Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 1998 Páx. 1.149

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa María Elena Isabel Ulloa Fernández de Sanmamed.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa María Elena Isabel Ulloa Fernández de Sanmamed, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-12-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social, polo delegado de persoal o día 12-12-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 29 de decembro de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa María Elena Isabel Ulloa Fernández de Sanmamed

Restaurante Casa Román

Anos 1996/1997/1998

Artigo 1º.-Ámbito persoal e funcional.

O presente convenio seralles de aplicación a tódolos traballadores que presten os seus servicios na empresa María Elena Isabel Ulloa Fernández de Sanmamed.

Artigo 2º.-Vixencia, duración e prórroga.

Este convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996, con independencia da súa publicación no BOP e DOG.

A súa duración será de tres anos, ata o 31 de decembro de 1998.

Poderá ser denunciado por calquera das partes, cun mes de anticipación, como mínimo, á data do seu vencemento. Se non fose denunciado, entenderase prorrogado por períodos dun ano sucesivamente.

No caso de prórroga por un ano, efectuarase un aumento sobre o salario base equivalente ó incremento do IPC.

Artigo 3º.-Compensación e melloras.

As melloras que se implantan neste convenio, así como as que se establezan no sucesivo, serán compensables e absorbibles ata onde alcancen os aumentos, melloras ou condicións superiores de calquera natureza que, fixadas por disposición legal, contrato individual ou concesión voluntaria, se poidan establecer no sucesivo.

Artigo 4º.-Retribucións.

Acórdase un aumento sobre as táboas salariais vixentes o 31 de decembro de 1995 do 3%, para o ano 1996.

Para o ano 1997, un incremento sobre as táboas salariais de 1996 do 3%.

Para o ano 1998, un incremento sobre as táboas salariais de 1997 do 4%.

Na táboa salarial anexa o presente convenio especifícanse os salarios correspondentes ás distintas categorías profesionais para o vindeiro ano 1998.

A quen non faga uso do dereito de manutención incrementaráselle o seu salario mensual, por tal concepto, en 5.593 pesetas mensuais.

Artigo 5º.-Plus de transporte.

Establécese o dito plus, de contía fixa para tódalas categorías profesionais, co obxecto de compensa-los gastos de traslado ata o centro de traballo, segundo figura na táboa anexa en cómputo anual para o ano 1998.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas establecidas neste convenio teñen a condición de mínimas, polo que os actos, cláusulas, condicións e situacións actuais implantadas que impliquen condicións máis beneficiosas que as aquí convidas subsistirán para aqueles traballadores que estivesen a desfrutalas.

Artigo 7º.-Aumento de antigüidade.

Os premios por antigüidade, quedan de acordo coa seguinte escala:

1. Un 4% sobre o salario base ó cumprirse tres anos de servicio efectivo na empresa.

2. Un 9% ós 6 anos.

3. Un 17% ós 9 anos.

4. Un 29% ós 14 anos.

5. Un 41% ós 19 anos.

6. Un 48% ós 24 anos.

A partir dos 25 anos de servicio na empresa aumentarase un 2% anual ata o límite de 40 anos.

A data inicial para a determinación da antigüidade será a de ingreso na empresa, aínda que cambie por ascenso ou por calquera outro motivo de categoría profesional.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días dos salarios base para as distintas categorías establecidas neste convenio, incrementadas coa antigüidade, se é o caso.

No mes de setembro aboarase unha paga extraordinaria consistente en 15 días de salario base e manutención, ademais da antigüidade, se é o caso.

Artigo 9º.-Vacacións.

O período de vacacións para todo o persoal será, como mínimo, de 30 días naturais anuais.

Con independencia das vacacións, os traballadores desfrutarán dos días non laborables legalmente establecidos.

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A duración máxima da xornada de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo.

Artigo 11º.-Dote por matrimonio.

O dote por matrimonio do persoal que contraia matrimonio consistirá no aboamento dun mes de salario base, incrementado coa antigüidade, se é o caso, por cada ano de servicio, cun máximo de seis.

Este dereito afectará unicamente ós traballadores que, ó contraeren matrimonio, rescindan o seu contrato de traballo.

Tanto o persoal masculino como feminino que leve un ano de servicio na empresa e contraia matrimonio continuando nela percibirá, en concepto de dote, una mensualidade do salario base máis a antigüidade, se é o caso.

No suposto de que o dito persoal non permanecese na empresa un ano máis a partir da data do matrimonio, descontaráselle na liquidación que lle corresponda, a cantidade que percibise por tal concepto.

Artigo 12º.-Premio por natalidade.

Establécese un premio de 10.000 pesetas por fillo nacido, para o pai ou a nai que leve, polo menos, un ano ó servicio da empresa. Se ambos traballasen nela, só terá dereito a percibilo un deles.

Artigo 13º.-Póliza de seguros de accidentes persoais.

Todo traballador goza dunha cobertura por accidentes persoais consistente nunha póliza de seguros que garante unha suma de 2.000.000 de pesetas para o caso de falecemento e de 4.000.000 de pesetas por invalidez permanente.

Artigo 14º.-Licencias.

Sen perda de ningunha retribución, a empresa concederá licencias nos casos seguintes e coa duración de:

1. 15 días por matrimonio do traballador.

2. 4 días, por enfermidade grave do cónxuxe, pais, fillos e familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

3. 4 días por parto da esposa.

4. 4 días pola morte do cónxuxe, pais, fillos ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

5. 1 día (se é dentro da provincia) ou 3 días (se é fóra dela), respecto da voda de fillos ou irmáns e bautizos e primeiras comunións destes.

6. 4 días en caso de intervención cirúrxica grave do pai, nai, fillos, esposa ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

7. 1 día por traslado do domicilio habitual.

Artigo 15º.-Excedencias.

O traballador cunha antigüidade na empresa de, polo menos, un ano, terá dereito a que se lle recoñeza a situación de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos, sen que, en ningún caso, se poida producir tal situación nos contratos de duración determinada.

O traballador deberá reuni-las condicións seguintes:

a) Contar cunha antigüidade na empresa superior a un ano. A concesión outorgarase dentro do prazo dun mes a partir da data da súa petición.

b) A excedencia terá unha duración mínima de seis meses e máxima de 5 anos, concedéndose polo tempo solicitado.

c) O traballador que se desexe incorporar ó seu posto de traballo notificarallo á empresa cun mes de anticipación á data en que expire o prazo.

d) Perderá o dereito á incorporación ó seu posto de traballo todo aquel excedente que en tal período de tempo presete servicios por conta allea, en calquera posto de traballo dentro do territorio nacional en empresas comprendidas na ordenanza nacional de traballo de hostelería.

e) Se a empresa lle dese emprego a outro traballador para substituí-lo excedente, aquel terá a condición de interino, causando baixa ó se reincorpora-lo substituído. Se este non se incorporase no prazo e condicións sinaladas, cesaría definitivamente na empresa e o interino adquiriría a condición de fixo.

f) Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os fillos sucesivos darán dereito aun novo período de excedencia que, se é o caso, poría fin á que estivese desfrutando. Cando a nai e o pai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

g) Así mesmo, podera solicita-la situación de excedencia os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior e mentres dure o exercicio do seu mandato.

h) Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o traballador deberá cubrir un novo período de, polo menos, catro anos de servicios efectivos na empresa.

i) A excedencia concederase sen dereito ningún a retribución e o tempo que dure non será computable para ningún efecto.

Artigo 16º.-Servicio militar ou civil substitutorio.

Os traballadores cunha antigüidade mínima dun ano que se tivesen que incorporar ó servicio militar terán reservado o seu posto de traballo e se deberán reintegrar durante os dous meses seguinte á data do seu licenciamento.

Os traballadores que leven dous anos na empresa ou tres temporadas de verán ou inverno consecutivamente terán dereito a percibir dúas gratificacións extraordinarias, unha no verán (no mes de xullo) e outra no inverno (no mes de decembro) da mesma contía que a que percibirían se se encontrasen en activo. Estas gratificacións cobraranse con independencia das cantidades que os traballadores tivesen percibido en concepto de liquidación das partes proporcionais das pagas extraordinarias ó se incorporaren ó servicio.

Artigo 17º.-Complemento por enfermidade ou accidente.

No caso de enfermidade ou accidente, a empresa incrementará as prestacións da Seguridade Social ata o 100% do salario base máis a antigüidade e a manutención, se é o caso. Esta prestación manterase por un período máximo de 12 meses.

Así mesmo, os períodos de enfermidade ou accidente de traballo non se terán en conta para deducir do período de vacacións.

Artigo 18º.-Premio de xubilación e auxilio de defunción.

En caso de falecemento do traballador ou traballadora, concederáselle á viúva, viúvo ou fillo un auxilio de defunción na seguinte contía e forma:

1. Por 5 anos de servicio, unha mensualidade.

2. Por 10 anos de servicio, dúas mensualidades.

3. Por 20 anos de servicio, tres mensualidades.

4. Por 25 anos de servicio, catro mensualidades.

Ó persoal que non leve os 5 anos de servicio na empresa pagaráselle a parte proporcional ó tempo traballado na contía de 6 días por ano de servicio.

Ó producirse a xubilación dun traballador que leve como mínimo 15 anos de servicio na empresa, percibirá dúas mensualidades, incrementadas con tódolos emolumentos inherentes a elas e unha mensualidade máis por cada 5 anos que exceda dos 15 de referencia.

Artigo 19º.-Prazos de previo aviso.

Os prazos de aviso previo nos casos de cesamentos voluntarios dos traballadores serán de 20 días para o xefe de cociña e de 10 días para o resto do persoal.

O incumprimento destes prazos por parte dos traballadores dará lugar á perda do que lles puidera corresponder polas partes proporcionais de xuño e Nadal.

Artigo 20º.-Día da patrona.

O día 29 de xullo, festividade de Santa Marta, consideraras festivo para os efectos laborais con opción por parte da empresa de podela substituír por pagamento en metálico co fin de mante-lo seu normal funcionamento. A substitución en metálico será a que corresponda ó traballador polo seu salario base máis a antigüidade, se é o caso, sobre unha xornada normal.

Artigo 21º.-Dereitos sindicais.

As garantías sindicais que no artigo 68 do Estatuto dos traballadores se establecen para os delegados de persoal e membros do comité de empresa esténdense ós candidatos a aqueles postos, e durante os seis meses seguintes de celebradas as eleccións ás que se presentaron na súa calidade ou condición de candidatos.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a vixilancia, interpretación, aplicación e arbitraxe deste convenio, crearase unha comisión paritaria integrada por representantes da empresa e traballadores.

Artigo 23º.-Faltas e sancións de traballadores.

A dirección da empresa poderá sanciona-los incumprimentos laborais nos que incorran os traballadores, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen no presente texto.

A valoración de faltas e as correspondentes sancións impostas pola dirección da empresa serán sempre revisables ante a xurisdicción competente, sen prexuízo do seu posible sometemento ós procedementos de mediación ou arbitraxe establecidos ou que puidesen establecerse.

Artigo 24º.-Graduación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador cualificarase como leve, grave ou moi grave, atendendo á súa importancia, transcendencia ou intencionalidade, así como ó factor humano do traballador, as circunstancias concorrentes e a realidade social.

Artigo 25º.-Procedemento sancionador.

A notificación das faltas requirirá comunicación escrita ó traballador, facendo consta-la data e os feitos que a motivan este deberá notifica-la recepción ou asinar a comunicación, dándose por informado.

As sancións que na orde laboral poidan imporse enténdense sempre sen prexuízo das posibles actuacións noutras ordes ou instancias.

Artigo 26º.-Faltas leves.

Serán faltas leves:

1. As de descoido, erro ou demora na execución de calquera traballo que non produza perturbación importante no servicio encomendado, caso no que será cualificada como falta grave.

2. Dunha a tres faltas de puntualidade inxustificada na incorporación ó traballo, inferior a trinta minutos, durante o período dun mes, sempre que

destes atrasos non se deriven graves prexuízos para o traballo ou obrigas que a empresa lle teña encomendadas, caso no que será cualificada como falta grave.

3. Non comunicarlle á empresa coa maior celeridade posible o feito ou motivo da ausencia ó traballo, cando obedeza a razóns de incapacidade temporal ou outro motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de efectualo, sen prexuízo de presentar no tempo oportuno os xustificantes de tal ausencia.

4. O abandono sen causa xustificada do traballo, aínda que sexa por breve tempo ou rematalo anticipadamente, cunha antelación inferior a trinta minutos, sempre que destas ausencias non se deriven graves prexuízos para o traballo, caso no que se considerará falta grave.

5. Pequenos descoidos na conservación dos xéneros ou do material.

6. Non comunicarlle á empresa calquera cambio de domicilio.

7. As discusións con outros traballadores dentro das dependencias da empresa, sempre que non sexan en presencia de público.

8. Leva-lo uniforme ou roupa de traballo esixida pola empresa de xeito descoidado.

9. A falta de aseo ocasional durante o servicio.

10. Falta un día ó traballo sen a debida autorización ou causa xustificada, sempre que desta ausencia non se deriven graves prexuízos na prestación do servicio.

Artigo 27º.-Faltas graves.

Serán faltas graves:

1. Máis de tres faltas inxustificadas de puntualidade na incorporación ó traballo, cometidas no período dun mes, ou ben unha soa falta de puntualidade da que se deriven graves prexuízos ou trastornos para o traballo, considerándose como tal a que provoque atraso no inicio dun servicio ó público.

2. Faltar dous días ó traballo durante un período dun mes sen autorización ou causa xustificada, sempre que destas ausencias se deriven graves prexuízos na prestación do servicio.

3. O abandono do traballo ou remate anticipado, sen causa xustificada, por tempo superior a trinta minutos, entre unha e tres ocasións ó mes.

4. Non comunicar coa puntualidade debida as modificacións dos datos dos familiares a cargo, que poidan afecta-la empresa para efectos de retencións fiscais ou outras obrigas empresariais. A mala fe nestes actos determinaría a cualificación como falta moi grave.

5. Entregarse a calquera tipo de xogos estando de servicio.

6. A simulación de enfermidade ou accidente alegada para xustificar un atraso, abandono ou falta ó traballo.

7. O incumprimento das ordes e instruccións da empresa, ou persoal delegado desta, no exercicio regular das súas facultades directivas. Se este incumprimento fose reiterado, implicase quebranto manifesto para o traballo ou del se derivase prexuízo notorio para a empresa ou outros traballadores, podería ser cualificada como falta moi grave.

8. Descoido importante na conservación dos xéneros ou artigos e materiais do correspondente establecemento.

9. Simula-la presencia doutro traballador, fichando ou asinando por el.

10. Provocar e/ou manter discusións con outros traballadores en presencia do público ou que transcenda a este.

11. Empregar para uso propio artigos, utensilios e roupas da empresa ou extraelos das dependencias dela, a non ser que exista autorización.

12. A embriaguez ou consumo de drogas durante o horario de traballo ou fóra del, vestindo uniforme da empresa. Se as ditas circunstancias son reiteradas, poderá ser cualificada de falta moi grave, sempre que mediase advertencia ou sanción.

13. A inobservancia durante o servicio da uniformidade ou roupa de traballo esixida pola empresa.

14. Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debidas, sempre que a dita conducta non se derive un especial prexuízo para a empresa ou traballadores, caso no que se cualificará como falta moi grave.

15. Non cumprir coas instruccións da empresa en materia de servicio, forma de efectualo ou non cubri-los partes de traballo ou outros impresos requiridos. A reiteración desta conducta considerarase falta moi grave, sempre que mediase advertencia ou sanción.

16. A inobservancia das obrigas derivadas das normas de seguridade e saúde no traballo, manipulación de alimentos ou outras medidas administrativas que sexan de aplicación ó traballo que se realiza na actividade de hostelería e, en particular, todas aquelas sobre protección e prevención de riscos laborais.

17. A imprudencia durante o traballo que puidese implicar risco de accidentes para si, para outros traballadores ou terceiras persoas ou risco de avaría ou dano material das instalacións da empresa. A reiteración en tales imprudencias poderase cualificar como falta moi grave sempre que mediase advertencia ou sanción.

18. O uso de palabras irrespetuosas e inxuriosas de forma habitual durante o servicio.

19. A falta de aseo ou limpeza, sempre que mediase advertencia ou sanción e sexa de tal índole que produza queixas xustificadas dos traballadores ou do público.

20. A reincidencia en faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando advertencia ou sanción.

Artigo 28º.-Faltas moi graves.

Serán faltas moi graves:

1. Tres ou máis faltas de asistencia ó traballo sen xustificar, no período dun mes, dez faltas de asistencia no período de seis meses ou vinte durante un ano.

2. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como no trato cos outros traballadores ou calquera outra persoa ó servicio da empresa en relación de traballo con esta, ou facer, nas instalacións da empresa, negociacións de comercio ou industria por conta propia ou doutra persoa sen expresa autorización daquela.

3. Facer desaparecer, inutilizar ou causar desperfectos en materiais, utensilios, ferramentas, aparellos, instalacións, edificios, enxoval e documentos da empresa.

4. O roubo, furto ou malversación cometidos dentro da empresa.

5. Viola-lo segredo da correspondencia, documentos ou datos reservados da empresa, ou revelar a persoas estrañas a ela o contido destes.

6. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave ó respecto e consideración ó empresario, persoas delegadas por este, así como demais traballadores e público en xeral.

7. A diminución voluntaria e continuada no rendemento de traballo normal ou pactado.

8. Provocar ou orixinar frecuentes rifas e liortas cos demais traballadores.

9. A simulación de enfermidade ou accidentes alegada polo traballador para non asistir ó traballo, entendéndose como tal cando o traballador na situación de incapacidade temporal realice traballos de calquera tipo por conta propia ou allea, así como toda a manipulación, engano ou conducta persoal incosecuente que leve consigo unha prolongación da situación de baixa.

10. Os danos e perdas causados ás persoas, incluíndo o propio traballador, á empresa ou ás súas instalacións, persoas, pola inobservancia das medidas sobre prevención e protección de seguridade no traballo facilitadas pola empresa.

11. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dun período de seis meses desde a primeira e fose advertida ou sancionada.

12. Todo comportamento ou conducta no ámbito laboral que atente contra o respecto á intimidade e dignidade da muller ou do home, mediante a ofensa física ou verbal de carácter sexual. Se tal conducta ou comportamento se leva a cabo valéndose dunha condición xerárquica, suporá unha circunstancia agravante daquela.

Artigo 29º.-Clases de sancións.

A empresa poderá aplicarlles ás faltas moi graves calquera das sancións previstas neste artigo e ás graves, as previstas nos apartados A) e B).

As sancións máximas que poderán imporse en cada caso, en función da graduación da falta, serán as seguintes:

A) Por faltas leves:

1. Amoestación.

2. Suspensión de emprego e soldo ata dous días.

B) Por faltas graves:

1. Suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

C) Por faltas moi graves:

1. Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días.

2. Despedimento disciplinario.

Artigo 30º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte e as moi graves ós sesenta, a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se cometeren.

ANEXO

Táboa de retribucións ano 1998

Categorías profesionaisSalario basePlus anoTotal transporteAno

Persoal de administración:
Adxunto xerencia114.0111.653.26081.9921.735.152
Auxiliar administrativo102.9781.493.18181.9921.575.173

Persoal de cociña:
Xefe cociña102.9781.493.18181.9921.575.173
2º xefe cociña101.7451.475.30381.9921.557.295
Cociñeiro100.2781.454.03181.9921.536.023
Axudante cociña100.2781.454.03181.9921.536.023
Aprendiz77.7361.127.17281.9921.209.164
Fregadora100.6981.460.12181.9921.542.113

Persoal de comedor:
Xefe comedor104.1681.510.43681.9921.592.428
2º xefe comedor102.4521.485.55481.9921.567.546
Camareiro102.9781.493.18181.9921.557.295
Aprendiz77.7361.127.17281.9921.209.164

626