Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 1998 Páx. 1.138

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 37/1998, do 30 de xaneiro, polo que se crea a Comisión de Selección de Investigación.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 27.19, recoñécelle á nosa Comunidade Autónoma a competencia exclusiva de fomento da investigación.

Como consecuencia da nova configuración dos departamentos que integran a Xunta de Galicia establecida polo Decreto 347/1997, do 9 de decembro, e polo Decreto 350/1997, do 10 de decembro, polo que se determinan os centros directivos dependentes directamente da Presidencia da Xunta de Galicia, creouse, entre estes, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento que asumiu polo Decreto 12/1998, do 8 de xaneiro, as competencias en materia de fomento da investigación.

En virtude destas competencias a Consellería da Presidencia e Administración Pública, a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, convocará anualmente diversas accións destinadas á promoción xeral da investigación na Comunidade Autónoma.

Estas accións, equiparables ás que realizan outros organismos nacionais e internacionais, esixen que a valoración das solicitudes sexa realizada por unha comisión nomeada publicamente e con competencias para proceder á avaliación e selección das diferentes peticións recibidas, así como para elaborar propostas de distribución dos recursos dispoñibles.

Polo que antecede, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do Conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Comisión de Selección de Investigación dependente da Consellería da Presidencia e Administración Pública, a través da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Artigo 2º

A Comisión de Selección de Investigación estará integrada por un presidente e o número de vocais que se determine regulamentariamente, designados entre persoal investigador que teña rango académico de doutor e de recoñecido prestixio no seu ámbito, tendo en conta os diversos ámbitos de investigación no que se oferten accións nas diferentes convoca

torias. Actuará como secretario da comisión un funcionario da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Todos eles serán nomeados por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, por proposta do secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Artigo 3º

Son funcións da Comisión de Selección de Investigación:

a) Elaborar propostas de resolución de tódalas convocatorias de axudas que realice a Consellería da Presidencia e Administración Pública para promoción xeral do coñecemento e do persoal investigador da nosa Comunidade Autónoma.

b) Elaborar tódolos informes que en materia de investigación lle solicite a Consellería da Presidencia e Administración Pública para as súas accións.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 160/1991, do 16 de maio, polo que se crea a Comisión de Selección de Política Científica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o cumprimento e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

668