Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 1998 Páx. 1.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo do convenio colectivo do sector das industrias de panificación.

Visto o texto do laudo arbitral sobre o convenio colectivo do sector das industrias de panificación, dictado por José Mª Casas de Ron en data 2-1-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autó

noma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 28 de xaneiro de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Laudo arbitral

José Mª Casas de Ron, designado árbitro en acta de compromiso arbitral de data 23 de decembro de 1997, polas partes no procedemento de solución de conflictos con base no establecido no capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 22/97, no que son partes interesadas a Asociación Profesional de Industrias de Panificación (Aproimpa) e os representantes dos traballadores integrantes da comisión negociadora do convenio colectivo para o sector de industrias de panificación da provincia de Pontevedra, resolve a cuestión formulada, vista o expediente e oídas as partes, por medio do presente laudo.

Antecedentes:

O conflicto que se presenta a resolución arbitral refírese á diferencia insalvable que en materia de descanso semanal manteñen as partes negociadoras no convenio colectivo provincial para o ano 1997, unha vez que estas non obtiveron acordo nas reunións mantidas polo comisión negociadora do dito convenio colectivo. Esta é a cuestión que se somete ó procedemento arbitral e que foi comunicada ó árbitro designado no expediente de compromiso arbitral do 23 de decembro, instruído polo correspondente servicio de solución de conflictos.

Tramitación:

Ó persisti-la falta de acordo á materia antedita, ámbalas partes presentaron solicitude de apertura do procedemento de arbitraxe previsto no artigo 20 e seguintes do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, perante o servicio de solución de conflictos, que orixina o expediente de referencia,

subscribindo a acta de compromiso para arbitraxe sobre a materia motivadora da diferencia na negociación.

Notificado o árbitro da súa designación o día 23 de decembro de 1997, co fin de garanti-los principios de audiencia, contradicción e de igualdade, o árbitro mantivo inmediata reunión coas partes en comparecencia celebrada o 23 de decembro de 1997, comparecendo por parte da Asociación Profesional de Industrias de Panificación (Aproimpa): Salustiano Pérez Domínguez, Antonio Carballo Fernández, Luis Miguel Vilela Aris e Humberto Reboreda Sousa, e como representantes dos traballadores: Antonio González Malvido e Ángel Veiga Vidal, da central sindical CC.OO., Mª Carmen Pena Oliveira, da central sindical UGT e Luciano Villar González, da central sindical CIG.

O árbitro na comparecencia comunicoulles ás partes a renuncia ó exercicio de folga e de peche patronal e á utilización das vías administrativa e xurisdiccional para a solución do conflicto.

O laude díctase dentro do prazo que se dispón no artigo 24.2 do AGA.

Cuestións preliminares:

No trámite de comparecencia as partes expuxéronlle ó árbitro os motivos da controversia, que de xeito sucinto a seguir se recollen:

A parte social do conflicto, centrais sindicais CC.OO, UGT e CIG manisfestan que aínda que se trate dun problema que se vén arrastrando nos dous últimos convenios, non é neste convenio no que se pode da-la solución, toda vez que o convenio colectivo de aplicación de 1996, no seu artigo 8, estableceu un sistema de descanso semanal que é posible manter. Non existe ningún convenio colectivo que deba obrigar a traballar en domingo, por ser este o día tradicional de descanso e que, da confrontación entre este descanso tradicional e a problemática económica do sector que formulan os empresarios, debe prima-lo descanso dominical habitual. En calquera caso habería que respecta-la non obrigatoriedade, podéndose prove-la posibilidade de pactos individualizados entre empresarios e traballadores no caso de necesidade de prestación de servicios os domingos. En calquera caso, ante un hipotético suposto cambio no sistema de descanso, incentivos ou rotacións deben ser configurados ex novo,

remarcando así mesmo que os empresarios sempre terían aberta a posibilidade de novas contratacións. En definitiva, a parte social avoga polo mantemento do actual artigo 8 do convenio colectivo de 1996 no que xa se establecen 8 domingos de posible apertura, nas pautas da Lei de comercio de Galicia.

Os representantes dos empresarios poñen de manifesto as enormes dificultades existentes para acom

pasa-la industria de panadería ós ritmos que impón o mercado, necesidade ineludible dada a propia situación das panaderías e ante o feito fáctico da demanda do consumidor, que deixa de acudir ó seu provedor habitual cando este non o serve tódolos días da semana, rompéndose o principio de fidelidade cando establecementos similares, ou mesmo panaderías, proceden de xeito cando menos desleal á apertura en domingo. A propia Lei de comercio exceptúa as panaderías do descanso, a liberalización do sistema de aperturas impona o propio consumidor non podéndose penaliza-lo segmento de industrias de panaderías provincials suxeitas ó ámbito do convenio colectivo, que naturalmente os asinantes queren e deben cumprir. Sobre a base desta liberdade, cómpre atopar fórmulas de equilibrio que lles permitan ós empresarios panadeiros mante-las súas cotas de mercado nesta grave situación na que existen ameazas de posible peche de industrias, non penalizando as empresas con traballadores ós que lles é

imprescindible mante-lo emprego para poder competir no sector, do que as complicacións se ven agravadas polo existencia de panaderías familiares, de establecementos específicos para fabricar e vender pan en domingo, de pan semipreparados ou conxelados, polas grandes superficies e centros comerciais, etc.

Fundamentos de feito:

O árbitro resolverá neste litixio un conflicto que xorde da falta absoluta de acordo na negación do convenio colectivo no referente ó descanso dominical que se regulaba no artigo 8 do convenio de 1996 (BOP 9-5-1996). Este conflicto de intereses deberá dirimirse con base en criterios de equidade fundamentados nas propias situacións fácticas que se deriven dos feitos que as partes puxeron en coñecemento do árbitro, motivando a resolución conforme o artigo 24 pr. 2 do AGA. A cuestión de fondo que se formula é certamente un problema que vén sendo obxecto de discusión nos últimos anos. E é precisamente esta falta de encontro a que ven xerando anomalías e disfuncións que, aínda que non se producise o desexable acordo, cómpre recoñecer.

O árbitro parte da realidade social, pública e coñecida: que é posible comprar pan en domingo; dise isto porque esta propia realidade non pon de manifesto que en domingo existen abertas industrias de panificación con despacho ó público; establecementos especializados, como pastelerías, venden productos que na práctica son tan similares ó pan como tal por el o compran os consumidores, e isto cando non venden propiamente pan; no mercado dominical existen productos semipreparados que o consumidor con toda facilidade operativa, con só mete-lo no forno, converte en pan elaborado; a presión das grandes

superficies; competencia de industrias de provincias limítrofes e mesmo do norte de Portugal, etc.

Esta formulación fáctica leva o árbitro a razoar sobre a necesidade de conciliar ámbalas posturas evitando o frontal choque entre o sistema de descanso que tradicionalmente se veu exercendo nos convenios colectivos e a necesidade que a propia industria ten para competir no mercado nun sector no que é o hábito do consumidor e a súa satisfacción o capital e pivote de calquera solución.

As partes en desencontro por esta falta de solución si coinciden no recoñecemento das dificultades e das consecuencias económicas que para as industrias se presentan; así mesmo coinciden no sacrificio social que significa a variación no sistema tradicional de descanso; sobre este xogo de intereses, lexítimos, fundamentará o árbitro, pois, a súa decisión.

E neste punto cómpre argumentar cál é o elemento clave sobre o que descansa a cuestión. E aquí hai que advertir que é ineludible o mantemento da organización empresarial, competitiva e eficaz, nun sector tan sensible ás demandas e hábitos do consumidor, pois é ocioso significar que estamos ante empresas que deben dar resposta inmediata ás necesidades de quen demanda os productos fabricados. A necesidade organizativa, económica, productiva convértese, pois, en determinante da solución arbitral.

Pero tamén o é que desde as primeiras regulacións do descanso dominical en 1931, os traballadores, aínda que cada vez en menor medida, veñen desfrutando do domingo como día incluído preferentemente no descanso semanal. As normas que as últimas dúas décadas veñen regulando o descanso semanal, tanto legais coma convencionais, recollen estas necesidades que a propia realidade productiva esixe, intentando compatibilizar solucións productivas e dereitos en materia de descanso; o que tratará o árbitro de dar na súa solución é precisamente este achegamento entre a realidade económico-productiva e os límites que o noso sistema laboral produce en relación ó tamén necesario sistema de descanso semanal, que cultura, costume e tempo identifica co domingo.

Virarán, pois, os eixes argumentais da decisión arbitral arredor da liberalización da apertura e dun ineludible, como dereito esixible, sistema de límites que teña en conta a realidade do descanso.

Considerando suficientemente motivada a decisión en equidade que require o conflicto de intereses formulado, resolvo a cuestión dictando o seguinte

laude conforme o capítulo 3º do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, efectuándose no prazo sinalado no pr. 2 do artigo 24 do dito acordo:

Unico.-O convenio colectivo en negociación para 1997 deberá recoller que as empresas incluídas no ámbito de aplicación do convenio colectivo provincial de industrias de panificación de Pontevedra teñen a facultade de proceder á apertura en domingo.

Os traballadores terán o dereito, como mínimo, ó descanso semanal dous domingos cada mes, desfrutados de xeito alterno con respecto ós outros días de descanso semanal en cada mes natural substitutivos do domingo, e percibirán un plus por prestación de servicio en domingo do 100% do salario diario ordinario incluíndo tódolos conceptos. Con efectos económicos do 1 de xaneiro de 1997.

O presente laudo poderá ser recorrido perante a xurisdicción social nos termos establecidos no pr. 4 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo, 2 de xaneiro de 1998.

O árbitro

Rubricado