Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 1998 Páx. 2.692

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de marzo de 1998 pola que se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a colaboración titoriada en diversos centros bibliotecarios.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 xuño de 1986, regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e dispón no seu artigo 1.2º que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse no período de prórroga dos orzamentos xerais da comunidade, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de orzamentos estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio.

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2º da orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia ten, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafo 18, a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, competencia recollida na Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas e no seu posterior desenvolvemento lexislativo. En función desta responsabilidade e consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables delas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, ven ocupándose desde hai anos, mediante cursos de formación, da instrucción tanto básica como de perfeccionamento dos actuais e dos futuros bibliotecarios da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta formación esencialmente teórica, no podería ser nunca completa se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que

permitan, no só unha completa formación nas diversas áreas destes centros, senón tamén un contacto diario e directo, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca ou centros de documentación.

Por esta razón, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Dirección

Xeral de Promoción Cultural, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de Bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación mediante a colaboración tutelada en diversos centros dependentes desta. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse bolsas de formación en biblioteconomía mediante colaboración tutelada na organización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía en bibliotecas e centros de documentación, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.352.A482.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998. O importe total das bolsas non excederá en ningún caso do crédito asignado para o efecto.

2. O número de prazas convocadas será de vinte. Catorce delas adxudicaranse mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 5 da presente convocatoria, e serán outorgadas en función do currículum dos solicitantes. Outras seis bolsas reservaránse para persoas que terminaran os seus estudios nos tres últimos anos anteriores á publicación da presente orde, ou que, terminándoos con anterioridade, non tiveran ocasión de te-la debida formación en bibliotecas.

3. Os bolseiros realizarán os seus traballos nos centros que sexan designados e serán coordinados, dirixidos e tutelados pola Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a través de persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. A relación de centros nos que deberán realiza-las prácticas publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

4. A bolsa terá unha duración de 8 meses contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

5. As persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, quedarán obrigadas a:

-Incorporarse ós centros dentro dos 10 días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

-Asistir ós centros onde resulten destinados no horario sinalado polos seus responsables, que non poderá exceder de sete horas e media diarias e con, alomenos, 48 horas continuadas de descanso semanal.

-A segui-las indicacións técnicas dos responsables dos que dependan.

-A entregar a estes, ó remata-lo período de desfrute da bolsa, informe técnico e material realizado, resultado das súas actividades.

Ó remata-la actividade os titores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo un informe sobre o traballo realizado por eles.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Titulación universitaria como mínimo de grao medio.

-Non estar desfrutando doutra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración da bolsa.

2. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán presentarse, así mesmo, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que hai que presentar:

3.1. Os solicitantes do primeiro grupo de bolsas, outorgadas en función do currículum, ademais da solicitude, deberán xunta-la documentación seguinte:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose ésta ou, en caso de telo, do compromiso de non estar desfrutándoo no momento en que se outorguen as bolsas.

-Fotocopia do expediente académico.

-Anexo II cuberto e fotocopia dos méritos alegados.

3.2. Os solicitantes que opten ás seis bolsas destinadas a personas que comezan a súa formación en biblioteconomía deberán entrega-la seguinte documentación, xunto coa solicitude:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta ou, en caso de telo, do compromiso

de non estar desfrutándoo no momento en que se outorguen as bolsas.

-Fotocopia do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

-Unha memoria onde se expoña, cunha amplitude entre cinco e dez folios, o programa proposto de traballo e estudio para a duración da bolsa.

Estes solicitantes serán convocados por parte da Dirección Xeral de Promoción Cultural para a realización dunha entrevista persoal.

A suma das puntuacións obtidas polo expediente, memoria e entrevista decidirá a orde para a asignación do presente grupo de bolsas.

As persoas que desexen entrar neste grupo non cubrirán o anexo II, deixando en branco a recadro correspondente a este no anexo I.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Promoción Cultural poderá solicitar ós seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia compulsada dos méritos alegados que deberán ser presentados no prazo non superior a dez días.

En caso de non acepta-la bolsa, o que deberán comunicar por escrito nun prazo non superior ós tres días despois da notificación, ou de non incorporación sen causa suficiente a xuízo do director xeral de Promoción Cultural, ou de demostrarse falsidade, non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, o director xeral de Promoción Cultural poderá propoñer ó seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, quedando sen efecto o nomeamento da persoa en cuestión.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas para a organización e descrición de fondos de bibliotecas e centros de documentación de Galicia. A súa relación e o número de prazas asignado a cada unha, farase pública xunto coa resolución de adxudicación das bolsas.

Artigo 4º

O importe de cada unha das bolsas non excederá de 900.000 ptas. polo total dos oito meses.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Promoción Cultural poderán reclamar ós solicitantes, se fose necesario, que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común, dándolles un prazo de 10 días naturais desde a recepción do escrito de requirimento, para repara-los defectos.

2. A avaliación dos méritos alegados que lle corresponde á Dirección Xeral de Promoción Cultural, farase segundo o seguinte baremo:

-Titulación de licenciatura en xeografía e historia na Universidade de Santiago de Compostela, especialidade en biblioteconomía 3 puntos.

-Experiencia de traballo remunerado de carácter técnico en bibliotecas públicas dependentes da Xunta de Galicia, de concellos ou deputacións, así como en bibliotecas universitarias galegas. Por cada mes traballado: 0,25 puntos ata un máximo de 6 puntos.

-Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas, organizados na Comunidade Autónoma de Galicia exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas:

a) Con acreditación expresa de duración superior a 250 horas: 1,50 puntos ata un máximo de 3 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración superior a 100 horas: 1 punto ata un máximo de 2 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,50 puntos ata un máximo de 1,5 puntos.

d) Con duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Impartición de cursos de bibliotecas: ata 2 puntos en función de horas impartidas.

-Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,50 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro. Ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

3. Cursos de galego:

-Iniciación: 2 puntos.

-Perfeccionamento: 2,5 puntos.

Máximo 2,5 puntos.

Artigo 6º

1. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo a proposta do director xeral de Promoción Cultural. O acordo farase público nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nas súas delegacións provinciais.

2. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso contecioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da data da súa notificación efectiva da mesma ós interesados.

3. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación presentada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación dos documentos non recollidos.

Artigo 7º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Artigo 8º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e poderá anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se a houbese, no prazo que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que dirixa os bolseiros poderá propoñer á Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo expedirá ó remata-los traballos, certificación acreditativa das actividades realizadas, despois do informe favorable dos reponsables.

Artigo 9º

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Disposicións derradeiros

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito dos súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

Director Xeral de Promoción Cultural

ANEXO II

SINALA-LOS MÉRITOS QUE SE ACREDITAN

1. Licenciatura en xeografía e historia, especialidade en Biblioteconomía:

2. Traballo remunerado en bibliotecas públicas dependentes do Estado, da Xunta de Galicia ou doutras autonomías, concellos, deputacións de Galicia e bibliotecas universitarias galegas:

-Número de meses remunerados:

3. Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas:

a) Organizados por organismos públicos, universidades ou agrupacións profesionais

-Número de cursos con duración superior a 250 horas:

-Número de cursos con duración superior a 100 horas:

-Número de cursos con duración superior a 40 horas:

-Número de cursos con duración inferior a 40 horas:

a) Organizados por outros organismos:

4. Impartición de cursos de bibliotecas. Número de horas:

5. Número de asistencias a congresos:

6. Número de comunicacións presentadas en congresos:

7. Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro:

8. Cursos de galego:

Iniciación:

Pefeccionamento:

2256