Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Luns, 13 de abril de 1998 Páx. 3.810

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CULLEREDO

ANUNCIO.

En xuntanza celebrada o día 27 de febreiro de 1998 no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela coa participación dos concellos galegos copatrocinadores do Premio de Novela Longa en Lingua Galega Eduardo Blanco Amor e baixo a presidencia do alcalde de Culleredo, Julio Sacristán de Diego, como do concello organizador da décimo sétima edición, apróbanse por unanimidade as bases e regulamento do premio.

Bases e regulamento do Premio.

Bases:

Primeira.-O premio estará dotado coa cantidade de dous millóns de pesetas.

Segunda.-Poderán participar nel tódolos autores de calquera nacionalidade que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega na normativa oficial.

Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados por unha cara e a dous espacios.

Cuarta.-As obras enviaranse por correo, sen remite e baixo lema ó Concello de Culleredo, departamento de cultura, edificio de Servicios Múltiples, rúa Ramón Cabanillas s/n 15670 O Burgo-Culleredo, coa indicación no sobre Premio de Novela Larga Eduardo Blanco Amor. En sobre adxunto, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor ou autora. De cada obra remitiranse cinco copias.

Quinta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.

Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de xullo de 1998. O dictame darase a coñecer no mes de setembro, en xuntanza que se celebrará no salón de sesións da Casa do Concello de Culleredo.

Sétima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas serán devoltas ós autores que o soliciten no prazo dun mes contado desde o día do veredicto.

Oitava.-A entrega do premio terá lugar no mes de decembro nun acto público no que se tentará a difusión da novela gañadora.

Novena.-O premio poderá quedar deserto de non existiren obras de calidade a xuízo do xurado. Neste caso o importe do premio destinarase a divulga-la obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e centros culturais de Galicia.

Décima.-O feito de concorreren a este premio presupón que os autores aceptan as súas bases .

Undécima.-O xurado do premio, nomeado nesta ocasión polo Concello de Culleredo, estará composto por cinco membros, que deberán ser escritores ou críticos literarios da literatura galega.

Duodécima.-O xurado fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.

Culleredo, 27 de febreiro de 1998.

Julio Sacristán de Diego

Alcalde de Culleredo

3098