Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Luns, 23 de febreiro de 1998 Páx. 1.868

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos, pola que se formaliza a convocatoria dos aspirantes a vinculacións temporais do persoal estatutario nas institucións sanitarias xestionadas polo Servicio Galego de Saúde.

Con data do 10 de marzo de 1997 publicouse no Diario Oficial de Galicia o pacto sobre vinculacións temporais de persoal estatutario que presta os seus servicios nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, subscrito con data 28 de febreiro de 1997, pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e SATSE, esta última central en condición de adherida.

A norma xeral 5ª, no último parágrafo, dispón que se fará unha nova oferta durante o primeiro trimestre do ano 1998 para tódalas categorías afectadas. Por iso, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Primeiro.-Convoca-los aspirantes interesados en presenta-la súa solicitude de inscrición nas listas que se confeccionen en aplicación do citado pacto, co fin de que, no prazo máximo de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria, o fagan no modelo formalizado que se anexa, xuntando a ela os xustificantes dos requisitos esixidos e méritos alegados.

Sen embargo non será preciso achegar certificación ou documentos xustificativos dos requisitos habilitadores e méritos relativos á experiencia profesional, formación académica, formación especializada, formación continuada e coñecementos da lingua galega xa tidos en conta en anteriores convocatorias, que polo tanto aparecen, deste xeito, recollidos no expediente dos aspirantes, coa excepción do certificado acreditativo do tempo de desemprego (vida laboral) que deberá presentarse necesariamente coa solicitude.

A presentación das solicitudes resulta requisito imprescindible, en tódolos casos, para adquiri-la condición de aspirante inscrito nas novas listas.

Os modelos de solicitude facilitaranse nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios e nas xerencias de atención primaria dependentes delas.

Segundo.-Será preciso que os aspirantes acrediten con documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas os requisitos e méritos presentados, nos termos previstos nos correspondentes baremos do pacto.

Non será necesario acreditar documentalmente a superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición convocada polas resolucións do 18 de maio e 19 de xuño de 1995, polo Servicio Galego de Saúde, xa que se dispón destes datos de xeito formal nas direccións provinciais do organismo.

Só se valorarán os méritos acreditados ata o día inmediatamente anterior á data de publicación no DOG desta convocatoria, de acordo co disposto na norma xeral 4ª do pacto.

Será absolutamente imprescindible para a admisión e, se é o caso, valoración dos méritos dos aspirantes que se acheguen as certificacións acreditativas deles dentro do prazo de presentación de solicitudes. Calquera certificación achegada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da valoración, salvo que se acredite documentalmente, xunto coa solicitude, que foi solicitada dentro do prazo sinalado.

Terceiro.-Os aspirantes a categorías de persoal sanitario non facultativo e non sanitario solicitarán a súa inclusión nunha única lista e área de xestión sanitaria. Cada aspirante ós nomeamentos de persoal facultativo solicitará a súa inclusión nunha soa categoría e área de xestión sanitaria para vinculacións previsiblemente inferiores ó ano, e para a cobertura de praza vacante ou de duración dun ano ou superior solicitarán a súa inclusión nunha única lista de ámbito provincial.

No suposto en que se detecten duplicidades, a través dos mecanismos de control, excluiranse inmediatamente os aspirantes incursos nelas.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1998.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos