Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Luns, 13 de abril de 1998 Páx. 3.777

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 26 de marzo de 1998 pola que se regulamenta a profesión de guía de turismo especializado de Galicia.

As actividades turísticas informativas privadas atopábanse reguladas na orde ministerial do 31 de xaneiro de 1964, que se aplicou con carácter supletorio nesta Comunidade Autónoma ata o 13 de decembro de 1995, data da súa derrogación.

Pola súa banda, a orde da Consellería de Traballo, Industria e Turismo, do 29 de decembro de 1986 creou os rexistros de guías de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de que tódolos guías e guías-intérpretes de turismo que exerzan a súa actividade no territorio de Galicia con base nas súas correpondentes habilitacións, foran debidamente rexistrados e provistos dun carné profesional desta Comunidade Autónoma.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.21º atribúelle á Comunidade Autónoma competencias exclusivas en materia de ordenación e promoción do turismo.

Con base nesta competencia, cómpre regula-la actividade profesional dos guías de turismo especializados exercida no ámbito territorial de Galicia, co fin de cubri-lo baleiro legal existente nestes momentos, e asegurar que no exercicio desta profesión se respecten os principios de libre exercicio das actividades asalariadas, liberdade de establecemento e libre prestación de servicios consagrados no Tratado da CEE, e aqueloutras disposicións comunitarias de dereito derivado aplicables en materia de recoñecemento de títulos.

Por outra banda, con este regulamento preténdese garantirlles ós usuarios turísticos a calidade da prestación dos servicios de información turística nos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia, o que sen dúbida contribuirá a salvagarda-la identidade dese importante producto turístico.

En consecuencia, de conformidade co Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que establece no artigo 27.21º a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, e en virtude do establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito territorial de aplicación.

Esta orde ten por obxecto a regulamentación da actividade profesional dos guías de turismo especializados, exercida no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Definición.

A actividade de guía de turismo especializado consiste na prestación, con carácter habitual e retribuído, de

servicios de información turística sobre os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia a que fai referencia a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e que figuren inscritos nos rexistros, catálogos ou inventarios que consten na Consellería da Xunta de Galicia competente en materia de patrimonio cultural.

Artigo 3º.-Habilitacións.

1. A actividade definida no artigo anterior só poderá ser exercida polos que dispoñan da preceptiva habilitación outorgada polo órgano da Xunta de Galicia, competente en materia de turismo.

2. A devandita habilitación outorgaráselles ós que cumpran os requisitos esixidos e superen as correspondentes probas, expedíndoselles un carné xunto cun distintivo que deberán levar en lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

3. O ámbito territorial da habilitación será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Período de validez da habilitación.

As habilitacións que se outorguen terán unha validez de cinco anos renovables por iguais períodos de tempo, sempre que o interesado acredite a asistencia a un ou varios cursos de formación, actualización ou perfeccionamento, que para tal efecto se organicen ou homologuen polo órgano da Xunta de Galicia competente en materia de turismo, e que sumen un mínimo de 70 horas durante os cinco anos de vixencia da habilitación anterior.

Artigo 5º.-Rexistro.

1. Os guías de turismo especializados de Galicia, unha vez obtida a necesaria habilitación, serán inscritos de oficio no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia.

2. Os ditos profesionais deberán comunicarlle ó órgano da Xunta de Galicia competente en materia de turismo no prazo de 15 días, calquera modificación dos datos cos que consten inscritos.

Así mesmo, será obrigatorio que comuniquen no dito prazo as baixas que voluntariamente se produzan, aínda que sexan temporais.

Artigo 6º.-Exclusión da habilitación.

Non se considera actividade profesional suxeita á habilitación administrativa á que fai referencia esta orde, a consistente na prestación dos seguintes servicios:

a) Os de información turística realizados nos lugares distintos ós dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia a que fai referencia o artigo 2º desta orde.

b) Os de acompañamento e asistencia en ruta que non impliquen a prestación de servicios de información turística sobre os devanditos bens mencionados no artigo 2º desta orde.

c) Os prestados por persoal ó servicio dunha Administración pública, ou por profesionais do ensino que realicen actividades de información con carácter oca

sional como consecuencia das súas actividades respectivas de acompañamento institucional ou formación do alumnado, sempre que non perciban ningunha remuneración por ese concepto.

d) Os realizados polos empregados de museos ou monumentos histórico-artísticos que no seu interior faciliten información sobre eles ós visitantes, sen percibir retribución por este concepto e sen que ofrezan os seus servicios mediante anuncio ou publicidade.

Artigo 7º.-Probas e convocatoria.

1. A consellería competente en materia de turismo convocará mediante orde, polo menos cada tres anos, probas para obte-la habilitación de guía de turismo especializado.

2. Nesa orde determinarase a documentación que os interesados deberán achegar para poder participar nas probas, a composición do tribunal cualificador, o procedemento que se vai seguir e calquera outra circunstancia que se considere necesaria.

3. As probas versarán alomenos sobre os seguintes temas:

a) Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos. Preparación e desenvolvemento de itinerarios turísticos.

b) Coñecementos históricos artísticos, xeográficos, culturais e ecolóxicos de Galicia.

c) Coñecementos normativos e socio-económicos do Estado español, e en especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Idiomas castelán e galego e os estranxeiros que se determinen.

4. O programa que rexerá nestas probas é o que consta no anexo I desta orde.

Artigo 8º.-Requisitos para participar nas probas.

Poderán participar nas probas a que se refire o artigo anterior as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Te-la nacionalidade dun país membro da Unión Europea, dun país asociado ó acordo sobre o Espacio Económico Europeo ou dun país con convenio de reciprocidade con España neste ámbito.

c) Estar en posesión, como mínimo, dalgún dos seguintes títulos:

-Técnico superior en Información e Comercialización Turística.

-Técnico en Empresas e Actividades Turísticas.

-Calquera outro título superior universitario, licenciatura ou doutoramento.

No caso de títulos estranxeiros deberá acreditarse a súa homologación pola autoridade competente.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poidan ser incompatibles coas funcións de guía de turismo.

e) Acredita-lo dominio dalgunha das linguas estranxeiras que se convoquen ademais das cooficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Validación de coñecementos.

1. Ós profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia, como guías ou guías-intérpretes de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, poderáselles eximir das probas de idiomas que consten nas súas habilitacións, así como daqueloutras materias que se considere que xa foron avaliadas e que se determinarán nas correspondentes convocatorias de exames.

2. Os guías de turismo habilitados para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen amplia-la súa habilitación a outros idiomas distintos ós que consten nela, tan só deberán supera-las correspondentes probas de idiomas.

Artigo 10º.-Recoñecemento profesional.

1. Os nacionais dun país membro da Unión Europea, ou dun país asociado ó Acordo sobre o Espacio Económico Europeo que posúan o título ou conxunto de títulos, que os habiliten para exerce-la profesión de guía de turismo especializado nos seus países de procedencia, poderán solicita-lo recoñecemento desa profesión para exercela nesta Comunidade Autónoma.

2. Igual recoñecemento se poderá efectuar respecto ós cidadáns españois que posúan unha habilitación expedida por outra Comunidade Autónoma.

3. O procedemento que se vai seguir para realiza-lo devandito recoñecemento de títulos será o previsto no Real decreto 1396/1995, do 4 de agosto, polo que se recepcionou no ordenamento interno español a Directiva 92/51/CEE do Consello das Comunidades Europeas, do 18 de xuño de 1992, e permitiralles ós nacionais mencionados no número 1, ben exerce-la profesión na Comunidade Autónoma de Galicia sen necesidade de someterse a exame ou ben, de considerarse a súa formación incompleta, someterse a unha proba de aptitude limitada ás materias que nunca cursaron ou a un período de prácticas, segundo se determinará nas correspondentes disposicións.

Artigo 11º.-Dereitos.

Os guías de turismo especializados no exercicio da súa profesión terán os seguintes dereitos:

a) Á percepción dos honorarios libremente estipulados pola prestación dos seus servicios.

b) A contratar libremente os seus servicios con empresas, entidades e particulares, tanto en réxime profesional como laboral.

Artigo 12º.-Obrigas.

Son obrigas dos guías de turismo:

a) Informa-los usuarios antes da contratación do servicio das condicións deste e do prezo que lles será aplicado.

b) Infoma-los usuarios con obxectividade.

c) Actuar con dilixencia e profesionalidade e cumpri-lo programa nos termos contratados.

d) Cumprir coas obrigas empresariais, laborais e fiscais que se requiran para o exercicio da profesión, de acordo coa normativa específica que o regule.

e) Levar consigo durante o exercicio da súa actividade profesional a habilitación a que fai referencia o artigo 3º e exhibi-lo distintivo a que así mesmo fai referencia.

f) Comunicarlles ós correspondentes servicios provinciais de Turismo os prezos dos seus honorarios, dentro dos tres primeiros meses de cada ano, e cada vez que sexan modificados.

A falta de comunicación nese prazo implicará a vixencia dos últimos prezos comunicados.

Disposición transitoria

Primera.-Os guías de turismo e os guías intérpretes de turismo habilitados polo Estado ou pola Xunta de Galicia para o exercicio das súas actividades no ámbito territorial desta Comunidade Autónoma ó abeiro da normativa anterior conservarán vixente esa habilitación durante un período de 5 anos.

Non obstante, serán considerados como guías de turismo especializados, e como tales poderán trocar nese prazo a habilitación de que dispoñan pola de guías de turismo especializados nos idiomas e para o ámbito que consten na anterior habilitación.

Segunda.-Transcorrido o prazo de 5 anos, deberán acredita-la asistencia ós cursos de formación a que fai referencia o artigo 4º desta orde para renova-la súa habilitación.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 29 de decembro de 1986, pola que se crean os rexistros de guías de turismo da Comunidade Autónoma de Galicia, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO I

Temario cultural.

1.- Características xeográficas de Galicia: o solo, o relevo, o clima, a hidrografía, fitoxeografía e a fauna.

2.- A paisaxe de Galicia. Comarcas naturais. Morfoloxía da costa galega. O interior.

3.- A poboación e os diferentes tipos de asentamento. A Galicia urbana, rural e mariñeira.

4.- Estructura socio económica de España. Especial referencia ó turismo como sector económico.

5.- Economía de Galicia: a estructura da propiedade. Principais produccións nos diferentes sectores. Interaccións entre a economía galega e a española.

6.- A Galicia prerromana. O megalitismo. A idade de bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

7.- A cultura galaico-romana. As vías. Asentamentos rurais e urbanos. A articulación político administrativa da Gallaecia. As explotacións mineiras. Cristianización e conflicto priscilianista.

8.- Séculos V-X. O Reino suevo de Galicia. O proceso de feudalización. As relacións aristocracia-monarquía-igrexa. Camiño francés e outras rutas xacobeas. A presencia normanda.

9.- Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico.O gótico.

10.- Séculos XI - XIII: crecemento demográfico e expansión económica. Xelmírez. Reordenación do espacio político: a independencia de Portugal. A literatura medieval galaico-portuguesa. Os reis de Galicia e León Fernando II e Alfonso IX: o renacemento urbano.

11.- Séculos XIV - XV: a Baixa Idade Media e a transición á Idade Moderna. O reino de Galicia na monarquía castelá. Crises económicas. Conflictos sociais e políticos. O comercio marítimo galego. Os irmandiños.

12.- O monacato en Galicia na Idade Media. Arte cisterciense. As ordes militares e Galicia. Orixes e desenvolvemento da Universidade en Galicia.

13.- A Galicia do antigo réxime. Desenvolvemento demográfico. Institucións político-administrativas. Fidalguía, foro e campesiñado. Peculiaridades do mundo urbano. Transformacións agropecuarias.

14.- A arquitectura e escultura barrocas en Galicia. Exemplos das súas manifestacións máis importantes.

15.- A transición á Idade Contemporánea. A incipiente industralización. A ilustración. A emigración. O agrarismo.

16.- Modelos e evolución da arquitectura galega no século XIX. Clasicismo e academicismo. Eclecticismo e historicismo.

17.- A literatura do Rexurdimento. Rosalía de Castro. Pondal. Curros.

18.- Antecedentes da autonomía galega. O galeguismo. O século XX en Galicia e o proceso de modernización.

19.- Arquitectura modernista en Galicia. A Xeración Nós e o Seminario de Estudios Galegos. O movemento renovador e de vangarda da arte galega. Tendencias actuais da arte e da literatura de Galicia. Os exemplos. Grandes literatos galegos en lingua castelá.

20.- Arquitectura popular galega. Materiais, elementos constructivos e tipoloxías da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes, o muíño.

21.- Artesanía e oficios populares. A lingua galega.

22.- O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas.

23.- A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

Temario de itinerarios e recursos turísticos.

24.- Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos.

25.- Recursos turísticos de Galicia. Trazos diferenciais da oferta turística galega. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos e convencións. Turismo activo e de natureza.

26.- Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

27.- Áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

28.- Costa norte e Rías Altas desde Caión a Ribadeo.

29.- Desde Fisterra a Caión. Especial significación da Costa da Morte.

30.- As Rías Baixas. Desde Fisterra ó esteiro do Miño.

31.- A Galicia interior: serras setentrionais. Dorsal galega. Penechaira galega. Depresión de Ourense. A Limia. Val de Monterrei. Val de Arnoia. Terras do Carballiño. Val do Ribeiro. Valdeorras. O chanzo de Santiago. Fosa Padrón-Tui. As concas do Tambre e o Ulla. Serras meridionais.

32.- As serras orientais e o Macizo Central Ourensán.

33.- Visita á cidade e provincia da Coruña.

34.- Visita á cidade e provincia de Lugo.

35.- Visita á cidade e provincia de Ourense.

36.- Visita á cidade e provincia de Pontevedra.

37.- Visitas ás cidades e vilas de Betanzos, Muros, Noia, Viveiro, Mondoñedo, Ribadavia, Allariz, Baiona e Cambados.

38.- Visita á cidade e ría de Vigo.

39.- Visita á cidade de Santiago de Compostela.

40.- O Camiño francés e outros tramos galegos dos Camiños de Santiago.

41.- A zona de Monforte de Lemos e A Ribeira Sacra.

Nos temas 26 a 41 inclusive, o aspirante deberá motiva-la elección dos puntos de visita e posibles itinerarios para levalos a cabo, podendo expoñer diversas solucións segundo o tempo, finalidade e obxectivo da viaxe.

42.- Rede viaria e sistemas de transportes.

43.- Oferta de aloxamentos. Localización e características. Balnearios e mananciais de augas medicinais e termais.

44.- Museos principais de Galicia.

45.- As catedrais.

46.- Os mosteiros.

47.- Dólmenes, petroglifos, castros. Exemplos máis relevantes.

48.- Castelos, pazos, edificios civís máis relevantes.

Temario de lexislación:

49.- A Constitución española. Principios xerais. O Estatuto de autonomía de Galicia. Características xerais. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

50.- A Xunta de Galicia: estructura e funcións das distintas consellerías. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo: estructura e competencias.

51.- Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

52.- Aspectos fundamentais da normativa reguladora de aloxamentos turísticos: establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos e acampamentos públicos de turismo.

53.- Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos establecementos de restauración.

54.- Aspectos fundamentais da normativa reguladora das axencias de viaxes. Normativa reguladora da profesión de guía de turismo especializado de Galicia.

55.- Os parques naturais, os espacios naturais en réxime de protección xeral, os espacios naturais das normas subsidiarias e complementarias de planeamento provincial. Nocións xerais das leis de caza, pesca fluvial, patrimonio cultural de Galicia e protección do Camiño de Santiago.

2904