Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 06 de abril de 1998 Páx. 3.507

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 109/1998, do 5 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Os decretos 347/1997, do 9 de decembro, e 351/1997, do 10 de decembro, establecen a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos seus distintos departamentos, polo que agora procede, pola súa vez, determina-la estructura orgánica e funcional da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, atendendo ós principios de economía, eficacia e celeridade administrativas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co informe previo das consellerías de Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificado pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia sa súa reunión do día cinco de marzo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponde desenvolve-las competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores, industrias pesqueiras, establecementos de almacenamento, manipulación, vendas e transformación do peixe e ensinanzas marítimo-pesqueiras, náutico-deportivas e mergullo de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, sen prexuízo das competencias que poidan corresponderlle ós outros organismos da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º

Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, estructúrase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. Secretaría xeral.

III. Dirección Xeral de Recursos Mariños.

IV. Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados.

V. Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

VI. Delegacións territoriais.

VII. Órganos colexiados.

I. O conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. A Secretaría xeral.

Artigo 4º

1. A secretaría xeral exercerá as funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como as que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular do departamento.

2. Para o exercicio das súas funcións a secretaría xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Coordinación.

Corresponderalle a xestión do persoal; a coordinación da elaboración do orzamento e o seu seguimento e control; a xestión da contratación administrativa, segundo as competencias que na materia teña atribuídas o secretario xeral; xestión económica e réxime interior; información administrativa ó cidadán, rexistro xeral e arquivo; coordinación administrativa das unidades periféricas en materias da súa competencia e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

A Subdirección Xeral de Coordinación estructúrase nas seguintes unidades:

2.1.1. Servicio de Administración Xeral e de Xestión Orzamentaria:

Correspóndelle:

-Prepara-lo anteproxecto do orzamento da consellería.

-Supervisa-la xestión económica e seguimento da execución do gasto.

-Coordinación das secretarías das delegacións territoriais en materia de gastos correntes en bens e servicios.

-Xestiona-la contratación administrativa.

-Asuntos xerais e réxime interior.

-Rexistro xeral, arquivo e información ó cidadán.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

2.1.2. Servicio Técnico Xurídico:

Correspóndelle:

-A elaboración, estudio e tramitación de tódolos anteproxectos e proxectos de disposición de carácter xeral.

-Efectua-los estudios e informes que lle sexan encomendados polo secretario xeral, así como o estudio, preparación e informes xurídicos dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios Xerais e ó Consello da Xunta de Galicia e o traslado dos seus acordos.

-A coordinación dos trámites para a publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería.

-O estudio e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións dos distintos órganos da consellería, así como a coordinación dos órganos que interveñan na súa tramitación.

-En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, en razón da súa competencia, pola secretaría xeral.

2.1.3. Servicio de persoal:

Correspóndelle:

-A xestión, control e coordinación do persoal dos servicios centrais.

-A xestión de nóminas do persoal dos servicios centrais.

-A programación das necesidades do persoal.

-A elaboración da proposta da relación de postos de traballo.

-A coordinación das secretarías das delegacións en materia de persoal.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Relacións, Planificación e Sistemas de Información.

Corresponderalle a asistencia técnica e a colaboración coas confrarías e organizacións de productores de pesca; a execución do Plan Informático da Xunta de Galicia dentro da consellería en coordinación cos órganos competentes da Consellería da Presidencia e Administración Pública; a recollida de datos e a elaboración das estatísticas sen prexuízo das atribucións recoñecidas ó Instituto Galego de Estatística; a coordinación interna e externa das publicacións da consellería e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

A Subdirección Xeral de Relacións, Planificación e Sistemas de Información estructúrase nas seguintes unidades:

2.2.2. Servicio de Relacións coas Organizacións Profesionais:

Correspóndelle:

-A asistencia técnica ás confrarías de pescadores, organizacións de productores de pesca e demais asociacións relacionadas co sector.

-Recibir información das actividades das confrarías de pescadores.

-Solicitar das confrarías a aportación de datos relativos á actividade pesqueira e marisqueira.

-Asesoramento ás confrarías en materia de eleccións.

-Coordina-las actividades dos funcionarios da escala de confrarías.

-Servir de canle ás relacións entre os distintos órganos do departamento e as confrarías.

-E, en xeral, cantos asuntos lles sexan encomendadas en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

2.2.2. Servicio de Planificación e Sistemas de Información:

Correspóndelle:

-Organiza-la recolllida de datos, realización de estudios e colaboración na elaboración das estatística propias da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes, segundo as pautas determinadas nas leis 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e 7/1993, do 24 de maio, de estatística de Galicia.

-Velar pola correcta implantación dos sistemas informáticos dentro da consellería, sen prexuízo das competencias que nesta materia corresponden á Inspección Xeral de Servicios da Consellería de Presidencia e Administración Pública.

-Elabora-los estudios e proxectos de racionalización de procesos.

-Coordina-las actuacións que en materia de informática realizan as delegacións territoriais.

-Estudiar, en coordinación coa Dirección Xeral de Organizacións e Sistemas Informáticos da Consellería de Presidencia e Administración Púbica e propoñe-los sistemas informáticos que precise a consellería.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola secretaría xeral.

2.2.3. Dependendo organicamente da secretaría xeral e funcionalmente do director do Instituto Galego de Estatística, e con nivel órganico de servicio, existirá o Servicio de Estatística, que desenvolverá as funcións previstas no artigo 7.1º do Decreto 391/1994, do 14 de outubro, polo que se regula a estructura orgánico-funcional do Instituto Galego de Estatística.

Correspóndelle:

-Elaboración das estatísticas propias da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes.

-Elaboración das estatísticas ou fases delas que lles encomenden o Plan Galego de Estatística e os seus programas estatísticos.

-Colaboración co Instituto Galego de Estatística na elaboración do anteproxecto do Plan Galego de Estatística e dos seus programas estatísticos anuais.

- Publicación dos resultados das estatísticas propias, logo da súa remisión o Instituto Galego de Estatística para a súa homologación.

-Colaboración co Instituto Galego de Estatística no deseño e na confección dos ficheros-directorios que utilizarán os órganos e entes da Administración autonómica de Galicia.

-Análise das necesidades estatísticas da consellería e dos organismos e entes públicos correspondentes.

2.2.4. Dependendo organicamente da secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

a) Intervención Delegada.

b) Asesoría Xurídica.

III. A Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Artigo 5º

1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Recursos Mariños as competencias sobre ordenación pesqueira, tanto de carácter profesional como recreativo; ordenación e fomento do marisqueo e da acuicultura mariña; establecemento das condicións para o exercicio das actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura mariña; protección, conservación, mellora e explotación equilibrada dos recursos naturais do medio mariño; así como a inspección, vixilancia e control sobre os recursos mariños e a colaboración en materia de salvamento.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

1.1. Subdirección Xeral de Recursos Mariños:

Correspóndelle:

-A programación, execución, avaliación e seguimento das actuacións en materia de ordenación pesqueira e de ordenación e fomento do marisqueo e da acuicultura mariña.

-A aplicación da normativa sobre actividades pesqueiras, marisqueiras e de acuicultura mariña.

-A conservación, explotación e mellora dos recursos mariños, e, en xeral, a defensa dos intereses pesqueiros galegos.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Para o desenvolvemento das súas funcións esta subdirección xeral estructúrase nas seguintes unidades:

1.1.1. Servicio de Pesca:

Correspóndelle:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional como recreativa.

-A aplicación da normativa sobre alternancia de artes, así como o seu seguimento, control e avaliación.

-A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de pesca.

-A xestión dos plans de explotación pesqueira.

-A colaboración na defensa e promoción dos intereses pesqueiros galegos nos diferentes caladoiros.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

1.1.2. Servicio de Marisqueo:

Correspóndelle:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo.

-A aplicación da normativa sobre marisqueo ás zonas de explotación marisqueira.

-A planificación, coordenación, execución e control das actuacións relacionadas coa prevención e loita contra as patoloxías dos organismos mariños vivos, co medio mariño e coa explotación e conservación dos bancos marisqueiros naturais.

-A xestión dos plans de explotación marisqueira.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

1.1.3. Servicio de Acuicultura:

Correspóndelle, en relación coa acuicultura mariña:

-A xestión dos títulos administrativos habilitantes para actividades de acuicultura.

-A planificación, coordinación, execución e control das actuacións en materia de desenvolvemento e ordenación da acuicultura.

-A aplicación da normativa sobre establecementos de acuicultura.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

1.2. Subdirección Xeral de Protección de Recursos.

-Correspóndenlle funcións de programación, planificación e control das accións de vixilancia e inspección, tanto no sector extractivo como nos centros de comercialización e establecementos de producción, transformación e consumo, así como no trans

porte dos productos; a colaboración nas actividades de salvamento marítimo e loita contra a contaminación no mar e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Recursos Mariños.

1.3. Centro de Control de Calidade do Medio Mariño.

Dependendo da Dirección Xeral de Recursos Mariños e con rango de servicio, exercerá as funcións relativas á aplicación da normativa sobre calidade das augas e da producción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos e, particularmente, as referidas ó control das condicións oceanográficas e fitoplancto, de biotoxinas mariñas, de contaminación química e de microbioloxía e patoloxía, tanto no referido ós productos coma ás zonas de producción.

IV. Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados.

Artigo 6º

1. A Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados exercerá a dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de estructuras pesqueiras e mercados, de acordo coa política pesqueira galega mailas regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado.

Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta dirección xeral estructúrase como segue:

1.1. Subdirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados.

Correspóndelle a execución de tódalas accións desenvolvidas no eido da modernización e adecuación das estructuras pesqueiras galegas, así como o desenvolvemento do sector extractivo e da industria de transformación dos productos do mar e, en particular:

-Aquelas accións encamiñadas a acada-la reestructuración, modernización e renovación da flota pesqueira e da infraestructura do sector.

-As tendentes a consegui-la mellora da calidade, promoción e ordenación da oferta dos productos pesqueiros e marisqueiros.

-O fomento da renovación das empresas dedicadas á industria de conservación, manipulación, preparación, transformación e comercialización dos productos pesqueiros.

-O fomento das medidas de seguridade marítima e a promocion da loita contra a contaminación no mar.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

A Subdirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados contará cos seguintes servicios:

1.1.1. Servicio de Flota:

Correspóndelle:

-A xestión das distintas liñas de axuda orientadas á reestructuración, renovación e modernización da flota pesqueira, así como a tramitación das autorizacións para construír, modernizar e reconverter buques.

-O control do esforzo pesqueiro a través das modificacións na composición da flota pesqueira galega.

-A xestión do servicio de salvamento marítimo e de loita contra a contaminación no mar, así como as medidas encamiñadas a mellora-las condicións de vidas dos homes do mar.

-A xestión do rexistro do censo de buques de pesca con porto base na Comunidade Autónoma.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

1.1.2. Servicio de Comercialización e Infraestructura:

Correspóndelle:

-A xestión das diferentes liñas de axudas dedicadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos productos da pesca e da acuicultura.

-As accións destinadas a mellora-los equipamentos pesqueiros dos portos galegos.

-A regulación dos mercados pesqueiros e a promoción dos productos mariños.

-A xestión do rexistro oficial de industrias halioalimentarias situadas en Galicia.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

V. Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 7º

1. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación exercerá a ordenación, dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de ensinanzas naútico e marítimo-pesqueiras, extensión pesqueira e investigación mariña, de acordo coa política pesqueira galega mailas regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado. No referente á investigación mariña actuarase en coordinación coa Secretaria Xeral de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Para o exercicio das súas funcións a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación estructúrase nas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Ensinanzas Naútico e Marítimo Pesqueiras.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación e xestión das ensinanzas naútico e marítimo pesqueiras nos centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-A tramitación de expedientes de gastos de investimentos e axudas institucionais a terceiros.

- O apoio na xestión e control dos gastos de funcionamento dos centros.

-A elaboración de estudios sobre funcionamento das ensinanzas e perfeccionamento do profesorado.

-A elaboración da memoria das actividades dos centros.

-Servir de canle ás relacións entre os centros, a administración educativa e outras entidades públicas e privadas.

-As relacións con terceiros países nos temas de formación pesqueira.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

1.2. Servicio de Extensión Pesqueira.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación, xestión e execución da formación e calquera outra actividade relacionada coa promoción e extensión pesqueira, o fomento do cooperativismo e a organización do sector.

-A programación e execución da formación e a reciclaxe de pescadores nos portos.

-A programación e execución da extensión pesqueira.

-O asesoramento, fomento e apoio do asociacionismo e da organización do sector.

-A programación e execución de accións de fomento da economía social e das medidas de acompañamento social a plans de reestructuración no sector.

-A programación e execución das actividades de divulgación.

-A programación, supervisión e realización de publicacións e outro material divulgativo e didáctico.

-A emisión e rexistro das titulacións naúticas de pesca e lecer.

- E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

1.3. Servicio de Investigación Mariña.

Correspóndelle:

-A coordinación, programación e xestión dos centros de investigación dependentes desta consellería, así como calquera outra actividade relacionada co fomento da coordinación na investigación mariña en Galicia.

-A coordinación, programación e seguimento dos proxectos de investigación.

-A tramitación dos expedientes de gasto de investimentos e axudas.

- O apoio na xestión e control de gastos de funcionamento dos centros.

-A programación e xestión de publicacións científicas.

-Servir de canle ás relacións entre os centros e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico así como coas demais institucións ou centros, públicos e privados, dedicados á investigación mariña.

-E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

2. Dependerán funcionalmente da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación:

2.1. Os institutos de educación secundaria:

-Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira.

-Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol.

-Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

2.2. Os centros de investigación:

-Centro de Investigacións Mariñas.

-Centro de Experimentación en Acuicultura.

-Centro de Cultivos Mariños.

VI. AS delegacións territoriais.

Artigo 8º

1. En cada unha das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra existe unha delegación territorial, con sede na Coruña, Celeiro e Vigo respectivamente, de acordo co establecido no Decreto 351/1997, do 10 de decembro.

2. Á fronte de cada delegación territorial existirá un delegado do que dependerán organicamente tódolos servicios e unidades administrativas da consellería que estean no seu ámbito territorial de actuación.

3. Nos seus ámbitos territoriais de actuación corresponderalle ós delegados territoriais desenvolve-las competencias determinadas nos decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, modificado polo Decreto 244/1990, do 18 de abril, polo que se reorganiza

a administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos órganos territoriais, e 87/1990 e 88/1990, ámbolos dous, do 15 de febreiro, en materia de contratación administrativa e de concesión de axudas e subvencións e, en xeral, todas cantas lle sexan encomendadas legal o regulamentariamente.

4. En cada unha das delegacións territoriais existe unha secretaría, con nivel orgánico de servicio; correspóndelle ó secretario territorial, baixo a autoridade e supervisión do delegado, o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión do persoal, información ó público, elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación, administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen, elaboración de estatísticas dos servicios da delegación e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia administrativa ó delegado e subsyituilo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

5. En cada unha das delegacións territoriais existen, así mesmo, as seguintes unidades:

5.1. Servicio de Recursos Mariños.

5.2. Servicio de Estructuras Pesqueiras.

Disposición transitoria

Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se modifique a denominación ou contido das subdireccións xerais ou servicios existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta do secretario xeral, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de traballo de libre designación, ou a adscribilos con carácter temporal a postos de inferior nivel, se se trata de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún suposto poida significa-la readscrición ou adscrición cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e da Lei 9/1997, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das

administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposición derogatoria

Quedan derrogados os decretos 206/1990, do 15 de marzo, no que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, e os decretos 78/1991, do 7 de marzo e 310/1994, do 14 de outubro que modifican o anterior e, en xeral, todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan ó establecido no presente decreto.

Disposicións finais

Primeira.-A modificación da estructura orgánica que se establece neste decreto, non supón incremento do gasto público.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

2640