Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 1998 Páx. 1.369

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CERCEDA

EDICTO.

Aceptada pola Deputación Provincial da Coruña, en sesión plenaria celebrada o día 26 de setembro de 1997, a delegación para o exercicio de competencias municipais en materia de xestión tributaria e recadatoria dos impostos sobre actividades económicas, bens inmobles e vehículos de tracción mecánica, que resulta do acordo adoptado por este concello, en sesión extraordinaria celebrada o 8 de maio de 1997, procédese á publicación íntegra do seu contido, que é o seguinte:

Acordo municipal de adhesión e delegación.

Primeiro.-Adhesión.

Este concello acepta o marco de prestación delegada de servicios de xestión tributaria, incluída a recadatoria, creado pola deputación provincial polos seus acordos plenarios na materia, e acepta, en consecuencia, o contido de tódolos instrumentos xurídicos que rexerán a dita prestación.

Segundo.-Delegación de competencias en materia recadatoria.

De conformidade co previsto no artigo 106.3º da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e co establecido no artigo 7 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das fecendas locais, deléganse expresamente na Deputación Provincial da Coruña as facultades que lle atribue a este concello a lexislación vixente na materia particularmente no artigo 106.3º citado. O contido desta delegación é o seguinte:

a) Actos de xestión recadatoria nas vías voluntaria e constrinximento para facer efectivas toda clase de débedas liquidas polos seguintes tributos:

1. Imposto sobre bens inmobles ou polos seus antecesores as antigas contribucións territoriais (rústica e pecuaria e urbana).

2. Imposto sobre actividades económicas ou polos seus antecesores as licencias fiscais de actividades comerciais e industriais e de actividades profesionais e de artistas.

3. Imposto sobre vehículos de tracción mecánica.

b) Actos de xestión recadatoria en vía de constrinximento para facer efectivas as liquidacións non periódicas correspondentes ás débedas líquidas polo concello, non ingresadas en período voluntario polos obrigados ó pagamento, correspondentes a tódolos recursos municipais susceptibles de seren feitos efectivos nesta vía de constrinximento.

c) Actos de xestión racadatoria singulares: expresamente se delega na deputación provincial o exercicio das competencias seguintes:

1. Fixación das datas límite para a confección de padróns e para a notificación da débeda.

2. Determinación dos períodos de cobramento en voluntaria.

3. Notificación colectiva conforme o artigo 124.3º da Lei 230/1963, do 28 de decembro, xeral tributaria.

4. Publicación de anuncios de cobramento, con fixación de itinerarios cando proceda.

5. Expedición de certificacións de descuberto e a súa providencia de constrinximento e resolución dos recursos contra estes actos administrativos.

6. Conferir e revogalles ás entidades de depósito e aforro o carácter de entidades colaboradoras e establece-las condicións da súa colaboración.

7. Liquidación e tramitación de débedas por xuros de demora.

8. Tramitación e resolución de reclamacións na vía administrativa, previa da acción de tercería ante xulgados e tribunais civís iniciadas por contribuíntes e interpoñe-las de dominio e mellor dereito que procedan.

9. Autorizar poxas e construír mesas e presidilas.

10. Dictar acordos de derivación de responsabilidades e procedemento.

11. Acorda-la suspensión do procedemento de constrinximento.

12. A realización de calquera otra actuación de carácter recadatorio precisa nos procedementos de voluntaria e executiva establecidos e que sexan de competencia municipal.

Terceiro.-Delegación de competencias en materia de xestión tributaria.

Co mesmo fundamento confírese delegación a favor da Deputación Provincial da Coruña para que, os seus órganos, poidan exercer validamente as seguintes funcións desde a entrada en vigor do convenio que se asine para o efecto ou, se é o caso, desde as datas que se indican:

A) Respecto ós impostos sobre bens inmobles, sobre actividades económicas e sobre vehículos de tracción mecánica, para seren exercidas a partir do 1/1/1998, segundo se especifica co apartado cuarto do presente acordo:

1. Concesión e denegación de exencións e bonificacións.

2. Liquidación da débeda tributaria, periódica ou non, e formación do padrón, se é o caso.

3. Emisión dos instrumento de cobro, incluídos os de ingreso directo.

4. Tramitación e resolución dos expedientes de devolución de ingresos indebidos e pagamento do importe resultante.

5. Resolución dos recursos que se interpoñan contra estes actos de xestión.

6. Asistencia e información ó contribuínte nesta materia.

7. Facultade para, de acordo co previsto nos artigos 78.1º e 92.3º da Lei 39/1988 citada, establecer acordos ou convenios coa Administración tributaria do Estado en materia de colaboración e inspección.

B) Respecto de tódolos tributos de cobro non periódico xestionados en vía de constrinximento pola deputación:

1. Emisión de instrumentos de cobramento.

Cuarto.-Precisións para o exercicio de competencias.

Establécense as seguintes:

1º. Asunción e exercicio de competencias.

a) Con relación ó imposto sobre actividades económicas:

As competencias xa asumidas por este concello desde o 1 de xaneiro de 1992 serán exercidas pola deputación provincial, desde o 1/1/1998, en virtude da delegación de competencias contida no apartado terceiro A) do presente acordo.

b) Con relación ó imposto sobre bens inmobles:

As competencias que o artigo 78 da Lei 39/1988 citada lle atribúe a este concello respecto do imposto sobre bens inmoble serán exercidas desde 1 de xaneiro de 1998 pola deputación segundo o disposto no referido apartado terceiro A), todo isto de acordo co contido do artigo 4 do Real decreto 831/1989, do 7 de xullo, que desenvolve parcialmente a disposición transitoria 11ª da Lei 39/1988 citada.

2º. Comunicación e traslado:

a) Con relación ó imposto sobre actividades económicas:

Darase traslado do presente acordo á deputación provincial para a súa aceptación e á Administración tributaria do Estado.

b) Con relación ó imposto sobre bens inmobles:

Darase comunicación do presente acordo á deputación provincial e será trasladado ó Centro de Xestión Catastral e Cooperación Tributaria da provincia.

3º. Iniciación do exercicio de competencias delegadas:

As competencias de xestión tributaria, incluídas as recadatorias, o exercicio das cales se delega polo presente acordo, serán exercidas pola deputación de acordo co que o respectivo convenio fixe para estes efectos, a partir do 1/1/1998.

Quinto.-Convenio.

A deputación e este concello configurarán o compromiso mediante un convenio, que formalizarán os seus respectivos presidentes, e do que formarán parte as bases para a prestación do servicio; o Regulamento do Servicio de Recadación, o acordo da deputación referido e o presente acordo municipal.

Algunhas das determinacións contidas nos instrumentos anteriores serán as seguintes:

1. Sistema operativo do Servicio de Recadación. Será o moderno ou actualizado, consistente na eliminación do recibo e o envío, no seu lugar, ó domicilio do contribuínte, dun instrumento de cobro antes da apertura do período de cobramento e que poderá ser pagado en bancos, caixas de aforro ou na zona.

2. Informatización. O concello facilitará a información en soporte informático para que posibilite o seu tratamento pola deputación en igual medio.

3. Colaboración. O concello prestaralle colaboración á deputación en materia de recadación, particularmente para rectificar ou completa-los datos das débedas tributarias, na tramitación de baixas, no establecimiento dunha cota mínima, en realizar determinadas notificacións, en prestar atención preferente ó contribuínte, en facilitar datos tributarios ou persoais, etc.

4. Retribución do servicio. O concello resarcirá a deputación de parte do custo da prestación do servicio de xestión tributaria, mediante o pagamento de porcetaxes sobre o importe recadado, premios de boa xestión e participación na recarga de constrinximento, se é o caso, de acordo co que estableza a súa ordenanza fiscal correspondente.

5. Anticipos, liquidación e transferencias. A conta do rendemento dos impostos sobre actividades económicas e sobre bens inmobles, a deputación anticipará o máximo que a lei permita. Do resto de tributos, percibirase con carácter mensual a recadación que a deputación obtivera no mes anterior.

As liquidacións co concello serán mensuais, a conta e anuais, recapitulativas.

6. Duración. A duración do convenio será de dez anos e empezará a rexer do modo que nel se sinale.

Sexto.-Tramitación:

Tendo en conta que o presente acordo incide parcialmente no réxime dos tributos afectado, de acordo co establecido no artigo 7.2º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, en relación cos artigos 15 a 19 desta, observarase a seguinte tramitación:

a) Acordo provisional de delegación de competencias.

b) Información pública no BOP por un plazo mínimo de 30 días.

c) Acordo definitivo no que se resolvan as alegacións presentadas; ou elevar a definitivo ou provisional, se non se presentaran alegacións.

d) Remisión do acordo á deputación.

e) Acuerdo de aceptación desta.

f) Publicación do acordo de delegación nos boletíns da provincia e da Comunidade Autónoma.

Sétimo.-Efectos:

A delegación de competencias contida no presente acuerdo producirá efectos desde o día seguinte ó da súa publicación na forma exposta no apartado anterior.

Oitavo.-Autorización:

Facúltase o alcalde para o asinamento do convenio e de cantos documentos sexan precisos, así como para a execución dos actos que se requiran para levar a cabo este acordo.

Cerceda, 16 de xaneiro de 1998.

O alcalde

P.O.

Matilde Rodríguez Rumbo