Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 23 de marzo de 1998 Páx. 2.833

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 1998 pola que se modifica a do 29 de xullo de 1994, reguladora dos ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Por Resolución do 29 de xullo de 1994 reguláronse os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes no Instituto Galego de Promoción Económica, entre eles o ficheiro de información comercial e empresarial do sistema IGATEL.

Con posterioridade á publicación da citada resolución polo Igape, -en execución do obxectivo fundamental encomendado na súa Lei de creación 5/1992, do 10 de xuño, e consistente na promoción de actividades que melloren a competitividade do tecido empresarial de Galicia-, ampliouse o contido dos ficheiros de información comercial e empresarial do sistema IGATEL, incorporando información relativa a productos e actividades de exportación de empresas galegas, con fin de amplia-la información sobre os mercados, favorece-lo desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas nacionais e estranxeiras.

Ademais, a Resolución do 29 de xullo de 1994 non recolle de modo xenérico a posibilidade de cede-los datos contidos nos ficheiros do Igape. Nembargantes, e no que se refire ó ficheiro de información comercial e empresarial do sistema IGATEL, a dita cesión é consubstancial co uso do sistema polos seus aboados. Por outra parte, estímase conveniente a posibilidade de cesión dos citados datos a outros organismos de carácter público con finalidades e obxectivos análogos ós do Igape en materia de promoción económica das empresas.

En virtude do exposto, en exercicio das facultades que teño conferidas pola Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape,

RESOLVO:

Primeiro.-Modifícase o apartado sexto da resolución do presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, que queda redactado nos seguintes termos:

«Os ficheiros de información comercial e empresarial do sistema IGATEL consisten en ficheiros con datos de carácter empresarial ou de oferta comercial de determinadas persoas, e conteñen datos persoais e de actividades de empresas consultoras que prestan estes servicios, datos relativos a productos e actividades de exportación de empresas galegas, incluíndo datos persoais dos responsables de exportación destas, así como datos de ofertas de contratación de servicios e apoio industrial ou empresarial».

Segundo.-Os datos contidos no ficheiro de información comercial e empresarial do sistema IGATEL, a que fan referencia os apartados primeiro, letra e) e sexto da resolución do presidente do Instituto Galego de Promoción Económica, con data do 29 de xullo de 1997 (DOG nº 154, do 10 de agosto) poderán ser cedidos ós aboados do sistema IGATEL para o seu uso exclusivamente informativo, así como, mediante convenio, a outros organismos de carácter público con finalidades e obxectivos análogos ós do Igape en materia de promoción económica das empresas galegas.

Terceiro.-Os responsables dos ficheiros automatizados advertiranlles expresamente ós cesionarios de datos de carácter persoal a súa obriga de dedicalos exclusivamente á finalidade para a que se ceden, de conformidade co Art. 11.5º en relación co 4.2º da LORTAD.

Cuarto.-Nos aspectos non expresamente modificados pola presente resolución continuará sendo de aplicación a Resolución do 29 de xullo de 1994.

Quinto.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

2374