Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Luns, 16 de marzo de 1998 Páx. 2.565

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 3 de marzo de 1998 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros ilegais.

De acordo co disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia; Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros; Decreto 426/1993, do 17 decembro, polo que se refunde a normativa vixente de desenvolvemento de determinados preceptos da Lei 6/1991 de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, e no Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

Considerando as graves repercusións que para o sector da acuicultura supón a existencia de viveiros ilegais, tanto no aspecto da producción como no da comercialización dun producto procedente de establecementos que carecen do preceptivo título administrativo habilitante.

Considerando, así mesmo, o risco que desde o punto de vista sanitario representa a existencia de productos ilegais, así como o perigo que os viveiros ilegais poden supoñer para a navegación.

Esta consellería considera necesario desenvolver un procedemento administrativo que permita tramitar, coa axilidade que se require e coas debidas garantías para o administrado, os expedientes que se orixinen como consecuencia da existencia de viveiros ilegais. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Detectada a presencia dun viveiro que careza do preceptivo título administrativo habilitante, os membros do Servicio de Protección de Recursos procederán a levantar acta circunstanciada do feito. Na dita acta faranse constar detalladamente, ademais das circunstancias previstas no Art. 8.1º da Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, a localización do artefacto e as súas características, así como as do seu cultivo e os datos do propietario.

Artigo 2º

Unha vez contrastada a inexistencia de título habilitante nos arquivos da delegación territorial correspondente, o delegado territorial ordenará:

a) A apertura e instrucción do procedemento de retirada do viveiro ilegal e a identificación deste, que quedará sinalado cunha placa das características citadas no anexo desta orde.

b) A apertura do procedemento sancionador, que se tramitará de conformidade co establecido en la Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros.

Artigo 3º

Co fin de evitar riscos á saúde pública e/ou á navegación, o delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá establecer, en calquera momento do procedemento e mediante acordo motivado, as seguintes medidas provisionais:

a) O traslado inmediato do viveiro a unha área onde non supoña un risco para a navegación.

b) A retirada, e a destrucción de se-lo caso, inmediata dos productos por razóns de sanidade e hixiene.

Artigo 4º

A apertura do procedemento de retirada do viveiro notificaráselle ó seu propietario, quen dispoñerá dun prazo de cinco días a partir daquel en que reciba a dita comunicación, para presentar alegacións.

Artigo 5º

Cando o propietario do viveiro fose descoñecido, a apertura do procedemento anunciarase conforme o prevido no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O anuncio identificará o artefacto e a súa localización e determinará o prazo para formular alegacións, que en ningún caso será inferior a cinco días.

A incomparecencia neste trámite non impedirá, a quen resulte se-lo seu propietario, proceder á retirada voluntaria do viveiro nos termos establecidos no artigo 7º da presente orde.

Artigo 6º

As alegacións presentaranse perante o delegado territorial quen, unha vez finalizada a instrucción do expediente, elevará proposta de resolución ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, cunha resolución que poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 7º

Dentro do prazo de 15 días, contados desde a notificación da resolución desestimatoria, o propietario procederá á retirada do viveiro.

O titular do viveiro notificaralle previamente a retirada á delegación territorial. A dita notificación farase mediante escrito no que constará a data e punto de varada, así como destino previsto do artefacto, para o efecto de comprobación e levantamento das correspondentes actas e informes por parte de funcionarios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 8º

Cando o propietario do viveiro non levara a cabo a súa retirada no prazo establecido no artigo anterior, a delegación territorial remitirá o expediente á Dirección Xeral de Recursos Mariños, quen realizará, polos seus propios medios ou a través das persoas que determine, a retirada do artefacto por conta do propietario nos termos previstos nos Arts. 97 e 98 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedendo posteriormente ó seu desmantelamento e levantando acta acreditativa deste. No que respecta ás especies presentes no viveiro efectuarase de acordo co disposto no Art. 11.2º, alíneas a) e b), da Lei 6/1991, do 14 de maio, ou ben se procederá a súa destrucción por razóns de sanidade e hixiene.

Neste caso, o titular do viveiro deberá paga-los gastos custeados pola Administración e tamén os danos e perdas ocasionados pola non execución da retirada voluntariamente.

O importe dos gastos, danos e perdas orixinados esixiranse pola vía de constrinximento sobre o patrimonio. O dito importe poderá liquidarse de forma provisional e realizarase antes da execución, con reserva da liquidación definitiva.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 6 de febreiro de 1989 pola que se regula o procedemento de retirada de viveiros flotantes clandestinos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños, para dictar no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1998.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

2014