Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 04 de marzo de 1998 Páx. 2.171

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se desenvolve a Orde do 1 de decembro de 1997, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 1998.

O Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, no seu artigo 13 establece que a contía máxima e as bases reguladoras para a concesión das subvencións serán as determinadas por orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, de acordo coas previsións da Lei xeral orzamentaria.

En desenvolvemento deste mandado, publicouse a orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, do 13 de abril de 1994, que fixa os módulos de subvención de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional. As subvencións resultantes da aplicación destas contías e bases reguladoras teñen o carácter de máximas e son de aplicación a todo o territorio nacional.

A orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, do 1 de decembro de 1997, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 1998 realiza no seu articulado remisións a normas de desenvolvemento en materias tales como a determinación da contía das bolsas e axudas de transporte dos alumnos, procedemento de remisión de documentación, a introducción dos currículos dos alumnos no Servicio Galego de Colocación, a selección dos alumnos, e a certificación polas horas e módulos asistidos.

Así, cómpre regular máis pormenorizadamente aqueloutras cuestións que, aínda estando previstas na Orde do 1 de decembro, requiren unha maior profundización co fin de uni-los criterios interpretativos e, en definitiva, de facilitar e axiliza-la tramitación administrativa das accións formativas de formación ocupacional por parte das diferentes instancias intervinientes no procedemento.

Neste sentido, considérase tamén conveniente regular no ámbito da Comunidade Autónoma o sistema de cálculo e os módulos de subvención establecidos na referida normativa estatal.

Á vista da disposición derradeira primeira da Orde do 1 de decembro de 1997 que autoriza o director xeral de Formación e Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desa disposición, e de conformidade co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, segundo o que lle corresponden á Dirección Xeral de For

mación e Colocación o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de formación ocupacional,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Módulos de cursos.

O importe das subvencións concrétase no resultado da definición de niveis e graos de dificultade expresados en ptas./hora alumnos de cada curso, que son:

Na aplicación das contías desta parte A do módulo, terase presente que a subvención máxima para gastos de profesorado será o considerado para 15 alumnos, incluíndo nestas contías a cota empresarial da Seguridade Social.

Esta parte do módulo incrementarase nun 20 por 100 para aquelas especialidades que estean cualificadas como novas tecnoloxías no ficheiro do INEM.

Parte B:

A subvención media establecida é de 261 pesetas por alumno e hora de curso, podendo oscilar entre un mínimo de 117 pesetas e un máximo de 404, en función dos elementos materiais que se utilicen nos cursos.

A cuantificación económica concrétase nos 48 parámetros que se relacionan a continuación:

Artigo 2º.-Baremo das solicitudes de cursos.

A comisión de valoración, ademáis dos criterios previstos no artigo 17 da orde, á hora de elabora-la programación de cursos, terá en conta:

a) O grao de inserción laboral acadado no mesmo curso impartido na mesma área funcional en exercicios anteriores.

b) Os informes de control e seguimento do persoal desta consellería dos cursos impartidos pola entidade na programación inmediatamente anterior.

c) A oferta de cursos, da especialidade do que se está a valorar, existente na área funcional na que pretenda impartirse.

d) A demanda desa especialidade procedente do sector productivo na área funcional na que se solicita impartir cada curso.

e) As necesidades de formación detectadas polo Observatorio das Ocupacións do INEM ou polos sectores productivos galegos.

f) Calquera outro que se considere conveniente para detecta-las necesidades de formación para a posterior inserción laboral tanto no ámbito dunha área funcional concreta como provincial ou autonómico.

Artigo 3º.-Selección de alumnos.

A selección dos alumnos asistentes ó curso realizarase da seguinte forma:

Con 10 días de antelación á data prevista de inicio do curso, os centros colaboradores beneficiarios solicitarán directamente á oficina de emprego corres

pondente unha lista de desempregados que se adecúen ó perfil requirido para a realización de cada curso.

A oficina de emprego correspondente, mediante sondaxe entre os demandantes de emprego, seleccionará 3 persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, ós demandantes preseleccionados para que asistan á proba de selección que deberá realizar o centro colaborador.

Remitida a lista á entidade solicitante, esta procederá á selección dos alumnos preseleccionados, mediante a realización das probas que estime pertinentes de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, levantando a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto.

A acta de selección, cuberta en tódolos apartados do modelo normalizado, remitirase á oficina de emprego correspondente, non podendo inicia-lo curso ata que esta dea o visto e prace á selección realizada.

Os demandantes propostos pola oficina de emprego só poderán ser rexeitados para a realización do curso cando concorran causas que así o imposibiliten e sexan fidedignamente xustificadas pola entidade colaboradora e neste sentido se aprecie pola oficina de emprego propoñente. Se se detecta a causa ó inicio dun curso sen que a selección dos alumnos sexa autorizada pola oficina de emprego, este poderá ser cerrado.

Cando aínda así non se consigan cubrir tódalas prazas, a entidade realizará unha convocatoria pública mediante anuncio e efectuará a selección entre os que acudan a ela na forma prevista no parágrafo anterior, tendo en conta que os alumnos seleccionados deben ser, en todo caso, desempregados inscritos nalgunha das oficinas pertencentes ó Servicio Público de Emprego con anterioridade á súa incorporación ó curso. Desta selección darase conta á oficina de emprego encargada da preselección dos alumnos.

O custo dos anuncios que non se adapten ós requisitos establecidos nesta resolución ou a calquera outro que puidese establecer a Dirección Xeral de Formación e Colocación non será aboado con cargo ás axudas previstas.

Cada nova alta ou baixa de alumnos que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días.

Artigo 4º.-Proxectos formativos.

1. De conformidade co disposto no artigo 8 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, poderán concedérselles cursos a aquelas entidades

privadas, empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Presentación dun compromiso de contratación de polo menos o 60% dos alumnos que inicien o curso.

b) Informe favorable de homologación das especialidades solicitadas dos técnicos de Formación Ocupacional co visto e prace do/a delegado/a provincial.

2. A estas entidades asignaráselles un número provisional do Censo de Centros Colaboradores mentres dure a impartición do proxecto formativo e non adquirirán dereito ningún unha vez rematada esta.

3. A xustificación de cumprimento do compromiso de contratación, nos termos sinalados no parágrafo primeiro, realizarase no momento no que se proceda a xustificación final dos custos (ata o 30 de novembro de 1998) do curso mediante a presentación dos correspondentes contratos laborais visados polo organismo público competente.

4. Unha vez iniciado cada curso comunicarase á Inspección de Traballo o curso que se vai realizar, enderezo e horario de impartición.

Artigo 5º.-Obrigas dos centros colaboradores.

1. Nos 10 días lectivos seguintes ó inicio do curso, deberán remitir á delegación provincial ou a esta dirección xeral, segundo o órgano que resolverá sobre a concesión da subvención, a seguinte documentación:

-Informaticamente, as fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO).

-Documentalmente, a solicitude de anticipo.

-DNI compulsado dos alumnos.

-Certificación municipal de residir polo menos a 3 km do lugar de impartición do curso.

-Documentalmente, a relación de alumnos que teñan dereito á bolsa ou axuda de transporte.

-O modelo de ficha do alumno deberá ser arquivado pola entidade colaboradora totalmente cuberto e asinado polo alumno.

2. Deberá remitirse mensualmente e por vía informática, arquivando, nos dous últimos casos, separadamente por curso os orixinais asinados:

-As fichas SIFO de incidencias.

-A folla de control de asistencia.

-As nóminas dos alumnos perceptores de bolsas ou axudas de transporte asinadas por eles. Poderá optarse por enviar documentalmente a orde de transferencia de fondos ás súas contas bancarias.

Artigo 6º.-Introducción de currículos no SGC.

Os beneficiarios das axudas deberán introduci-los currículums dos alumnos formados, coa conformidade destes, a través dos centros asociados do Ser

vicio Galego de Colocación que posúan a dita funcionalidade.

Artigo 7º.-Seguro de accidentes.

O seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e, se é o caso, das prácticas, deberá te-la seguinte cobertura mínima:

-En caso de morte: 3.000.000 de ptas.

-En caso de invalidez permanente: 6.000.000 de ptas.

-Asistencia médico farmacéutica: ilimitada.

Artigo 8º.-Gastos de amortización.

Poderase amortizar todo aquel material didáctico non funxible de acordo cos seguintes criterios:

1º Amortización do mobiliario e material inventariable: poderá amortizarse durante os 5 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe a amortizar dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción formativa.

2º Amortización de material informático e instrumentos de precisión e laboratorio: poderá realizarse durante os 3 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe a amortizar dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción.

3º Para que se poidan aboa-los gastos previstos no presente artigo, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

4º Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se imparte o curso máis a porcentaxe dos elementos comúns.

Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construcción ou adquisición do elemento a amortizar:

Deberán acompaña-la amortización:

-Copia do título de propiedade ou escritura de compra ou certificación da obra.

-Certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Neste caso, só se poderá solicita-la amortización da parte non subvencionada.

-Só serán amortizables:

* Os metros cadrados onde se imparta o curso.

* A porcentaxe de elementos comúns.

-Contía que se vai amortizar: a porcentaxe correspondente do importe da factura de construcción do edificio ou instalación.

-Fórmula:

Porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra: 240 meses=custo mensual.

(custo mensual)x(número de meses de acción)= importe amortización.

Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión do curso de que se trate.

5º Os materiais didácticos de traballo susceptibles de usos continuados por diferentes grupos de alumnos poderán ser amortizados (a tres anos) sempre que non sexan entregados ós alumnos primeiros usuarios.

6º A Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a respectiva delegación provincial poderán esixi-la xustificación das avaliacións sinaladas nos parágrafos 1 e 2 do presente artigo.

Artigo 9º.-Gastos xerais.

Poderanse incluír dentro dos gastos xerais, ademais dos establecidos na Orde do 1-12-1997, os seguintes:

-Gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que así sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola correspondente delegación provincial desta consellería. Neste caso tamén poderá incluírse o importe das entradas para alumnos e profesores, pero non a manutención durante as visitas.

-Gastos de limpeza do lugar ou lugares de impartición do curso aulas, talleres e elementos comúns.

-Gastos de mantemento das instalacións e maquinaria utilizados para a impartición do curso.

-Gastos de publicidade do curso necesarios para a incorporación de alumnos.

Artigo 10º.-Bolsas e axudas de transporte.

1. Terán dereito á bolsa os alumnos minusválidos que asistan ós cursos de formación profesional ocupacional e que estean desempregados. Os demais alumnos desempregados podarán percibi-la axuda de transporte cando teñan que desprazarse polo menos 3 quilómetros para asistir a eles.

O seu importe será o seguinte:

a) A bolsa para os alumnos minusválidos será de 20.250 pesetas ó mes, rateándose a parte correspondente ós meses de inicio e finalización cando non sexan completos.

b) A axuda de transporte será de 675 pesetas alumno/día lectivo.

2. A acreditación de atoparse nos supostos de concesión realizarase da forma seguinte:

a) Mediante a presentación do informe de cualificación de minusvalidez ou de certificación oficial

do órgano competente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no caso das bolsas de minusválidos.

b) A través de certificación municipal, no caso das axudas de transporte. De existir contradicción entre o domicilio que figura na tarxeta de demanda de emprego e o que figura na certificación municipal, rexerá o reflectido nesta última.

3. Os traballadores en activo que sexan alumnos das accións previstas na presente resolución non terán dereito á bolsa nin á axuda de transporte.

Artigo 11º.-Publicación de anuncios.

1. Tódalas convocatorias públicas para a selección de alumnos que se realicen mediante anuncio en prensa deberán remitirse ós respectivos xornais con indicación de que sexan inseridos exclusivamente nas edicións correspondentes a domingos.

2. Os anuncios cubriranse en modelo normalizado, no que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e do Fondo Social Europeo. Neles especificarase claramente, como mínimo: a institución ou centro ofertante, as vacantes existentes, o curso de que se trata, perfil requirido dos alumnos, enderezo e teléfono do lugar de realización das probas de selección así como a data.

Publicaranse, polo menos, a través dun dos xornais de maior tiraxe da provincia.

O custo dos anuncios que se publiquen en día distinto a domingo por causas achacables ás entidades impartidoras non poderá imputarse á parte «B» do módulo da subvención concedida.

3. Tódolos anuncios deberán ser autorizados pola oficina de emprego correspondente.

4. Calquera excepción a esta norma deberá ser autorizada polo director xeral de Formación e Colocación ou polo respectivo delegado/a provincial, segundo proceda.

Artigo 12º.-Módulos de orientación profesional.

1. Os módulos de información e orientación profesional e sobre técnicas de busca de emprego que se inclúan nos plans docentes dos cursos de formación ocupacional terán unha duración máxima de 20 horas.

2. Para a elaboración do contido dos citados módulos podará tomarse como referencia a «Guía de Técnicas, Estratexias e Recursos para a Busca de Emprego», editada por esta dirección xeral.

Artigo 13º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Os técnicos das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando realicen visitas ós centros

impartidores de cursos asinarán na folla de control de asistencia dos alumnos e deberán xuntarlle ó correspondente informe unha copia dela asinada polo docente do curso.

2. As entidades impartidoras deberán remitir, xunto co resto da documentación esixida na respectiva orde de convocatoria ou na presente resolución, esa folla de control de asistencia debidamente asinada polos técnicos da delegación provincial.

3. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder dos técnicos coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

Artigo 14º.-Recursos procedentes.

En tódalas resolucións, positivas ou negativas, que poñan fin ós expedientes instruídos ó abeiro do disposto na presente resolución, deberá incluírse o seguinte parágrafo relativo ós recursos procedentes contra elas:

«Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, logo de comunicación a este órgano, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, do 27 de decembro de 1956, no artigo 110.3º e nas disposicións adicionais décima e décimo primeira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 1998.

J. Jaime López Cossío

Director xeral de Formación e Colocación