Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Martes, 17 de febreiro de 1998 Páx. 1.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 2 de febreiro de 1998 pola que se anuncia a apertura do prazo de presentación de solicitudes para a realización de contratacións laborais de carácter temporal correspondentes ós servicios de defensa contra incendios forestais durante 1998.

A Consellería de Medio Ambiente ten encomendada a execución das medidas e accións contra os incendios forestais que corresponden á Xunta de Galicia, conforme as indicacións do Plan INFOGA, para o que é preciso efectuar contratos de traballo de duración determinada para obra ou servicio ó abeiro do establecido no artigo 15 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, tal como ten establecido a xurisprudencia de acordo coa autonomía e substantividade que, en relación á actividade normal da Administración, ten cada unha das campañas que organiza, a súa duración incerta, así como a peculiaridade propia de cada unha delas, dependendo do seu condicionante orzamentario, de factores climáticos e do específico e concreto obxectivo a que atende (sentencias do Tribunal Supremo do 10 de xuño e 3 de novembro de 1994, e do 10 de abril de 1995, entre outras, en recursos de casación para a unificación de doutrina).

O acordo sobre aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia ós traballadores contratados eventualmente para obra ou servicio determinado do Plan INFOGA establece no apartado II.2 que «o sistema de selección terá carácter anual e baremo propio no que se prima a experiencia e o coñecemento do terreo, para garanti-la eficiencia e rapidez da mobilización do persoal comprendido entre os 18 e 65 anos, sempre que acrediten, na forma que se estableza, a capacidade física precisa para o desempeño do traballo, sen prexuízo dos cambios que poidan producirse en función dos específicos e concretos obxectivos anuais», e que «este sistema de acceso ós contratos para obra ou servicio

determinado realizarase con respecto ós principios de mérito e capacidade, e só se terá en conta para acceder ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais», así como que «na orde anual na que se concrete o devandito sistema de selección regularanse as condicións e requisitos da mobilidade funcional, que responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible».

Por todo o exposto, consonte o disposto nos artigos 27 números 10 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como no Decreto 482/1997, do 30 de decembro, e no acordo sobre aplicación do convenio colectivo único da Xunta de Galicia ós traballadores contratados eventualmente para obra ou servicio determinado do Plan INFOGA, na restante normativa de aplicación, e oído o Comité Intercentros do Persoal Laboral da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Para a provisión de efectivos eventuais nos servicios de defensa contra incendios forestais durante o ano 1998, a Consellería de Medio Ambiente confeccionará as pertinentes relacións de persoal capacitado para realiza-las diferentes tarefas, ordenándoas de xeito prelativo. Elaboraranse tantas relacións como comarcas, zonas, concellos ou, se é o caso, provincias, segundo as necesidades que haxa de actuación de defensa contra incendios forestais, e dentro delas agruparanse por categorías profesionais. Unha vez establecido en cada delegación provincial o ámbito territorial para a elaboración das relacións, estas serán únicas para cada categoría profesional.

Para a execución dos traballos propios do servicio de defensa contra incendios forestais corresponderalle á Consellería de Medio Ambiente o transporte do referido persoal, que poderá efectuarse tanto por medios aéreos, terrestres ou marítimos.

Por necesidades do servicio debidas a circunstancias imprevisibles, o persoal contratado poderá desenvolve-los seus labores en zonas distintas a aquelas ás que estivese adscrito.

Artigo 2º

1. Os solicitantes deberán reuni-los seguintes requisitos de carácter xeral:

-Ser maior de idade.

-Non padecer lesións nin enfermidades que, a xuízo de facultativo, impidan ou limiten o desenvolvemento dos traballos de defensa contra incendios na categoría concreta á que se opta.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administracion pública en virtude de expediente disciplinario.

-Non ter sido sancionado coa suspensión do dereito a concorrer a probas selectivas de conformidade co disposto no artigo 49.4.b) do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

2. Os requisitos particulares para acceder ás distintas categorías, que a continuación se detallan, serán os seguintes:

a) Técnico forestal de defensa contra incendios forestais.-Grupo II: enxeñeiro técnico forestal (para estas efectos, considerarase habilitante a titulación de enxeñeiro de montes) e carné de conducir B-1, cunha antigüidade mínima de dous anos.

b) Xefe de cuadrilla de defensa contra incendios forestais.-Grupo III: capataz forestal ou ter participado, desde o ano 1991, en tres campañas de máximo risco completas nesta, análoga ou superior categoría profesional na defensa contra incendios forestais na Xunta de Galicia, e carne de conducir B-1, cunha antigüidade mínima de dous anos.

c) Operador/codificador de datos de defensa contra incendios forestais.-Grupo IV: graduado escolar ou FP1 (rama administrativa).

d) Conductor de autobomba de defensa contra incendios forestais.-Grupo IV: graduado escolar ou ter participado, desde o ano 1991, en tres campañas de máximo risco completas nesta, análoga ou superior categoría profesional na defensa contra incendios forestais na Xunta de Galicia, e carné de conducir C-1, cunha antigüidade mínima de dous anos.

e) Emisorista de defensa contra incendios forestais.-Grupo V: certificado de escolaridade.

f) Vixilante fixo de defensa contra incendios forestais.-Grupo V: certificado de escolaridade.

g) Vixilante móbil de defensa contra incendios forestais.-Grupo V: certificado de escolaridade e carné de conducir B-1, cunha antigüidade mínima de dous anos.

h) Peón conductor de defensa contra incendios forestais.-Grupo V: certificado de escolaridade e carné de conducir B-1, cunha antigüidade mínima de dous anos.

i) Peón non conductor de defensa contra incendios forestais.-Grupo V: certificado de escolaridade.

Artigo 3º

A partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ábrese un prazo de quince días hábiles para que as persoas interesadas presenten as súas solicitudes con vistas a realiza-las contratacións laborais de carácter temporal dependentes desta consellería que se establezan con motivo da campaña de loita contra os incendios forestais durante 1998.

Artigo 4º

1. Os candidatos deberán dirixi-la súa solicitude, segundo o modelo establecido no anexo I, á Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente

que corresponda, e poderá presentarse en calquera dos rexistros ou oficinas enumeradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Cada persoa só poderá presentar unha única solicitude referida a unha soa comarca, zona, concello ou provincia, segundo corresponda de conformidade co anexo III, e a unha soa categoría profesional; o incumprimento do anterior será causa de exclusión de tódalas solicitudes formuladas.

3. A relación das distintas categorías profesionais de cada comarca, zona, concello ou provincia de que se trate, publicarase nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e das oficinas provinciais e comarcais do servicio de defensa contra incendios forestais. O número máximo de prazas para cubrir en cada categoría será a fixada no Plan INFOGA 1998.

4. Xunto coa solicitude normalizada, os aspirantes deberán achega-la seguinte documentación:

4.1. Se o solicitante opta á mesma categoría e praza que o ano anterior e quere acollerse á actualización de oficio da experiencia profesional na defensa contra incendios forestais na Xunta de Galicia, só terá que presenta-la solicitude, o xustificante de ter aboadas as taxas correspondentes e o certificado médico e, de se-lo caso, a nova documentación sobre méritos académicos e profesionais que hai que ter en conta; todo isto na forma indicada no parágrafo seguinte.

4.2. Se o aspirante se presenta por primeira vez ou se desexa volver presentar toda a documentación sobre requisitos e méritos académicos e profesionais ou opta por outra categoría ou praza diferente á do ano anterior:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Fotocopias dos requisitos de titulación e do permiso de conducción da categoría C-1 ou B-1 esixidos en cada caso.

c) Fotocopia da documentación acreditativa dos méritos alegados e que se sinalan no baremo inserto no anexo II. Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non serán tidos en conta.

d) Certificado médico en impreso oficial, onde se acredite que o aspirante reúne os requisitos de saúde establecidos con carácter xeral no artigo 2.1.

e) Xustificante de ter aboadas as taxas por inscrición nas convocatorias para selección de persoal da Xunta, expedido pola entidade bancaria correspondente, na contía sinalada na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

De se-lo caso, tamén deberán aboarse os gastos de transferencia que correspondan, utilizándose para todo o exposto o impreso de autoliquidación de taxas sinalado no anexo IV.

O citado impreso seralles facilitado ós interesados nos rexistros das respectivas delegacións provinciais da consellería, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo IV.

O importe aboado como taxa, en concepto de dereitos de inscrición, devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes que resulten excluídos por non reuniren os requisitos da convocatoria e que o soliciten no prazo dun mes a partir da exposición das correspondentes relacións.

5. Os aspirantes deberán achegar cotexados tódolos documentos dos que facilitaren fotocopia.

Artigo 5º

As solicitudes correctamente presentadas serán analizadas baixo a dirección e supervisión da comisión de avaliación constituída en cada provincia, que estará composta por cinco membros, dos que dous serán designados polo comité de empresa e os outros tres pola secretaría xeral da consellería. A dita comisión deberá constituírse e comeza-los traballos no prazo máximo de vinte días desde a data en que finalice o período de presentación de instancias.

A confección das distintas relacións farase segundo os ámbitos territoriais e categorías profesionais establecidos, ordenando os aspirantes capacitados de acordo coa puntuación obtida de maior a menor pola aplicación do baremo recollido no anexo II da presente orde e coa que, no caso de que a Administración así o considere, resulte da superación daquelas probas prácticas, que para tal efecto tamén se recollen no devandito anexo II. No caso de empate, este dirimirase pola maior puntuación obtida como consecuencia da experiencia profesional, e de persistir este, será dirimido pola puntuación obtida no apartado de circunstancias persoais.

Artigo 6º

As relacións de aspirantes admitidos nas distintas categorías profesionais de cada zona de traballo publicaranse nos taboleiros de anuncios a que se refire o artigo 4º, apartado 3.

Artigo 7º

1. Os aspirantes, antes de seren requiridos para a súa incorporación efectiva, deberán superar unha proba física de capacitación, que será especificada nos taboleiros de anuncios ós que se refire o artigo 4º, apartado 3, co resultado de apto ou non apto, conforme os parámetros e condicións fixados pola comisión central, co asesoramento de persoal especializado.

Para a realización da devandita proba física os aspirantes deberán presentarse provistos de documento oficial identificativo da súa identidade.

2. Do indicado no apartado anterior, exceptúense os aspirantes incluídos nas listas de operador-codificador de datos, de emisorista e de vixilante fixo de defensa contra incendios.

3. Os vixilantes fixos deberán superar unha proba de agudeza visual.

Artigo 8º

1. Conforme vaia sendo necesaria a contratación do persoal previsto no Plan INFOGA e se as dota

cións orzamentarias o permiten, a Consellería de Medio Ambiente contratará, pola súa orde estricta, o persoal que, unha vez superada a correspondente proba física, se é o caso, figure na respectiva relación.

2. Para o chamamento poderase utilizar calquera medio, e no suposto de que o empregado non fose suficiente, practicaranse por calquera outro que permita ter constancia da súa recepción polo interesado no prazo máis breve posible. A contestación ó devandito chamamento deberá producirse no prazo máximo de vintecatro horas desde a súa recepción. Transcorrido este sen producirse, consideraranse decaídos no seu dereito e serán eliminados da correspondente relación.

3. No suposto de situacións de extrema urxencia e necesidade que demanden unha citación inmediata, bastará a declaración xurada de dous funcionarios da consellería no sentido de que tal chamamento foi efectuado.

4. No suposto de esgotarse o persoal que figure na relación dun ámbito territorial, poderá ser chamado persoal da mesma categoría ou de categoría superior de relacións referidas a zonas limítrofes. Se a persoa non acepta o devantido chamamento non será excluída da correspondente relación.

5. En último caso, seguirase o procedemento previsto no artigo 7.6.b) do III convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, coa salvidade de que o órgano de selección, baremo e probos físicas de capacitación ou agudeza visual, segundo corresponda, serán as establecidas na presente orde.

Artigo 9º

Sin prexuízo de que se poida rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados,

os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes, a convocatoria, as súas bases e cantos actos se deriven dela e da actuación dos órganos de selección, podarán ser impugnados polos interesados no prazo e na forma establecida na lexislación que sexa de aplicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para os efectos de unifica-los criterios referentes á confección das correspondentes relacións en toda a Comunidade Autónoma, crearase unha comisión central, composta por dous representantes do Comité Intercentros e tres representantes da Consellería de Medio Ambiente designados pola secretaría xeral.

Segunda.-As contratacións que poidan derivarse desta orde faranse, se existe habilitación legal e dispoñibilidades orzamentarias para iso, en función do ritmo que impoñan as necesidades do servicio de defensa contra incendios forestais.

Disposición transitoria

En tanto non sexan elaboradas as relacións de persoal declarado apto, a contratación do persoal imprescindible efectuarase utilizando as relacións confeccionadas en 1997.

Disposición derradeira

A presente orde terá efectos desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1998.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente