Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Luns, 09 de febreiro de 1998 Páx. 1.214

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 1997 pola que se fai pública a encomenda ós xefes dos servicios territoriais de Augas de Galicia de funcións en materia de policía de augas.

A Lei 8/1993, do 23 de xuño, no seu artigo 7.2 atribúe á competencia da Administración hidráulica o exercicio de funcións de policía de augas no ámbito territorial das concas hidrográficas internas de Galicia, funcións nas que os actos resolutorios se lle encomendan ó presidente do organismo autónomo Augas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 12.a) da mesma lei, logo da tramitación dos correspondentes expedientes por conta do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, segundo preveñen as letras c) e h) do artigo 41.1 do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, de aprobación do Regulamento do organismo autónomo Augas de Galicia.

Por outra parte, o artigo 43.1 do mencionado Decreto 108/1996 confire ós servicios territoriais de Augas de Galicia, dependentes do dito departamento de xestión do dominio público hidráulico, a tramitación daqueles expedientes e o desenvolvemento das funcións que lles sexan encomendados pola presidencia do organismo.

Considerando que a fase inicial das actuacións de policía de augas e, en xeral, de todas aquelas tendentes á tutela e defensa do dominio público hidráulico, se exercen coa maior eficiencia a través dos órganos administrativos máis próximos ó territorio, como son os servicios territoriais de Augas de Galicia.

Así mesmo, a nosa lexislación, no artigo 12 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como os principios informadores do procedemento sancionador establecidos no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, prevé a posibilidade de que os órganos periféricos realicen unha serie de funcións coa maior eficiencia.

Na súa virtude, e de acordo co disposto no artigo 12.c da Lei 8/1993, e no artigo 43.1 do Decreto 108/1996,

RESOLVO:

1. Ós xefes dos servicios territoriais de Augas de Galicia correspondentes ás demarcacións de Galicia-Norte, Galicia-Centro e Galicia-Sur correspóndelle-lo exercicio das seguintes funcións:

a) A incoación, mediante a autorización de sinatura desta presidencia, que se outorga pola presente resolución, de tódolos expedientes sancionadores en materia de dominio público hidráulico e, en particular, aqueles concernentes a vertidos de augas

residuais en condicións inadecuadas, relativos ás infraccións tipificadas na vixente normativa de augas que se produzan en cada un dos respectivos ámbitos territoriais definidos no artigo 6.2 do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro, polo que se aproba o regulamento deste organismo.

b) O nomeamento dos instructores dos referidos expedientes, que deberán tramitalos ata a proposta de resolución.

c) A expedición dos requerimentos e a tramitación ata a proposta de resolución dos expedientes de imposición de multas coercitivas naqueles casos previstos nos artigos 110 e 111 da Lei 29/1985, de augas.

2. Para estes efectos, os membros da gardería fluvial quedan suxeitos funcionalmente ás instruccións que, en cumprimento do sinalado no número anterior, dicten os referidos xefes dos servicios territoriais.

3. Transitoriamente, e mentres non sexa cuberta a praza de xefe do Servicio Territorial de Augas de Galicia correspondente á demarcación de Galicia-Centro, as funcións ás que fai referencia a presente resolución serán asumidas polo xefe do servicio territorial da demarcación Galicia-Norte, agás disposición en contrario desta presidencia.

4. A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento e entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1997.

Emilio García Gallego

Presidente do organismo autónomo Augas de Galicia

717