva solución C, a que consideran como a preferible de tódalas variantes presentadas.

23-6-1997/AA.VV. LamelaSinalan que o enlace de Bandeira tal e como está proposto no caso da alternativa denominada B, afecta directamente (pois sitúase sobre ela) a ermida de San Marcos, cruceiro Coto do Santo e campo da festa de San Marcos, onde se celebra unha romaría cada 25 de abril.

Solicitan un cambio na localización do dito enlace, para evita-la afección ós bens citados.

14-6-1997/AA.VV. de OcaRexeitan a alternativa C por significar un forte impacto socioeconómico, pois divide a parroquia en dúas, afecta gravemente o pazo de Oca e ocupa terreos de labor e prados de gran productividade que constitúen a base da socioeconomía local.

En cambio, e por razóns exactamente opostas, apoian os trazados das alternativas denominadas A e B indistintamente.

20-6-1997/AA.VV. de OrazoRexeitan a alternativa C pola súa afección a vivendas (distancia mínima de 20 m), prados, labradíos, mananciais e fontes de auga, básicos para o mantemento dos seus actuais modos de vida.

Polo contrario, apoian as alternativas B e A por evitar, no ámbito da súa parroquia, os problemas antes citados.

Ademais, remiten outro escrito de alegacións ó Concello da Estrada no que solicitan se manteña neutral, é dicir, non se pronuncie por ningunha das alternativas para non crear conflictos veciñais.

30-6-1997/AA.VV. de LoimilRexeitan as alternativas A e B polas razóns expresadas no propio EIA (maior impacto sobre a hidroloxía, augas medicinais, vexetación e paisaxe). Ademais, consideran que a adopción de calquera desas dúas alternativas interferirá substancialmente cos seus modos de vida actuais, pola súa afección a vivendas, prados e labradíos (de maior calidade e productividade que os afectados pola C), mananciais e fontes de auga, básicos para o mantemento dos seus actuais modos de vida.

Polo contrario, apoian o trazado da alternativa C, aínda que suxiren que se desprace un pouquiño cara ó sur.

10-6-1997/AA.VV. O CastroSinalan unicamente que as alternativas A e B afectan significativamente as traídas veciñais de auga.

Solicitan que se estudie a forma de evita-la dita afección.

19-6-1997/AA.VV. de XestaRexeitan a alternativa F-2 no seu tramo comprendido entre o pq 49+000 e pq 49+800, xa que aí se propón un desmonte que afectará os pozos situados inmediatamente augas abaixo, dos que se abastecen os alegantes.

9-6-1997/Xunta Parroquial de ChapaRexeitan as alternativas A e B por seccionar en dous o territorio parroquial e afectar ademais, no caso da B, un sector onde se radican pequenas empresas (talleres, serradoiros...).

Apoian como solución menos mala a alternativa denominada C.

19-6-1997, 23-6-1997/Concelleiros do BNG de Lalín e SilledaRexeitan o estudio informativo no seu conxunto, pero en especial no que respecta á alternativa A, por considerala como a de máis graves impactos sobre a socioeconomía, modos de vida locais e medio natural.

Non apoian ningún trazado dos propostos.

6-1997/AA.VV. parroquia de NegreirosRexeitan as alternativas A e B porque consideran que a adopción de calquera desas dúas alternativas interferirá substancialmente cos seus modos de vida actuais, ó dividir en dúas a parroquia e afectar a prados e labradíos, mananciais e fontes de auga, básicos para o mantemento dos seus actuais modos de vida.

Non se pronuncian ó respecto da opción C.

6-1997/Veciños da parroquia de CastroRexeitan as alternativas A e B porque consideran que a adopción de calquera desas dúas alternativas interferirá substancialmente cos seus modos de vida actuais, ó dividir en dúas a parroquia e afectar a prados e labradíos, mananciais e fontes de auga, básicos para o mantemento dos seus actuais modos de vida.

Non se pronuncian ó respecto da opción C.

19-6-1997/Veciños da parroquia de Ponte, lugar de MeixomenceRexeitan as alternativas A e B porque consideran que a adopción de calquera desas dúas alternativas interferirá substancialmente cos seus modos de vida actuais, ó dividir en dúas a parroquia e afectar a prados e labradíos, mananciais e fontes de auga, básicos para o mantemento dos seus actuais modos de vida.

Non se pronuncian ó respecto da opción C

Data/aleganteSíntese

Francisco Rey CastroIndica que na zona comprendida entre o viaducto de Oca e o de Mota e a unha distancia inferior ós 200 m do trazado existen restos arqueolóxicos da torre da Barreira, ademais de outros elementos patrimoniais como o muíño da Barreira, muíño do Cabaleiro, fonte de Luis, mámoa de Mota, fonte do Río, muíño de Badoucos e muíño do Río.

7-6-1997/Junta parroquial de BendoiroRexeitan as alternativas A e B porque consideran que a adopción de calquera desas dúas alternativas interferirá substancialmente cos seus modos de vida actuais, ó dividir en dúas a parroquia e afectar a prados e labradíos, mananciais e fontes de auga, básicos para o mantemento dos seus actuais modos de vida.

Non se pronuncian respecto á opción C.

2672