Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 01 de abril de 1998 Páx. 3.269

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 97/1998, do 20 de marzo, polo que se regula a publicidade sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía para Galicia, Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de publicidade, sen prexuízo das normas dictadas polo Estado para sectores e medios específicos.

No ámbito da publicidade sanitaria o Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, sobre transferencias da Administración do Estado en materia de traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, transferiulle á Comunidade Autónoma, no seu artigo 33, o control da publicidade a que se refire o Real decreto 2827/1977, do 6 de outubro, de visados da publicidade médico-sanitaria.

Consecuentemente os decretos autonómicos 65/1987, do 17 de marzo, e o Decreto 177/1988, regularon a obtención destes visados, ata o Decreto 273/1990, do 27 de abril, de publicidade sanitaria, que derroga a normativa anterior, aínda que mantendo os criterios do actualmente derrogado Decreto 2827/1977, do 6 de outubro. A autorización administrativa previa esixíase para toda forma de publicidade, dirixida a promove-la contratación, directa ou indirecta de bens, dereitos, obrigas e servicios, que realizasen as persoas físicas e xurídicas que se enumeraban no seu artigo 2; o que podería entorpecer un sector especialmente dinámico como é o da publicidade. A Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, pola contra, admitiu no seu artigo 8, que a publicidade de materiais ou productos sanitarios así como a de productos, bens ou servicios susceptibles de xerar riscos para a saúde ou seguridade das persoas, poderá ser regulada polas súas normas especiais ou ser sometida ó réxime de

autorización administrativa previa.

De acordo con esta normativa e a tendencia a acentua-los criterios de transparencia na publicidade sanitaria da que é expoñente o Real decreto 1907/1996, sobre publicidade e promoción comercial de productos, actividades ou servicios con pretendida finalidade sanitaria, inténtase acadar mediante o presente Decreto, un dos obxectivos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais: velar por que as mensaxes publicitarias de productos, bens e servicios sanitarios respondan a criterios de veracidade, licitude e obxectividade. Por iso establécense uns principios mínimos ós que deberá someterse a publicidade sanitaria que se desenvolva no ámbito da Comunidade Autónoma, tendo en conta a incidencia que esta pode ter sobre a saúde pública, pero todo iso coa flexibilidade necesaria para poder adaptarse á realidade social e á propia dinámica

da publicidade, promovendo que as mensaxes publicitarias con repercusión para a saúde sexan ordenadas e correctas, evitando así influencias de carácter negativo na vida dos cidadáns.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Entenderase por publicidade sanitaria á parte da contida no Real decreto 1907/1996, calquera outra que na Comunidade Autónoma de Galicia e no ámbito da súa actividade realicen os centros, servicios e establecementos sanitario-asistenciais, os profesionais da sanidade e, en xeral, a desenvolta por calquera persoa pública ou privada no exercicio dunha actividade comercial, industrial, profesional ou doutra índole que, por calquera medio, teña como finalidade promover, de forma directa ou indirecta, a contratación de bens, actividades ou servicios susceptibles de repercutir positiva ou negativamente sobre a saúde das persoas.

Artigo 2º

Na publicidade sanitaria deberá identificarse claramente a personalidade física ou xurídica do anunciante e o seu domicilio ou sede social. Para tal efecto, os medios de publicidade e comunicación non poderán inserir nin emitir ningún anuncio que non vaia acompañado de tales datos identificativos nos medios impresos e na correspondente orde publicitaria no que se refire ós medios televisión e radio.

Artigo 3º

Sen prexuízo do seu sometemento ás normas xerais ou específicas, a publicidade sanitaria, tal e como se define no artigo primeiro, debe observa-los seguintes criterios na difusión das mensaxes:

1. Identificar con toda claridade, rigor e precisión e de forma obxectiva, o producto ou servicio a que se refire, sen deixar dúbidas sobre a súa verdadeira natureza.

2. Utilizar textos claramente lexibles, audibles ou comprensibles na súa integridade, evitando termos técnicos ou que suxiran de forma enganosa cualidades ou propiedades non demostradas, ou que poidan supoñer confusión con outros productos.

3. Incluír, se é o caso, as advertencias e precaucións que sexan necesarias para informa-lo destinatario dos efectos indesexables ou riscos derivados da utilización normal do producto ou servicio anunciado, se a súa importancia así o fai aconsellable.

4. Non ofertar productos, bens ou servicios ós que se lles atribúa cualidades, características ou resultados que difiran dos que realmente teñan ou que

de calquera forma sexan susceptibles de inducir a erro ás persoas as que se dirixe.

5. Non suscitar expectativas en termos de saúde que non se poidan satisfacer.

6. Non debe conter afirmacións que non poidan ser probadas cientificamente.

7. Non inducir ó abandono de prescricións ou tratamentos preventivos ou terapéuticos nin a considerar como indiferente a consulta ós profesionais sanitarios.

Artigo 4º

Con anterioridade á difusión da mensaxe publicitaria, o anunciante debe estar en condicións de probar polos medios apropiados a exactitude material dos datos contidos na súa publicidade. Así mesmo deberá, para efectos de control pola Administración sanitaria, conserva-las mensaxes publicitarias que se emitan polos medios de difusión ata seis meses despois de remata-la campaña, incurrindo en caso contrario nunha infracción tipificada como grave no artigo 10º.B.5 deste decreto.

Artigo 5º

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no ámbito das súas competencias, adoptará cantas medidas sexan necesarias para que as mensaxes publicitarias que poidan ter repercusión na saúde das persoas se realicen coas debidas garantías, e poderá solicita-la cesación ou rectificación da publicidade sanitaria nos termos sinalados na Lei xeral de publicidade do 11 de novembro de 1988, cando a forma e condicións de difusión das mensaxes non se axusten á normativa vixente.

Artigo 6º

Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco grave para a saúde, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá ordena-la cesación inmediata da actividade publicitaria ó amparo dos artigos 26 e 37 da Lei xeral de sanidade.

Artigo 7º

1. Naqueles supostos, tales como os previstos nos artigos 6.2º do Real decreto 1907/1996 e 102.2º da Lei xeral de sanidade, en que sexa preceptiva a autorización administrativa previa para a difusión do anuncio, esta outorgaraa o delegado da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente á provincia onde o medio teña a súa residencia, domicilio social, sucursal ou exerza principalmente as suas operacións.

2. Contra a resolución do delegado provincial que autorice ou non a difusión do anuncio publicitario poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais nos prazos e formas previstos nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

1. O incumprimento ou inobservancia da normativa da publicidade sanitaria regulada neste decreto, coas tipificacións que se fan no artigo 10º, terán consideración de infraccións conforme o establecido nos artigos 35 da Lei xeral de sanidade, 8.6º da Lei xeral de publicidade e 32.1º da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo da instrucción do oportuno expediente, sen prexuízo das responsabilidades civís, penais ou doutra orde que poidan concorrer.

2. Os expedientes administrativos sancionadores serán incoados pola delegación provincial correspondente e axustaranse na súa tramitación ó disposto no título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 9º

As infraccións en materia de publicidade sanitaria cualifícanse como leves, graves e moi graves, atendendo ós criterios de risco para a saúde, contía do eventual beneficio obtido, grao de intencionalidade, gravidade da alteración socio-sanitaria producida, xeneralización da infracción e reincidencia, na comisión de algunha infracción en materia de publicidade sanitaria.

Artigo 10º

Tipifícanse como infraccións as seguintes:

A) Infraccións leves.

1. As simples irregularidades na observación da normativa vixente en materia de publicidade sanitaria, sen trascendencia directa para a saúde pública, tal como se determina no artigo 35.A.1 da Lei xeral de sanidade.

2. As cometidas por simple neglixencia, sempre que a alteración ou riscos sanitarios producidos fosen de escasa entidade, conforme co previsto no artigo 35.A.2 da Lei xeral de sanidade.

3. As que, en razón dos criterios previstos neste artigo e o anterior, merezan a cualificación de leves ou non proceda a súa cualificación como faltas graves ou moi graves, determinadas no artigo 35.A.3 da Lei xeral de sanidade.

B) Infraccións graves

1. As que reciban expresamente a dita cualificación na normativa especial aplicable en cada caso, conforme co previsto no artigo 35.B.1 da Lei xeral de sanidade.

2. O incumprimento dos requirimentos que formulen as autoridades sanitarias, sempre que se produzan por primeira vez, tal como se determina no artigo 35.B.4 da Lei xeral de sanidade.

3. A publicidade que induza a confusión ou enmascare a verdadeira natureza do producto ou servicio, así como aquela que suxira de forma enganosa cualidades ou propiedades non demostradas ou implique confusión con outros productos ou servicios, determinadas nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34.4º da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

4. A publicidade que pretenda substituí-la consulta ou intervención dos profesionais sanitarios ou induza ó abandono dos tratamentos médicos preventivos ou terapéuticos, conforme co previsto nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34 da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

5. O incumprimento da obriga de conservación das menxases publicitarias na forma indicada no artigo 4º do presente decreto.

6. A reincidencia na comisión de infraccións leves, nos tres últimos meses, tal como se determina no artigo 35.B.7 da Lei xeral de sanidade.

7. As que, en razón dos criterios recollidos neste artigo e o anterior, merezan a cualificación de graves ou non proceda a súa cualificación como faltas moi graves, determinadas nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34 da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

C) Infraccións moi graves.

1. As que reciban expresamente a dita cualificación na normativa especial aplicable, conforme co previsto no artigo 35.C.1 da Lei xeral de sanidade.

2. O incumprimento reiterado dos requirimentos específicos que formulen as autoridades sanitarias, tal como se determina no artigo 35.C.4 da Lei xeral de sanidade.

3. A resistencia, coacción, ameaza, represalia, desacato ou calquera outra forma de presión exercida sobre as autoridades sanitarias ou os seus axentes, determinado no artigo 35.C.6 da Lei xeral de sanidade.

4. A falta de identificación da personalidade física ou xurídica do anunciante e do seu domicilio social, conforme co previsto nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34 da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

5. O falseamento dos datos facilitados sobre as cualidades, características, resultados ou expectativas do producto ou servicio, tal como se determina nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34.4º da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

6. A publicidade que atribúa efectos preventivos ou terapéuticos que non estean apoiados por suficientes probas técnicas ou científicas acreditadas, determinados nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34 da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

7. O feito de non inseri-las advertencias ou precaucións necesarias para informar dos efectos indesexables ou riscos derivados da utilización normal do producto ou servicio anunciado, conforme co previsto nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34.7º da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

8. A reincidencia na comisión de faltas graves nos últimos cinco anos, tal como se determina no artigo 35.C.8 da Lei xeral de sanidade.

9. As que, en razón dos criterios recollidos neste artigo e o anterior, merezan a cualificación de moi graves, determinadas nos artigos 8.6º da Lei xeral de publicidade e 34 da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

Artigo 11º

1. As infraccións en materia de publicidade sanitaria serán sancionadas con multas de acordo coa seguinte graduación:

a) Infraccións leves, ata 500.000 ptas.

b) Infraccións graves, desde 500.001 a 2.500.000 ptas., podendo supera-la dita cantidade ata acada-lo quíntuplo do valor dos productos ou servicios obxecto de infracción.

c) Infraccións moi graves desde 2.500.001 a 100.000.000 de ptas., podendo supera-la dita cantidade ata acada-lo quíntuplo do valor dos productos ou servicios obxecto de infracción.

2. Ademais, nos supostos de infraccións moi graves, o Consello da Xunta de Galicia poderá acorda-lo peche temporal do establecemento, instalación ou o cesamento temporal do servicio das persoas físicas ou xurídicas a que fai referencia o artigo 1º, por un prazo máximo de cinco anos.

Artigo 12º

Os órganos competentes para a imposición das sancións serán os seguintes:

a) Os delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para a imposición de sancións en contía non superior a cincocentas mil pesetas (500.000 ptas.), no suposto de publicidade do ámbito provincial.

b) A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para a imposición de sancións en contía compredida entre cincocentas mil e unha pesetas (500.001 ptas.) e dous millóns de pesetas (2.000.000 de ptas.) ou cando a publicidade exceda o ámbito provincial.

c) O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para a imposición de sancións en contía comprendidas entre dous millóns unha peseta (2.000.001 ptas.) e dous millóns cincocentas mil pesetas (2.500.000 ptas).

d) O Consello da Xunta de Galicia para a imposición de sancións en contía superior a dous millóns cincocentas mil unha pesetas (2.500.001 ptas.) e,

se é o caso, para o peche temporal do establecemento, ou o cesamento temporal da actividade.

Disposicións adicionais

Primeira.-A promoción ou publicidade de productos estupefacientes, psicotrópicos e medicamentos regularanse pola súa normativa específica.

Segunda.-O tabaco, alcohol e aqueloutros productos ou servicios nos que as súas normas especiais así o determinen, só poderán ser obxecto de publicidade nos casos, formas e condicións establecido nelas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 273/1990, do 27 de abril, polo que se regula a publicidade sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo 10 de Decreto 113/1993, do 12 de maio, polo que se establecen normas de protección da saúde da poboación na promoción, venda e consumo dos productos do tabaco e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeria.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

2712