Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Mércores, 18 de febreiro de 1998 Páx. 1.673

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O Decreto 347/1997, do 9 de decembro, conforme o disposto nos artigos 15 e 18 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, estableceu unha nova estructura orgánica do Goberno de Galicia. Posteriormente o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, fixou a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, estructurando a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no seu artigo 8, nos seguintes órganos:

1. Secretaría Xeral, 2. Dirección Xeral de Saúde Pública, 3. Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Neste decreto, preténdese ó igual que o anterior 63/1996, do 15 de febreiro, o que substitúe, reforza-lo papel da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como órgano responsable da dirección e coordinación das políticas sanitarias, sociais e sociosanitarias. Na estructura intégranse os aspectos de prevención da enfermidade e a promoción e protección da saúde, separando a planificación e programación da súa execución, no intento de acadar unha optimización da eficiencia da actuación administrativa neste ámbito. Igualmente, no referente á atención sociosanitaria, mantense unha estructura administrativa encamiñada a protexer sectores sociais especialmente vulnerables e máis desprotexidos, complementando así a actuación levada a cabo pola Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Por outra banda; é preciso subliñar que, con posterioridade ó Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, se levaron a cabo modificacións da estructura creando, no ámbito da secretaría xeral, a Subdirección Xeral de Ordenación, Informes e Estudios, dirixida a obter unha maior interrelación en materia sanitaria coas administracións públicas e a Administración central do Estado e obter unha avaliación global das actuacións das distintas unidades da consellería, a través do Decreto 403/1996, do 7 de novembro. E, así mesmo, na Subdireción Xeral de Inspección Sanitaria creouse un servicio de apoio na súa xestión xurídico-administrativa e adscribiuse o servicio de autorización de actividades e centros, dependente con anterioridade da vicesecretaría xeral, coa finalidade de coordina-las distintas unidades na xestión desta actividade, mediante os decretos 74/1997 e 188/1997, respectivamente, que agora se incorporan á nova estructura.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu

presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, cos informes previos da Consellería da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de sanidade, asistencia sanitaria e servicios sociais, sen prexuízo nesta última das competencias doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia de acordo co establecido nos artigos 27.23º, 28.8º e 33 do Estatuto de autonomía de Galicia e que lle foron asignadas polo Decreto 29/1980, do 15 de outubro, e pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e polos decretos 118/1982, do 5 de outubro, e 54/1985, do 21 de marzo, e a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

2. Así mesmo, correspóndelle o exercicio das competencias que para situacións sanitarias urxentes ou de necesidade se recollen na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública.

Artigo 2º.-Estructura.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para o cumprimento das súas funcións, contará coa seguinte estructura nos seus servicios centrais.

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Saúde Pública.

IV. A Dirección Xeral de Servicios Sociais.

V. Órganos asesores e consultivos e de coordinación.

2. O Servicio Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, estará adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 3º.-O conselleiro.

O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais é a superior autoridade da consellería e con tal carácter desempeña e exerce as atribucións que lle confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 1/1989, do

2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais e a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas en relación ó Decreto 254/1997, do 10 de setembro.

Artigo 4º.-A Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con tódalas unidades e servicios dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a inspección dos servicios e dos centros e organismos dependentes ou adscritos á consellería, sen prexuízo das competencias que se lle atribúan á Dirección Xeral de Servicios Sociais e á Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, a autorización e acreditación de centros, servicios e establecementos sanitarios, o desenvolvemento das directrices do plan sociosanitario, o exercicio das potestades disciplinarias en relación ó persoal estatutario, excepto a separación do servicio, e sen prexuízo das competencias atribuídas ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, as demais competencias que lle atribúa a normativa en vigor ou as que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular da consellería.

Correspóndelle igualmente a coordinación de toda a información dirixida ós medios de comunicación a través da oficina de prensa da consellería.

2. En relación co organismo autónomo Servicio Galego de Saúde, correspóndelle o exercicio das seguintes funcións e competencias:

a) As relacións institucionais de carácter sanitario cos órganos da Administración central do Estado e demais administracións públicas.

b) A inspección dos centros e servicios sanitarios do organismo.

3. A Secretaría Xeral, para o exercicio das súas competencias, contará coa seguinte estructura.

3.1. A Vicesecretaría Xeral.

3.2. A Subdirección Xeral de Réxime Administrativo.

3.3. A Inspección Sanitaria.

3.4. A Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaira.

3.5. A Subdirección Xeral de Ordenación, Informes e Estudios.

3.6. A Asesoría Xurídica, organicamente integrada na Secretaría Xeral e funcionalmente dependente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

3.7. A Intervención Delegada, organicamente integrada na Secretaría Xeral e funcionalmente dependente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. Intégrase organicamente na Secretaría Xeral, con dependencia funcional directa do conselleiro, o comisionado do Plan de Galicia sobre Drogas, creado e adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais polo Decreto 254/1997, do 10 de setembro.

Artigo 5º.-A Vicesecretaría Xeral.

Á Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndelle como órgano de apoio do secretario xeral, o exercicio das seguintes funcións:

-Prestarlle asistencia técnica e administrativa ó secretario xeral en tódolos asuntos que este lle encomende.

-A elaboración de estudios e propostas nas materias de estructura, organización, deseño de procedementos e circuítos administrativos, tanto nos servicios centrais coma periféricos da consellería e do Sergas e nas demais entidades adscritas a estes.

O vicesecretario xeral substituirá o secretario xeral da consellería nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante deste.

Artigo 6º.-A Subdirección Xeral de Réxime Administrativo.

É a unidade encargada da coordinación dos servicios de carácter xeral, do réxime interior, dos rexistros e arquivos e do asesoramento técnico-xurídico da consellería, sen prexuízo das competencias que nesta última función teña atribuída a Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Contará, con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

6.1. Servicio Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A elaboración e tramitación dos proxectos de disposicións de carácter xeral da consellería e do Sergas e a elaboración das compilacións e refundicións de normas de interese para a consellería.

-O estudio, preparación e tramitación dos expedientes da consellería, do Sergas e demais centros ou entidades dependentes dela, que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

-O estudio, tramitación e formulación, se é o caso, de propostas de resolución de recursos ou reclamacións interpostos contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da consellería ou do Sergas e, en xeral, a elaboración de estudios xurídicos e informes e demais asuntos, que por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral.

6.2. Servicio de Réxime Interior.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-O réxime interior da consellería, o rexistro e os arquivos xerais e a levanza dos libros de rexistro

e restantes funcións no relativo ás fundacións de interese galega sobre as que a consellería exerza o protectorado.

-A coordinación da publicación no Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos dictados polos órganos da consellería e do Sergas.

-A inspección da organización e funcionamento dos servicios administrativos da consellería e do Sergas e a proposta de incoación e de resolución, se é o caso, dos expedientes disciplinarios do persoal con destino na consellería e no Sergas, coa excepción do persoal facultativo, de acordo coa normativa vixente.

Artigo 7º.-A Inspección Sanitaria.

É a unidade, con rango de subdirección xeral, á que lle corresponde:

-O deseño e a coordinación dos programas e actuacións da inspección sanitaria no relativo ós centros, servicios e establecementos sanitarios civís públicos e privados que desempeñen a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma, así como, neste contexto, a avaliación das súas actividades con especial atención ás prestacións do sistema sanitario público, asumindo as competencias asignadas ó xefe de inspección sanitaria no Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación de funcións da inspección de servicios sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, ou na normativa que o substitúa.

-A elaboración das propostas de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios.

-A acreditación de centros, establecementos e servicios sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Contará con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

7.1. Servicio de Xestión Administrativa.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión, coordinación e seguimento da adecuación normativa das actuacións administrativas da inspección.

-Avaliar e emitir informe sobre as propostas de incoación e resolución dos procedementos disciplinarios ó persoal facultativo e procedementos sancionadores a establecementos farmacéuticos incoados directamente pola Secretaría Xeral ou por proposta da División de Farmacia e Productos Sanitarios.

-As propostas de resolución que sexan competencia do conselleiro, derivadas das infraccións en materia de autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios.

-Apoio e asesoramento á Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria en materia de estudios, proxectos e informes da Inspección Sanitaria.

7.2. Servicio de Autorización de Actividades e Centros.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-As propostas de autorización administrativa previa de creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión dos centros, servicios e establecementos sanitarios de carácter civil.

-O rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma.

-O seguimento e avaliación da publicidade sanitaria.

-O seguimento das actividades relacionadas coa concesión de interese sanitario a cursos ou xornadas e a elaboración das propostas de acreditación deles.

Artigo 8º.-Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria.

É a unidade encargada do deseño, desenvolvemento e xestión do modelo de coordinación da atención sociosanitaria de Galicia e da súa concreción operativa. Así mesmo actuará como unidade de coordinación das actuacións que neste eido establezan os distintos órganos de dirección, tanto da consellería como das diferentes estructuras do Sergas, no relacionado coas áreas de actuación do programa de atención sociosanitaria: persoas maiores e coidados paliativos, saúde mental, discapacitados. Correspóndelle, así mesmo, a definición e seguimento de programas sociosanitarios tendentes á unha integración da continuidade asistencial entre servicios sociais e sanitarios.

Contará con nivel orgánico de servicio coa seguinte unidade:

8.1. Servicio de Estudios, Xestión e Coordinación de Programas Comunitarios.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A identificación dos recursos susceptibles de realizar funcións sociosanitarias.

-O establecemento de actuacións que permitan reorienta-los recursos existentes.

-A elaboración de plans e propostas de normas reguladoras da prestación de servicios sociosanitarios.

-O desenvolvemento, xestión e seguimento de recursos propiamente sociosanitarios nas áreas de actuación.

-O desenvolvemento, xestión e seguimento de programas para unha profesionalización do sector con desenvolvemento de metodoloxía propia sociosanitaria como: valoración multidimensional orientada á función, interdisciplinariedade, plan de coidado individualizado e coordinación da continuidade asistencial.

-O desenvolvemento de programas e protocolos de derivación entre atención primaria de saúde e comunitaria e a coordinación de prestacións sociais

e sanitarias dependentes doutras institucións e administracións co obxectivo de mellora-los resultados asistenciais e evita-la duplicidade de recursos humanos e materiais.

Artigo 9º.-A Sudirección Xeral de Ordenación, Estudios e Informes.

É a unidade á que lle corresponde o seguimento e avaliación global dos obxectivos e accións das distintas unidades da consellería, así como o apoio administrativo, mediante a emisión de informes e estudios, nas relacións de carácter sanitario cos órganos da Administración central do Estado, e de calquera Administración pública.

Correspóndelle, así mesmo, a coordinación da actividade que desenvolva no Parlamento a consellería.

Artigo 10º.-A Dirección Xeral de Saúde Pública.

1. A Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da proteccción e promoción colectiva da saúde da poboación de Galicia. A súa misión é mellora-la saúde da poboación diminuíndo a incidencia e a carga das enfermidades a través da identificación dos factores protectores e de risco e incidindo sobre os axentes sociais para que estas actúen no sentido de favorecer ou diminuír respectivamente os ditos factores. Para todo isto, a dirección xeral impulsará e desenvolverá accións de asesoramento, información, formación, inspección, control, sanción e elaboración da normativa de protección da saúde. Corresponderalle igualmente a elaboración do plan de saúde pública integrante do plan de saúde e o desenvolvemento das súas directrices.

2. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Saúde Pública, no marco da actuación sanitaria da Comunidade Autónoma galega, as competencias relativas a:

-Actividades dirixidas a identifica-los factores determinantes da saúde dos cidadáns galegos.

-Actividades dirixidas a diminuí-lo impacto dos factores de risco.

-Actividades dirixidas a aumenta-lo impacto dos factores protectores da saúde.

-O desenvolvemento dos programas de promoción colectiva e protección da saúde na Comunidade Autónoma galega.

-Actividades dirixidas a mellora-la eficacia e eficiencia na xestión dos servicios da saúde pública.

-O desenvolvemento de actividades como autoridade sanitaria en materia de saúde pública.

3. A Dirección Xeral de Saúde Pública contará para o cumprimento das súas funcións coa seguinte estructura:

3.1. A Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública.

3.2. A Subdirección Xeral de Información e Xestión en Saúde Pública.

Artigo 11º.-A Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública.

Correspóndelle á Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública a aplicación e execución das directrices da dirección xeral en materia de planificación e coordinación operativa dos programas que actúen sobre os factores determinantes da saúde dos galegos.

Para o cumprimento das súas funcións, contará con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

11.1. Servicio de Prevención e Control da Infección polo VIH/SIDA e doutras enfermidades transmisibles.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-Elaboración e coordinación da execución do Plan de Prevención e Control da Infección polo VIH/SIDA en Galicia.

-A vixilancia epidemiolóxica das enfermidades transmisibles.

-A planificación, programación e avaliación das actividades de protección fronte ás enfermidades transmisibles.

-A análise e difusión da información sobre enfermidades transmisibles.

11.2. Servicio de Protección da Saúde frente a Riscos Xerais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A vixilancia epidemiolóxica do impacto sobre a saúde da poboación da Comunidade Autónoma dos factores medioambientais xerais, entendendo por tales aqueles que interactúan coas persoas independentemente das variables individuais.

-A planificación, programación e avaliación das actividades de protección da saúde da poboación da Comunidade Autónoma fronte os factores de risco medioambientais xerais.

-A análise e difusión da información sobre factores medioambientais xerais que teñan incidencia sobre a saúde da poboación da Comunidade Autónoma.

11.3. Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A vixilancia epidemiolóxica do impacto sobre a saúde da poboación da Comunidade Autónoma dos riscos específicos, entendendo por tales aqueles que interactúan coas persoas dependendo de variables individuais, como a idade, o lugar de residencia e as actividades laborais e do tempo libre.

-A planificación, programación e avaliación das actividades de protección da saúde da poboación da Comunidade Autónoma fronte ós riscos específicos para a saúde laboral, escolar e outras.

-A análise e difusión da información sobre riscos específicos que teñan incidencia sobre a saúde da poboación da Comunidade Autónoma.

11.4. Servicio de Actuacións Preventivas:

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A vixilancia epidemiolóxica do impacto sobre a saúde da poboación da Comunidade Autónoma dos factores psicosociais.

-A planificación, programación e avaliación das actividades de promoción de hábitos de vida saudables e de protección da saúde da poboación da Comunidade Autónoma fronte a factores de risco psicosociais.

-A análise e difusión da información sobre factores psicosociais que teñan incidencia sobre a saúde da poboación da Comunidade Autónoma.

-A elaboración de programas de prevención individualizada para o sistema asistencial.

Artigo 12º.-A Subdirección Xeral de Información e Xestión de Saúde Pública.

Correspóndelle á Subdirección Xeral de Información e Xestión de Saúde Pública a aplicación e execución das directrices en materia de identificación de problemas de saúde, de información sobre saúde pública, da actividade inspectora de saúde pública e da coordinación das melloras da propia organización que determine a dirección xeral.

Para o cumprimento das súas funcións contará a nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

12.1. Servicio de Información sobre Saúde Pública.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión de tódolos sistemas de información de saúde pública.

-A análise integral da información e a avaliación do estado de saúde da Comunidade Autónoma.

-A difusión da información integral.

-O asesoramento e formación en materia de método epidemialóxico.

-O control de abrochos epidémicos.

12.2. Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión e coordinación da actividade inspectora de saúde pública.

-A xestión e coordinación dos laboratorios de saúde pública.

-A coordinación e seguimento da rede de alerta alimentaria.

-A tramitación dos procedementos administrativos derivados da actividade inspectora de saúde pública.

-As actuacións relacionadas coa coordinación e xestión das taxas xeradas polas actividades de saúde pública.

12.3. Servicio de Coordinación de Saúde Pública.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A coordinación de tódolos programas de prevención da enfermidade e de promoción e protección da saúde desenvolvidos polos centros sanitarios.

-Presta-lo seu apoio, asesoramento e orientación en educación para a saúde a calquera organización que o demande.

-A elaboración de protocolos de funcionamento comúns na dirección xeral.

-O deseño e execución dos programas de formación para o persoal da dirección xeral.

-A coordinación interna de tódalas relacións dos servicios da dirección xeral cos medios de comunicación, sen prexuízo da superior competencia da Secretaría Xeral e a súa vehiculación a través da oficina de prensa da consellería.

A coordinación cos servicios periféricos.

-O sistema de avaliación da dirección xeral.

-Colaborar cos órganos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o deseño, execución, control e avaliación dos programas continuados de educación para a saúde no ensino.

Artigo 13º.-A Dirección Xeral de Servicios Sociais.

1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Servicios Sociais as funcións de ordenación, coordinación e planificación do sistema de servicios sociais, autorización e acreditación, control e inspección dos centros e servicios, o estudio das necesidades e problemáticas sociais, así como participar no deseño e aplicación dun sistema de información estatística, e o asesoramento e a asistencia técnica ás entidades prestadoras de servicios sociais.

2. Así mesmo, correspóndelle a creación e xestión dos equipamentos e programas que asuma a Administración autonómica; a xestión das prestación e axudas establecidas, o fomento e a regulación do voluntariado social, así como calquera outra competencia que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servicios sociais.

Todo iso sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas á Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude nas áreas de actuación de familia, infancia e mocidade, minorías étnicas e muller.

3. Para o desenvolvemento das súas funcións a Dirección Xeral de Servicios Sociais contará coa seguinte estructura:

3.1. A Subdirección Xeral de Acción Social.

3.2. A Subdirección Xeral de Administración e Inspección de Servicios Sociais.

4. Baixo a dependencia directa do director xeral de Servicios Sociais existirá, con nivel orgánico de servicio, a seguinte unidade:

13.4. Servicio de Planificación e Coordinación.

Artigo 14º.-A Subdirección Xeral de Acción Social.

1. É a unidade á que lle corresponde a realización dos programas de inserción social en relación con problemáticas concretas de marxinación e exclusión social, aplicando tanto proxectos de traballo social personalizados ou de grupos como prestacións económicas específicas; o deseño e implantación dun sistema de información para a xestión das prestacións sociais e económicas e a coordinación e control dos procedementos administrativos de tramitación e resolución destas.

2. Así mesmo, coordinará o funcionamento dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, e fomentará o desenvolvemento-do voluntariado social.

3. Tamén lle corresponden as funcións de xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, centros e servicios de atención primaria e de atención especializada nas áreas de actuación da terceira idade e da minusvalidez, así como a coordinación coas entidades de iniciativa privada prestadoras de servicios sociais nos devanditos ámbitos.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

14.1. Servicio de Prestacións e Inserción Social.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión dos programas de loita contra a pobreza e a exclusión social e, especificamente, os previstos na Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

-A xestión das prestacións económicas derivadas do Real decreto lei 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de Seguridade Social, no relativo ás pensións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

-A programación, coordinación, seguimento, avaliación e control doutros programas e plans de actuacións dirixidos a grupos ou persoas en situación de marxinación social.

-O estudio, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materiais anteriormente mencionadas nas que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral de Servicios Sociais.

-O fomento do desenvolvemento do voluntariado social.

-A coordinación e asistencia no funcionamento dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente.

14.2. Servicio de Atención Primaria e Cooperación coas Corporacións Locais.

Correspóndenlle a este servicio a xestión de tódalas actuación en relación cos concellos e demais entes locais prestadores de servicios sociais, e en concreto:

-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención primaria.

-A coordinación das actividades formativas relativas ó desenvolvemento e execución dos programas de atención primaria e o asesoramento e asistencia técnica ós concellos e outros entes locais.

-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención especializada nas áreas de actuación de competencia da Dirección Xeral de Servicios Sociais, dependentes das entidades locais.

-A implantación e seguimento do sistema de información dos usuarios de servicios sociais.

14.3. Servicio de Atención ás Persoas Maiores.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A planificación, control e seguimento de todas aquelas accións educativas, formativas e culturais que faciliten a promoción e integración social dos maiores.

-A coordinación cos centros colaboradores en materia de formación permanente de adultos.

-A programación, xestión, seguimento e control dos programas de actuación dirixidos ó sector das persoas maiores.

-A coordinación e control da xestión dos centros de servicios sociais, residencias, vivendas tuteladas e cantos outros centros de carácter especializado se determinen na planificación desta área de actuación.

-A preparación, coordinación, seguimento e control dos programas de axudas e subvencións, así como os convenios e concertos coas entidades de iniciativa privada que presten os seus servicios na área de actuación das persoas maiores e a coordinación e control das axudas individuais non periódicas.

14.4. Servicio de Atención a Persoas con Minusvalidez.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A preparación, xestión, seguimento e control dos programas de actuación dirixidos ás persoas con minusvalidez e a potenciación e promoción de programas e medidas de integración sociolaboral.

-A preparación, coordinación e seguimento das exudas individuais non periódicas.

-A preparación, coordinación, seguimento e control dos concertos e convenios coas entidades de iniciativa privada que presten servicios sociais na área de actuación da minusvalidez.

-A coordinación e seguimento da área funcional dos centros de atención a persoas con minusvalidez dependentes da Administración autonómica.

-O estudio das necesidades do sector e a proposta de actuacións e de normativa na materia.

-A elaboración e explotación informática do censo de minusválidos.

Artigo 15º.-A Subdirección Xeral de Administración e Inspección de Servicios Sociais.

1. Esta unidade realizará con carácter xeral as funcións relativas á preparación do antaproxecto de orzamentos, a tramitación e seguimento dos expedientes de gasto da dirección xeral e o control dos créditos orzamentarios no referido ámbito nos supostos de delegación nos órganos periféricos.

2. Correspóndenlle, así mesmo, o mantemento do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais previsto no artigo 32.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, en relación ás que actúan no ámbito competencial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como a xestión dos expedientes de contratación administrativa da dirección xeral e a inspección dos centros, servicios e programas das áreas de servicios sociais atribuídos á consellería.

3. Para o desenvolvemento das devanditas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio.

15.1. Servicio de Administración e Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A execución, coordinación, seguimento e control do orzamento así como a proposta das súas modificacións.

-A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e propostas de pagamentos realizados polos servicios centrais.

-A elaboración das instruccións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión económica acorde coa normativa vixente.

-O seguimento, coordinación e control dos expedientes de gasto dos equipamentos sociais.

-A xestión do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais e do procedemento de autorización e acreditación de centros.

-A xestión dos expedientes de contratación administrativa.

15.2. Servicio de Inspección de Servicios Sociais.

Correspóndenlle, respecto das entidades, centros e servicios sociais do ámbito competencial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais as seguintes funcións:

-O exercicio da potestade inspectora.

-Supervisa-lo destino e utilización dos fondos públicos concedidos así como verifica-lo cumprimento da normativa sobre condicións físicas, materiais e orzamentarias dos centros de servicios sociais, sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda.

-Velar polo respecto dos dereitos dos usuarios de servicios sociais previstos no artigo 34 e seguintes da Lei 4/1993 e levar a cabo a tramitación das iniciativas e reclamacións dos usuarios, así como propo-la adopción das medidas necesarias para corrixi-las deficiencias observadas.

-Propor, se é o caso, a realización de tarefas de racionalización administrativa e revisión da normativa legal.

Artigo 16º.-O Servicio de Planificación e Coordinación.

A esta unidade correspóndenlle baixo a directa dependencia do director xeral, o exercicio das seguintes funcións:

-A planificación e programación xeral dos servicios sociais nas áreas de actuación nas que teña atribuída competencia a consellería, concretada na elaboración do Plan Galego de Equipamentos e Servicios Sociais, así como a coordinación, seguimento e control da execución dos plans e programas de actuación da dirección xeral.

-A participación no deseño e aplicación do sistema de información estatístico, así como o seu mantemento e actualización, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

-A coordinación das publicacións no ámbito da Dirección Xeral e a organización e mantemento do fondo documental e bibliográfico, sen prexuízo das competencias que nesta materia teña atribuídas a Secretaria Xeral.

-O mantemento e xestión dun sistema de información xeral sobre recursos e prestacións sociais.

-A elaboración de estudios e informes.

Artigo 17º.-Órganos Asesores e Consultivos e de Coordinación.

1. Son órganos asesores e consultivos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para o exercicio das funcións de asesoramento, consulta e apoio técnico, nas materias da súa competencia, os seguintes consellos asesores técnicos:

-O Consello Asesor Técnico de Saúde Pública e Administración Sanitaria.

-O Consello Asesor Técnico de Atención Primaria.

-O Consello Asesor Técnico de Especialidades Cirúrxicas.

-O Consello Asesor Técnico de Especialidades de Apoio.

-O Consello Asesor Técnico de Enfermería.

2. Os ditos consellos asesores técnicos desenvolverán os cometidos que lle asigna o Decreto 379/1991, do 7 de novembro, de creación deles.

3. Así mesmo, están adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, coa composición e funcións que sinalan nas súas normas de creación, os seguintes órganos:

-O Consello Galego de Servicios Sociais.

-As Comisións Técnicas da Renda de Integración Social de Galicia.

-A Comisión de Coordinación Interconsellerías en Materia de Drogodependencias.

-A Comisión de Coordinación Interadministracións Públicas en Materia de Drogodependencias.

-A Comisión de Coordinación Interadministración con Organizacións non Gobernamentais, en materia de drogodependencias.

4. Como órgano colexiado de coordinación créase o Consello de Planificación ó que lle corresponden as seguintes funcións:

-Coordina-las actuación que conduzan á elaboración do plan de saúde, que abrangue os de saúde pública e de asistencia sanitaria, o seu seguimento e a súa complementación co plan sociosanitario.

-Elaborar propostas de políticas xerais de saúde.

-Elabora-los criterios xerais de planificación sanitaria e sociosanitaria.

-Asisti-lo conselleiro nestas materias.

O devandito consello estará presidido polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, e no seu defecto, polo secretario xeral da consellería, e formarán parte del:

-O secretario xeral da consellería.

-O director xeral de Saúde Pública.

-O secretario xeral do Sergas.

-O subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria.

-O subdirector xeral de Información e Xestión de Saúde Pública.

-O subdirector xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

-O subdirector xeral de Acción Social.

Disposicións transitorias

Primeira.-En tanto non se creen na Secretaría Xeral as unidades precisas para o desenvolvemento das funcións que lle corresponden en materia económica e de persoal, as ditas funcións serán exercidas respectivamente polas correspondentes unidades das divisións de Recursos Económicos e de

Recursos Humanos do Sergas, sen prexuízo das competencias que nestas materias teña atribuía a Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Segunda.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación das distintas unidades administrativas existentes con anterioridade ou se suprima algunha das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do secretario xeral, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan de libre designación, ou a adscribilo con carácter temporal a postos de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso, ata que, neste caso, os ditas postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún caso a readscrición ou adscrición supoñan cambio de residencia, todo isto sin prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1997, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das

competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Terceira.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, de conformidade co disposto no artigo 15.5º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, elaborará a proposta de relación de postos de traballo resultantes da aplicación do presente decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, e os decretos 403/1996, do 7 de novembro; 74/1997, do 10 de abril, e 187/1997, do 3 de xullo, e cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estructura orgánica que se establece no presente decreto non suporá aumento do gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novocentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais