Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Luns, 13 de abril de 1998 Páx. 3.797

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de cruzamento da ría do Eo por perforación dirixida, no concello de Ribadeo.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 11 de marzo de 1988 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do proxecto de cruzamento da Ría do Eo por perforación dirixida, no concello de Ribadeo, promovido pola empresa Enagás, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

ANEXO

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minorización dos posibles efectos negativos, co fin de que a realización de proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

Ámbito territorial de actuación. Ocupación dos terreos.

A declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva, á instalación dun encanamento de 20'' de aceiro, polo procedemento de perforación dirixida, que cruzará subterraneamente a zona de especial protección para as aves da ría do Eo. A superficie é a definida no proxecto de execución, que é de uns 2.500 m fóra da zona que se vai protexer.

Supervisarase o replanteo da obra, asegurándose que as medidas sobre o terreo non exceden das dispostas nos planos e memoria do proxecto, especialmente no referente ó longo da pista de traballo.

Preservarase a servidume de paso de uso público, polo que esta non será ocupada por ningún tipo de material, instalación, fitos de sinalización ou calquera outro elemento que sobresaia do terreo natural e impida a libre circulación por ela.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión do po e gases.

En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera, especialmente durante a fase de construcción, debida á acción da maquinaria e ós movementos de terra, procederase á rega suficiente das zonas de explanación nos períodos de seca, co fin de evita-la dita emisión. En todo caso, durante estes períodos, non se poderán comeza-los movementos de terra sen que se atopen dispostos a pé de obra os medios materiais necesarios para proceder á humectación do solo.

Posto que non se pode elimina-la emisión de gases procedentes dos motores de combustión interna dos camións e maquinaria, para reducir no posible os seus efectos, será responsabilidade do promotor a correcta posta a punto de tódolos motores, antes do inicio das obras, levada a cabo por servicio autorizado, do que terá que existir oportuna certificación.

1.2. Sobre o ruído.

Na fase de realización das obras aplicarase o disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, contra a contaminación acústica (DOG 20-8-1997).

2. Protección de auguas e leitos fluviais.

Non se poderá depositar nin acumular no emprazamento nin en terreos adxacentes ningún tipo de residuos sólidos diferentes dos entullos xerados na explotación.

As tarefas de mantemento de equipos e maquinaria faranse fóra da zona do parque en instalacións axeitadas a tal fin. A xestión dos aceites provenientes destes equipos e maquinaria, ó longo da obra ou na fase de explotación, deberán ser recollidos en contedores axeitados e entregados a un xestor autorizado.

Calquera vertido ó dominio hidráulico de materiais provenientes da execución das obras deberá contar coa previa autorización de organismo de conca.

3. Protección do solo.

Seguiranse, sempre que sexa posible, os corredores doutras infraestructuras xa existentes, áreas máis antropizadas e nas que as afeccións que se crean sobre a paisaxe e fauna son menores.

As instalacións adaptaranse, sempre que sexa tecnicamente posible, a tódolos accesos xa existentes (camiños rurais, pistas forestais ou sendas), co obxecto de evitar rozas e cortas innecesarias e minimiza-la apertura de pistas, así como outras posibles afeccións sobre o uso actual do solo, especialmente no caso de cruzar masas de vexetación, así como en áreas nas que os usos actuais do solo presentan gran valor (cultivos de regadío, froiteiras, actividades turísticas e recreativas).

Onde exista a posibilidade de erosión deberanse construír drenaxes e foxos apropiados, así como as defensas necesarias.

A capa edáfica ou horizonte vexetal, polo menos 20 cm de terra, será separada durante as escavacións, e de forma especial nos terreos de labor, para ser empregada posteriormente na recuperación. Esta capa edáfica amonearase, na marxe dereita da pista no sentido de marcha dos traballos, en montóns que non superen os 1,5 metros de altura para que non perda a súa calidade, para ser empregada na reposición e restauración das zonas afectadas polas obras. Se o seu emprego non vai ser inmediato, deberase sementar cunha mestura de sementes de pratenses nunha dose mínima de 50 kg/ha, procedendo así mesmo a súa rega.

Unha vez finalizados os traballos realizarase unha descompactación da zona afectada e a reposición da terra vexetal.

Durante a execución dos traballos, levarase a cabo un control estricto dos residuos xerados procedentes dos movementos de terra para a apertura de pistas e gabias, que deberán ser levados a vertedoiros e/ou entulleiras autorizados e axeitados para tal fin. En todo caso, a elección de préstamos e vertedoiros necesarios para o movemento de terras seguirá criterios ambientais.

En ningún caso se poderán depositar residuos en zonas de masas arbóreas de interese nin en valgas nin na proximidade do leito fluvial.

Unha vez rematadas as obras, procederase á limpeza de tódalas zonas afectadas polos traballos e os refugallos serán levados a vertedoiro axeitado, procedéndose a restaura-las zonas coas características que tiñan inicialmente.

O metanol empregado na limpeza do encanamento recollerase en contedores axeitados e entregaranse a xestor autorizado, co fin de evita-los impactos sobre o solo e sobre as augas. Neste sentido, na fase de funcionamento, as purgas dos corpos das válvulas procedentes das revisión anuais recolleranse tamén en contedores axeitados e xestionaranse conforme a súa natureza.

4. Protección de fauna e flora.

4.1. Sobre a vexetación.

Manterase a vexetación nativa e empregaranse técnicas de roza axeitadas que favorezan a revexetación por especies autóctonas nas diferentes zonas afectadas polas obras.

As formacións arbóreas non serán cruzadas por pistas auxiliares e a eliminación da vexetación reducirase á traza da pista proxectada.

Para a revexetación, empregaranse especies propias da zona, xustificando a procedencia e estado das plantas. Aquelas pistas que posteriormente sexan abandonadas, deberanse reintegrar na paisaxe revexetándoas axeitadamente en toda a súa extensión.

De xeito xeral para as masas de vexetación, independentemente da súa localización e calidade ecolóxica, e tendo en conta os inmensos prexuízos ecolóxicos e económicos que a acción devastadora do lume ten no ámbito galego, a promotora farase responsable de que as cortas, rozas e rareos de superficies non se leven a cabo mediante incendios controlados.

Na fase de explotación da obra, no control periódico da vexetación da zona de servidume permanente, non se poderán aplicar herbicidas nas marxes fluviais, segundo o artigo 36.4º da Lei de pesca fluvial de Galicia. De acordo coa Lei de augas, tal medida deberase aplicar a unha zona de 100 m a ambas beiras do leito.

4.2. Sobre a fauna.

Co fin de evitar que a fauna quede atrapada no encanamento, ó final de cada xornada, os extremos libres deste serán pechados hermeticamente con tapóns.

No transcurso das obras non se verterán materiais ó leito fluvial, debido ás alteracións que poden producirse na fauna piscícola.

As obras realizaranse fóra do período comprendido entre o 15 de novembro e o 1 de marzo, co fin de non afectar á numerosa poboación de aves invernantes da ría do Eo.

5. Protección de valores arqueolóxicos e etnográficos.

Calquera achado arqueolóxico que apareza durante as obras será notificado á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que indicará as actuacións e cautelas que se seguirán no transcurso delas. Os traballos arqueolóxicos ós que houbera lugar financiaranse con cargo á execución do proxecto e terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras

e correctoras recollidas no estudio de impacto ambiental e do condicionado da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

6.1. Condicións xerais (PVSA).

O programa de vixilancia que se expón ten carácter troncal respecto ó proposto, neste caso no EsIA. Divídese en catro grupos de informes: de inicio de obras, de seguimento das obras, de seguimento da explotación e de abandono delas. O seu obxectivo é o de procurar incorporar, na maior medida os procedementos de autocontrol por parte do promotor. Ó tempo, os catro grupos de informes subdivídense, de acordo co exposto a continuación, onde quedan reflectidos así mesmo, a periodicidade que han de ter na súa remisión ó órgano competente.

O PVSA, con carácter xeral, estructurarase como segue: 1) Previamente ó inicio das obras; 2) Durante a execución das obras; 3) Ó final das obras; 4) Seguimento ambiental, de carácter semestral, durante os dous primeiros anos de explotación; 5) Seguimento ambiental, de carácter anual, durante a explotación da infraestructura.

Os contidos básicos dos informes, sen prexuízo dos complementos que se poidan incorporar no punto 6.2 (Condicións específicas do PVSA), serán:

1) Previamente ó inicio das obras: a) cronograma das obras con tódalas actividades e resaltando as críticas, debéndose incluír as medidas protectoras ou correctoras de carácter ambiental (este cronograma presentarase polo menos 48 horas antes de comeza-los traballos e corresponderá a calendario real). Ademais, presentarase polo menos un mes antes do inicio dos traballos; b) cartografía a escala 1:5.000 ou maior detalle onde aparezan tódolos elementos que se van construír ou que quedarán afectados polas obras e as medidas correctoras e protectoras previstas; c) reportaxe fotográfica das zonas nas que se situarán os distintos elementos; d) certificación de posta a punto de motores de camións e da maquinaria que se empregarán durante as obras.

Previamente á presentación destas condicións informarase a esta dirección xeral da data de comezo das obras.

2) Durante a execución das obras: a) Mensualmente, en relación ó apartado a) do parágrafo anterior, presentarase o correspondente plan actualizado; b) considerando que relativamente próximas á zona de actuacións están situados núcleos de poboación, presentarase, ós tres meses do comezo das obras, un mapa de ruídos en plena actividade, tomando como referencia as vivendas máis próximas á zona afectada polo proxecto. Así mesmo presentarase con periodicidade trimestral contando desde o inicio das obras. c) informe acompañado dunha reportaxe fotográfica onde se reflicta o desenvolvemento dos traballos, recollendo así mesmo as incidencias, imprevistos e continxencias acontecidas; d) cartografía a escala 1:5.000 onde se recollan os avances dos

traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, referido ós distintos elementos que a conforman.

3) Informe de final das obras: presentarase antes de dous meses desde o remate dos traballos, comprendendo, polo menos: a) cartografía a escala 1:5.000 ou maior detalle onde aparezan os elementos de carácter permanente relacionados coa instalación e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras xunto con reportaxe fotográfica; b) certificación da calidade e orixe dos elementos e dos materiais empregados para as operacións de protección e corrección ambiental; c) definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras.

4) Informe de seguimento ambiental (tipo A): presentarase con periodicidade semestral contando desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Conterá, como mínimo, os seguintes elementos: a) reportaxe fotográfica de avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal ou protección paisaxística; b) estado e taxas de desenvolvemento nas superficies revexetadas, c) incidencias ou problemas detectados no período de explotación inicial.

5) Informe de seguimento ambiental (tipo B): presentarase con periodicidade anual, a partir do segundo ano da explotación e terá os mesmos contidos que o informe tipo A descrito anteriormente.

Tódolos informes anteditos presentaranse ante o órgano substantivo para a súa remisión ó órgano ambiental que procederá á súa aprobación.

6.2. Condicións específicas (PVSA).

As condicións específicas do Plan de Vixilancia e Seguimento responden a aspectos moi concretos e particulares que deben incorporarse no presente caso ó Plan Xeral de Vixilancia Ambiental, polo que se presentarán, na forma e cos contidos recollidos a continuación, ós 3 meses de ser notificada a presente declaración polo órgano substantivo. Será necesaria a conformidade e aprobación dos estudios e informes incluídos neste punto por parte desta dirección xeral, quen consultará cos organismos competentes sobre a adecuación destes. Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, quen non poderá proceder ó desenvolvemento do proxecto ata que non conte con esta notificación.

6.2.1. Presentarase, como se recolle nas medidas correctoras do estudio, un inventario de niños de especies protexidas ou de especial valor, na zona de influencia do proxecto, co obxecto de protexer e evita-la súa perda.

6.2.2. Estudio de revexetación das zonas afectadas polos movementos de terras especificando maquinaria, número e especies que se van empregar, planificación, calendario de actuacións e valoración económica da restauración dos terreos, facendo especial fincapé no ribazo que pode quedar afectado polas obras.

7. Condicións adicionais.

* As condicións sinaladas nesta declaración de efectos ambientais (DEA), son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan alcanza-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitará a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, aportando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de ser enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliará as mesmas, comunicando o acordo adoptado ó promotor.

* O proxecto de referencia terase que someter á autorización do órgano urbanístico competente desta Administración autonómica, de acordo co artigo 77.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

* O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar, en calquera momento e só para ós efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non recollido actualmente.

* Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo por propia iniciativa ou pola solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que se corrixan elas.

* Previamente ó comezo das obras, o promotor deberá depositar un aval para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio. Proponse como importe provisional do aval o 4% do investimento que se vai realizar. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento das medidas correctoras e plan de restauración do proxecto.

* O presente acordo, adoptado por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificación nesta.

* O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

3091