Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 09 de marzo de 1998 Páx. 2.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de febreiro de 1998 pola que se regulan axudas para levar a cabo programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece, no seu artigo 15 a), como unha medida de prevención de posibles situacións de risco, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas técnicas dirixidas a cubri-las necesidades básicas e a mellora-lo contorno familiar.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto, especialmente en exercicios nos que rexe o orzamento prorrogado do ano anterior. Así, no seu artigo 1.2º, establece que «poderán iniciarse os expedientes de gastos imputables ó capítulo IV no período da prórroga dos orzamentos xerais da comunidade, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de orzamentos estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio».

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1998.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de orzamentos, na aplicación 14.02.212A.460.0 existe unha partida orzamentaria de 77.938.000 ptas., consignada para as axudas que se establecen no articulado da presente orde, a cal poderá verse incrementada coas achegas doutras administracións públicas para o mesmo fin.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para a fin para a que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o financiamento de programas de educación familiar que van desenvolve-las corporacións locais ben a través dos seus servicios sociais ou ben por equipos profesionais creados para esta finalidade.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar axudas aqueles concellos ou mancomunidades de concellos que presenten un programa de educación familiar consistente na intervención, por parte de persoal especializado, en familias que se atopen en situacións de risco de marxinación social, co obxecto de facilitárlle-la adquisición de habilidades de atención, coidado e educación necesarias para o axeitado desenvolvemento dos menores (pautas de alimentación, hixiene, educativas, habilidades sociais, etc.), así como a capacidade de autoorganización do núcleo familiar.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) As corporacións locais deberán participar no financiamento do programa, alomenos, cun 20% do seu orzamento total. Para tales efectos o concello presentará certificación acreditativa de que nos seus orzamentos existe partida orzamentaria suficiente para esta finalidade. No caso de que a contía subvencionada sexa inferior ó orzamento total que inicialmente consta na solicitude, o tanto por cento que achegará a corporación local reducirase en igual medida.

b) Daráselle prioridade ós proxectos que sexan continuación dun programa subvencionado no ano anterior e que fosen avaliados positivamente.

c) Terán prioridade aqueles concellos que colaboren coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude noutras iniciativas, especialmente os que desenvolvan programas para a execución de medidas xudiciais de servicios en beneficio da comunidade e liberdade vixiada, no ámbito de menores.

d) Valoraranse especialmente os proxectos que abrangan o maior número de beneficiarios posible, así como aqueles nos que, na súa execución, participen asociacións de voluntariado social.

e) As subvencións outorgadas para a execución do programa, en ningún caso, implicarán duplicidade, de tal forma que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados e percibidos coa mesma finalidade non supere o 100% do importe total do gasto efectuado. Para o efecto de comprobar tal extremo, a corporación beneficiaria queda en todo momento obrigada a pór en coñecemento da Consellería de Familia

e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude o importe doutras axudas outorgadas para a mesma fin por outras administracións ou entes públicos ou privados.

f) Os programas que se presenten deberán axustarse ás instruccións establecidas no anexo II desta orde.

g) A concesión das axudas reguladas pola presente orde poderase suxeitar á formalización dun convenio coa corporación local beneficiaria, de acordo coas esixencias establecidas legalmente.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude formularase segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde e presentarase co proxecto do programa nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou os documentos preceptivos para poder completa-lo expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de dez días, terase por desistida a súa petición sen máis trámite.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Correspóndelle ó/á delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, por proposta da comisión de valoración, a resolución das axudas no prazo máximo de corenta e cinco días naturais, contados a partir da data de remate do prazo de presentación das solicitudes. As solicitudes non resoltas en prazo teranse por desestimadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o/a xefe/a de Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación provincial designados polo/a delegado/a provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir con voz pero sen voto un representante da intervención territorial.

3. As resolucións seranlles notificadas pola delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ás corporacións locais. As ditas resolucións poderán ser modificadas polo órgano competente no caso de pro

ducirse alteracións nas condicións que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación, agás nos casos de formalización de convenios, en que se terá en conta o que nel se dispoña.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998 da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o 80% do total concedido (o seguinte 50% da subvención logo do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluí-lo recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) 0 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de vinte días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

3. Aqueles concellos ou mancomunidades que ó abeiro da orde desta consellería do 17 de decembro de 1996 obtivesen subvención para o mesmo programa que se concede mediante esta orde, para poder percibi-lo anticipo a que se refire o punto 2 deste artigo, deberán ter xustificada previamente a totalidade da subvención concedida para o ano 1997.

4. Coa última certificación do gasto, que deberá presentarse antes do 31 de decembro de 1998, presentarase unha memoria xustificativa da execución do programa de acordo co modelo que figura no anexo III.

Artigo 8º.-Seguimento do programa.

1. Correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a facultade de supervisión e control sobre a execución e o destino da axuda á finalidade para a que se concedeu, podendo levarse a cabo comprobacións directas sobre a execución do programa.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle a calquera órgano competente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade da subvención concedida. Así mesmo, deberán someterse ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas no Consello de Contas.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.2º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xullo de 1986, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para esta fin.

As actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do exercicio económico de 1998.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude