Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 16 de marzo de 1998 Páx. 2.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 25 de febreiro de 1998 pola que se anuncian e regulan axudas para actividades programadas por entidades xuvenís ou entidades prestadoras de servicios á xuventude.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude considera obxectivo prioritario potencia-la actividade asociativa xuvenil para promove-lo desenvolvemento comunitario e a participación da xuventude na vida social, política, económica e cultural. Para conseguir este obxectivo é fundamental prestar apoio ás entidades que traballan neste eido, posibilitando a realización de actividades que sexan de interese para a poboación xuvenil, fomentando e potenciando dese xeito o seu nivel participativo. Por isto establécense as presentes axudas, dirixidas a posibilita-la realización de actividades de información xuvenil, de carácter socio-educativo dirixidas a incrementa-la concienciación social sobre as distintas problemáticas que afectan á xuventude, de carácter formativo, de animación socio-cultural, de aire libre, e aquelas outras dirixidas a incrementa-la formación integral da xuventude así como as relacións e intercambios con outros grupos doutros ámbitos territoriais e

culturais.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1º.2 desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no período de prórroga destes, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente ós propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3º.2 dispón que, no suposto de sub

vención, a autorización do gasto e a contracción da obriga se demorarán ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das subvencións.

1. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.355B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, concederá subvencións para a realización de actividades programadas por entidades xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude.

2. Poderán ser obxecto de subvención os seguintes programas de actividades:

a) Promoción da información xuvenil en xeral, a través dunha oficina ou punto de información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento deste (contratación do persoal, gastos correntes), así como actividades de dinamización da información: información e orientación para a promoción do emprego xuvenil e edición de soportes informativos.

b) Promoción do asociacionismo xuvenil.

c) Realización de actividades de carácter socio-educativo dirixidas a trata-las distintas problemáticas que hoxe en día afectan á xuventude, con especial incidencia no tema do alcoholismo.

d) Actividades de formación dirixidas á xuventude.

e) Programas de animación sociocultural en xeral.

f) Actividades de aire libre, medio ambiente e natureza.

g) Intercambios con entidades xuvenís doutras comunidades autónomas e países estranxeiros.

h) Calquera programa polivalente de actividades que incidan na formación integral da xuventude.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar subvencións as organizacións xuvenís e entidades prestadoras de servicios á xuventude inscritas no correspondente censo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude (Orde do 21-3-1991, DOG do 4 de abril), extremo que deberán facer constar no impreso de solicitude no espacio reservado para tal fin. Non poderán solicitar subvención aquelas entidades das que a inscrición no dito censo se atope en trámite o día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

2. Será requisito imprescindible para a concesión de subvención ter xustificado debidamente as axudas recibidas no último ano.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando se trate de entidades de ámbito superior a unha provincia, ou ó correspondente delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

Poderán presentarse no rexistro xeral desta consellería, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que subscribe a solicitude e acreditación da súa lexitimación como representante da entidade, mediante certificación do secretario da entidade ou fotocopia compulsada da acta na que se recolla a composición do órgano de dirección.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade.

c) Breve memoria explicativa do proxecto de actividades que se pretenden realizar, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderá a realización da actividade, nº estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos e orzamento de gastos por capítulos, con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por outros organismos públicos ou privados.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Por parte da Dirección Xeral de Xuventude ou das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, poderá requeirirse, se fose necesario, a corrección dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación dos proxectos presentados terán consideración prioritaria os recollidos nas alíneas a, b, c e d do artigo 1º.2. A avaliación dos proxectos presentados efectuarase conforme ós seguintes criterios preferentes:

-Aqueles con finalidade formativa, educativa ou informativa.

-O número de destinatarios e a proxección social das actividades propostas.

-Os programas promovidos por entidades de ámbito rural, sendo destinataria principal a mocidade deste medio.

-Os destinados ós barrios urbanos desasistidos ou grupos marxinais.

-O carácter continuado e non meramente ocasional das actividades programadas.

Artigo 5º.-Contía máxima obxecto de subvención.

A contía da axuda concedida non poderá exceder do 75% do orzamento total da/s actividade/s subvencionada/s.

Artigo 6º.-Resolución.

1. No caso das entidades de ámbito superior a unha provincia, unha vez emitido informe sobre as solicitudes polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude, a directora xeral de Xuventude elevará a correspondente proposta á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, o informe previo e a proposta serán emitidos polos servicios técnicos da correspondente delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a resolución será dictada polo delegado provincial da consellería.

3. A resolución da solicitude de subvención seralle notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, na vía xudicial.

4. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude reserva para si o dereito de orientar tecnicamente as actividades e comproba-los datos económicos, así como de espallar e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

5. Os solicitantes ós que non lles fose concedida subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da recepción da notificación, para retira-la documentación presentada. Trascorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

As entidades beneficiarias das axudas quedarán obrigadas:

1. A non modificar, sen autorización expresa da directora xeral de Xuventude ou do delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo o caso, o programa de actividades inicialmente previsto.

2. A admiti-la comprobación da execución dos proxectos subvencionados por parte da Dirección

Xeral de Xuventude ou por parte dos órganos territoriais da consellería.

3. A facer constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron axuda da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, empregando para isto a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. No caso dos proxectos destinados ó funcionamento de puntos ou oficinas de información xuvenil que foran obxecto de subvención (alínea a do artigo 1.2), será obrigatorio como requisito previo para poder cobra-la subvención concedida que a oficina ou punto de información xuvenil esté integrado na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, conforme o procedemento establecido no artigo 13 do Decreto 53/1994, do 4 de marzo, polo que se crea a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil (DOG nº 53, do 17 de marzo de 1994).

Artigo 8º.-Xustificación da subvención.

A xustificación das axudas efectuarase antes do día 15 de outubro de 1998, mediante calquera dos seguintes procedementos:

1. Mediante a presentación de facturas orixinais ou fotocopias, xunto cunha relación na que figurarán todas elas xunto co seu importe, relación que deberá ser asinada pola persoa responsable da entidade subvencionada.

No caso de presentar fotocopias das facturas, estas acompañaranse dos orixinais e unha vez compulsadas pola unidade administrativa, logo de aboamento da taxa correspondente, procederase á devolución dos orixinais.

Para os efectos de xustificación soamente se admitirán os recibos ou facturas que se entreguen e que figuren na relación, especificando en cada un deles a actividade realizada, data da súa execución, así como o NIF do que subscribe, que deberá ser persoa allea á entidade receptora.

2. Mediante certificación expedida polo secretario da entidade, co visto e prace do presidente, na que fará consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado, incluíndo así mesmo unha relación na que figurarán tódalas facturas, xunto co seu importe.

En calquera dos procedementos xustificativos que se adopten, ademais deberase presentar unha sucinta memoria na que se deixará constancia do resultado das actividades realizadas e que foron obxecto de subvención.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. Recibida e comprobada a documentación a que fai referencia o artigo 8, poderase proceder ó pagamento da subvención.

2. Non obstante, unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, o órgano competente, segundo o caso, poderá efectuar proposta de pagamento anticipado de ata un 50% sobre a subvención concedida, sempre que o seu importe non supere os límites que estableza a vindeira Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 para o anticipo de pagamentos en subvencións correntes.

Nos demais casos, o procedemento de pagamento efectuarase conforme dispoña a normativa orzamentaria de aplicación.

3. No caso de non aplicar ó fin previsto a totalidade da subvención concedida, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude só aboará a parte proporcional do investimento real efectuado.

Artigo 10º.-Posible anulación da subvención.

No caso de que o beneficiario da axuda incrumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposición adicional

No caso de que, unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde, quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de subvencións. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polas entidades solicitantes, desde o 1 de xaneiro de 1998, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude, conforme os criterios de avaliación establecidos no artigo 4º desta orde, e cumpren os requisitos esixidos e as condicións establecidas nela.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

2056