Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 25 de febreiro de 1998 Páx. 1.936

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 9 de febreiro de 1998 pola que se declara de interese galego a Fundación Galicia Empresa e se ordena a súa inscrición na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio.

Con data do 28 de abril de 1997, publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 16 de abril de 1997, pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Galicia Empresa, adscribíndose á Consellería de Industria e Comercio, que terá que exerce-lo protectorado plenamente sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto e finalidade a promoción, vertebración e divulgación da empresa galega como entidade específica, caracterizada pola súa vinculación á realidade socio-económica e cultural de Galicia.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34º.12 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 32º.3 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

DISPOÑO:

Artigo único:

1º Declarar de interese galego a Fundación Galicia Empresa ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2º Ordena-la inscrición da Fundación Galicia Empresa na sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Industria e Comercio para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, do réxime das fundacións de interese galego, modificado pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio