Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 25 de febreiro de 1998 Páx. 1.932

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 12 de febreiro de 1998 pola que se modifica a do 29 de xullo de 1996, pola que se convocan axudas para a toma de participación no capital de sociedades mercartís.

O Decreto 40/1998, que modifica o Decreto 255/1996, do 14 de xuño, polo que se establece un réxime de axudas para a toma de participación no capital social de sociedades, introduce un novo suposto para a concesión de axudas que debe ter reflexo a súa vez na normativa que desenvolva as disposicións básicas establecidas no dito decreto.

Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Introdúcese un novo artigo 16º na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 29 de xullo de 1996, pola que se convocan axudas para a toma de participación no capital de sociedades mercantís, co seguinte texto:

«Artigo 16º.-Subvencións á adquisición de participación pública en sociedades sometidas a procesos de privatización.

16.1. Subvencións a fondo perdido.

16.1.1. Poderanse conceder subvencións a fondo perdido ós traballadores actuais de empresas públicas sometidas a un proceso de privatización para a toma de participación minoritaria no capital social delas, de acordo cas seguintes requisitos:

a) O proceso de privatización da empresa terá que ser declarado de especial interese polo Igape.

b) Os beneficiarios destas exudas deberán mante-la titularidade da parte de capital social adquirida durante o prazo mínimo de tres anos a partir da data da compra das accións ou participacións.

c) Non obstante o disposto no apartado anterior, en caso de cesamento na relación laboral durante o anterior período de tres anos, poderase admiti-la transmisión da participación adquirida sen incorrer en causa de perda da subvención cando a dita transmisión se efectúe a outro traballador da sociedade que non tivese condición de socio, podendo este último subrogarse na titularidade do préstamo subvencionado que, se é o caso, formalizase o primeiro, ou ben cando as súas accións ou participacións sexan adquiridas pola propia sociedade, respectándose en todo caso os límites de autocarteira legalmente previstos.

16.1.2. Poderán ser beneficiarios destas axudas os traballadores actuais de empresas públicas sometidas a un proceso de privatización que sexa declarado de especial interese polo Igape.

16.1.3. O Igape poderá conceder a cada traballador unha subvención a fondo perdido de ata un 25% do importe da participación adquirida, sendo subvencionable un máximo de adquisición de 500.000 pesetas, con independencia do importe da participación efectivamente adquirida.

16.1.4. As solicitudes de subvención dirixiranse ó Igape no modelo de instancia incluído como anexo I na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 13 de novembro de 1996, que modifica á do 29 de xullo de 1996, e deberán incluí-la documentación relacionada a continuación:

A) Con respecto á sociedade que se privatiza, certificación do representante legal na que conste a relación nominal dos traballadores actuais da empresa e o prazo de vixencia dos seus contratos laborais.

B) Copia do acordo do Consello de Administración de SEPI acreditativo da oferta seleccionada para a adquisición da participación pública na empresa que se privatiza, especificando o proxecto empresarial presentando xunto coa oferta de adquisición.

C) Cada traballador que solicite as axudas deberá presentar:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade e número de identificación fiscal.

b) Certificados de estar ó día nas súas obrigas fiscais e de Seguridade Social, emitidos polos organismos competentes.

c) Certificación de non ter débedas contraídas coa Xunta de Galicia.

D) Calquera outra documentación que o Igape considere conveniente para os efectos da análise da solicitude da declaración de especial interese do proceso de privatización.

16.1.5. O Igape decidirá sobre a declaración de especial interese do proceso de privatización e resolverá sobre a concesión das axudas solicitadas. A resolución que se dicte notificaráselles ós solicitantes e, se é de concesión, os beneficiarios deberán aceptala no prazo de quince días desde a notificación, entendendo que renuncian á subvención en caso de que non se reciba a dita aceptación.

As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no prazo de tres meses consideraranse desestimadas.

16.1.6. A adquisición da participación deberá formalizarse en escritura pública outorgada perante notario ou en póliza de compra ante corredor de comercio colexiado. Unha vez formalizada, cada beneficiario da axuda deberá remitir copia da dita escritura ou póliza, trato que se procederá ó aboamento da subvención concedida mediante transferencia bancaria á conta indicada polo beneficiario.

16.1.7. Naqueles casos nos que o número de solicitantes sexa elevado, o Igape poderá acordar fórmulas de colaboración para a tramitación conxunta dos expedientes.

16.2. Subsidiación de xuros dos préstamos concertados polos traballadores.

Poderase subsidia-lo tipo de xuro das operacións de préstamo que os beneficiarios das subvencións establecidas no apartado 16.1. anterior concerten con entidades financeiras para o financiamento da adquisición da participación pública que se privatiza non cuberta pola subvención a fondo perdido. Esta subsidiación de xuros estará suxeita ó disposto nos artigos 5º e concordantes, artigo 9º, agás o apartado 9.7, artigo 10º e seguintes da orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xullo de 1996, e as súas correspondentes modificacións introducidas pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 13 de novembro de 1996.

Artigo 2º.-Xestión e concesión das axudas.

A concesión das exudas previstas nesta orde será efectuada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con cargo ás súas aplicacións orzamentarias 0223 71150 77001 (Axudas artigo 16º.1.) e 0223 71151 77000 (Axudas artigo 16º.2.), quedando subordinada a súa concesión en exercicios futuros ás disponibilidades orzamentarias que anualmente se establezan. En todo momento a concesión das axudas previstas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario suficiente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda