Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 1998 Páx. 701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector de hospitalización e internamento, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-12-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Sanatorios e Clínicas, e da parte social, pola central sindical CIG con data do 12-11-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 10 de decembro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para o sector de hospitalización e internamento da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas deste convenio rexerán en todo o territorio da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Para os efectos previstos no artigo anterior, regula as relacións de traballo entre as empresas ou establecementos sanitarios destinados á hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas, sexa cal for a norma adoptada tanto na súa constitución como no seu nome, e o persoal que con eles preste os seus servicios e está abranguido no campo de aplicación da Ordenanza laboral de hospitalización, consulta e asistencia, aprobada pola OM do 25 de novembro de 1976.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de tres anos contados desde o 1 de xaneiro de 1996 e rematará os seus efectos o 31 de decembro de 1998.

Entrará en vigor ós quince días do asinamento, se ben os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1996. Todo isto sen prexuízo de que o establecido para a supresión da antigüidade e a duración dos contratos acumulados de tarefas, nos artigos 9º e 24º, respectivamente, do presente convenio, terá efectos do 30 de xuño de 1997.

Entenderase prorrogado por períodos anuais, agás denuncia por unha das partes, cunha antelación mínima de tres meses á data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións económicas establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto, poderán ser compensadas nas xa existentes no momento da súa entrada en vigor.

Non poderá ser absorbido ningún complemento salarial que figure no recibo oficial de salarios.

Así mesmo, poderán ser absorbidos por calquera outra condición superior que, fixada por disposición legal, convenio colectivo, etc. puidese aplicarse no sucesivo.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador concedida pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

Todo o persoal afectado por este convenio aterase ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais ó respecto.

A xornada anual será de 1.819 horas e 30 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo anual mencionado.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Procurarase efectua-las horas mínimas extras indispensables e, en todo caso, cos límites que determina o Estatuto dos traballadores.

En cada empresa, empresario e traballadores poderán pactar que as horas extraordinarias se aboen na contía determinada na lexislación laboral vixente ou a súa compensación por tempo de descanso, de acordo co previsto no Real decreto 2001/1983.

Artigo 8º.-Remuneracións.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, deberán rexerse para os anos da súa vixencia polas táboas salariais anexas.

Artigo 9º.-Compensación pola supresión da antigüidade.

As partes asinantes do presente convenio acordan a supresión definitiva do concepto e tratamento do complemento persoal de antigüidade, tanto nos seus aspectos normativos como retributivos.

Como consecuencia do dito acordo asumen, así mesmo, ámbalas partes e como contrapartida os seguintes compromisos:

a) Os traballadores manterán e consolidarán os importes ós que tivesen dereito, polo complemento persoal de antigüidade, o 30 de xuño de 1997. Os ditos importes manteranse como un complemento retributivo ad personam, extinguíndose xuntamente coa extinción do contrato do traballador afectado coa súa empresa. O dito complemento retributivo ad personam reflectirase nos recibos oficiais de salario coa denominación de antigüidade consolidada.

b) Para compensa-la desaparición do complemento de antigüidade nos termos citados aplicarase:

1) A todo o persoal afectado por este convenio que adquirise o dereito o 30 de xuño de 1997 a percibir un premio de antigüidade de acordo coa condición do anterior convenio, un incremento lineal de 20.000 ptas. ó mes, para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos do seguinte xeito:

-Ano 1998: 3.000 ptas. ó mes.

-Ano 1999: 3.000 ptas. ó mes.

-Ano 2000: 4.000 ptas. ó mes.

-Ano 2001: 5.000 ptas. ó mes.

-Ano 2002: 5.000 ptas. ó mes.

2) A todo o persoal afectado por este convenio, con contrato fixo do 30 de xuño de 1997 e que ata a dita data non adquirese o dereito a percibir un premio de antigüidade de acordo coas condicións do anterior convenio, un incremento lineal de 10.000 ptas. ó mes para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos do seguinte xeito:

-Ano 1998: 1.500 ptas. ó mes.

-Ano 1999: 1.500 ptas. ó mes.

-Ano 2000: 2.000 ptas. ó mes.

-Ano 2001: 2.500 ptas. ó mes.

-Ano 2002: 2.500 ptas. ó mes.

Ademais terán dereito a recibi-lo importe equivalente á parte proporcional da antigüidade que o traballador devengase e non cobrase na data do 30 de xuño de 1997, e que terán a consideración de antigüidade consolidada de acordo co apartado (a) deste mesmo artigo.

3) A todo o persoal afectado por este convenio, que antes do 30 de xuño de 1997 estivese ocupando un posto de traballo, baixo unha modalidade contractual temporal e ó que posteriormente se lle transformase o contrato en fixo, un incremento lineal de 10.000 ptas. ó mes para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos do seguinte xeito:

-Ano 1998: 1.500 ptas. ó mes.

-Ano 1999: 1.500 ptas. ó mes.

-Ano 2000: 2.000 ptas. ó mes.

-Ano 2001: 2.500 ptas. ó mes.

-Ano 2002: 2.500 ptas. ó mes.

c) O período de cobro da compensación para o ano 1998 comeza o 1 de agosto dese mesmo ano.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal consistirán, cada unha delas, nunha mensualidade do salario base, incrementado coa antigüidade recoñecida.

Artigo 11º.-Complemento de postos de traballo, plus de toxicidade.

En razón da maior especialidade, toxicidade, perigosidade ou penosidade, establécese un complemento retributivo equivalente a un 20% sobre o salario base do convenio, en favor do persoal sanitario dos grupos I, II e III que establece a ordenanza laboral, o cal desempeña posto de traballo nalgunha das seguintes seccións ou departamentos: quirófanos, radioterapia, radioelectroloxía, medicina nuclear, laboratorio de análises, unidades de coidados intensivos, psiquiatría, ril artificial, bacteroloxía ou pavillón de enfermidades infecto-contaxiosas.

Artigo 12º.-Plus de nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade na contía do 25% sobre o salario base de cada traballador, o cal se percibirá sobre as horas traballadas de noite, entendéndose ó respecto como xornada nocturna a abranguida entre as 22 e as 8 horas.

Artigo 13º.-Plus de posto de traballo.

Tódolos traballadores que presten servicios en centros hospitalarios cun número de camas superior a 300, percibirán un plus de traballo de 9.000 ptas. mensuais, que se aboarán igualmente nas pagas extraordinarias de xullo e Nadal.

Artigo 14º.-Plus de transporte.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un plus de transporte que consistirá na contía de 225 ptas. por día efectivo de traballo.

Artigo 15º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a un período de vacacións anuais dun mes natural de vacacións retribuídas. No caso de que non desfrutasen o dito período de forma continuada, terán dereito a 30 días naturais.

As vacacións desfrutaranse preferentemente durante o período de abril a setembro (ámbolos dous incluídos).

En cada empresa establecerase unha orde rotativa de preferencia, de tal xeito que un traballador que un ano foi o primeiro á hora de elixir quenda, pasa a se-lo último no ano seguinte.

Artigo 16º.-Licencias e permisos.

Os permisos retribuídos a que teñen dereito os traballadores serán os seguintes:

a) No caso de falecemento de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade, e parellas de feito debidamente documentadas establécese en función do lugar no que ocorra o óbito: 3 días se ocorre na localidade ou provincia, 4 fóra da provincia de Pontevedra e 5 fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) En caso de enfermidade grave, debidamente acreditada, das persoas do apartado anterior, tanto parentes como as parellas de feito debidamente documentadas, en función do lugar no que suceda o feito: 3 días se ocorre dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e 5 días se sucede fóra.

c) En caso de intervención cirúrxica das persoas do apartado (a), coa debida xustificación, 2 días naturais.

d) Por matrimonio, 15 días naturais.

e) Por razón de parto de esposa, 3 días naturais.

f) Por cambio de domicilio, 2 días naturais.

Os ditos permisos serán retribuídos e en ningún caso poderán ser descontados das vacacións correspondentes nin concedidas recentemente.

Artigo 17º.-Aviso previo para o cerramento.

Observarase o que establece a ordenanza aplicable e o Estatuto dos traballadores.

Artigo 18º.-Excedencia por maternidade.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo contado desde a data do nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que estivese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Os traballadores terán, neste caso, dereito á reincorporación ó posto de traballo reservado, sempre que o soliciten cunha atención de 30 días ó remate da excedencia.

Artigo 19º.-Permiso oficial non retribuído.

A empresa concederá un permiso non retribuído ata un máximo de 7 días ó ano a aqueles traballadores que o soliciten por escrito xustificadamente, cunha antelación polo menos dunha semana.

Artigo 20º.-Incapacidade laboral transitoria.

As empresas complementarán ata o 100% do salario as prestacións económicas derivadas de accidente laboral.

Artigo 21º.-Revisións médicas.

A todo o persoal afectado por este convenio efectuaráselle un recoñecemento médico anual obrigatoriamente e unha revisión xinecolóxica voluntaria cada seis meses ó persoal feminino logo de negociación, en ámbolos casos, entre o comité de empresa ou delegados de persoal e a dirección do centro para a elección do lugar no que se teña que realiza-la revisión indicada.

Artigo 22º.-Xubilación.

As empresas e os traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, e as empresas deberán substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 23º.-Formación e promoción profesional.

As empresas facilitarán os medios e colaboración na formación e promoción profesional do persoal afecto ós seus centros dentro das dispoñibilidades deles e fóra das horas de traballo.

Artigo 24º.-Contrato por acumulación de tarefas.

Segundo o establecido no artigo 15.1º.b) do Estatuto dos traballadores (modificado polo Real decreto lei 8/1997, do 16 de maio), os contratos de duración determinada por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderán ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Os contratos acollidos a esta modalidade e vixentes na data do 30 de xuño de 1997 poderán prorroga-la súa duración ata o máximo de 13 meses e medio, de acordo co establecido no parágrafo anterior.

Artigo 25º.-Período de proba.

De acordo co establecido no artigo 14 do Estatuto dos traballadores, o período de proba non poderá exceder de 6 meses para os técnicos titulados e 2 meses para o resto dos traballadores.

Artigo 26º.-Dereito de reunión.

Fíxase un tempo de 12 horas retribuídas ó ano para a celebración de asembleas, comprometéndose os representantes legais dos traballadores a garanti-lo funcionamento dos servicios imprescindibles, os cales serán determinados entre estes e a dirección.

Deberán observarse as normas previstas no Estatuto dos traballadores e concretamente as que se indican a seguir.

De conformidade co disposto no artigo 4 desta lei, os traballadores dunha mesma empresa ou centro de traballo teñen dereito a reunirse en asemblea.

A asemblea poderá estar convocada polos delegados de persoal, o comité de empresa ou centro de traballo, ou por un número de traballadores non inferior ó 33% do cadro de persoal. A asemblea será presidida, en todo caso, polo comité de empresa ou polos delegados de persoal mancomunadamente, que serán responsables do seu normal desenvolvemento, así como da presencia na asemblea de persoas non pertencentes á empresa. Só poderán tratarse nela asuntos que figuren previamente incluídos na orde do día. A presidencia comunicaralle ó empresario a convocatoria e os nomes das persoas non pertencentes á empresa que vaian asistir á asemblea e acordará con este as medidas oportunas para evitar prexuízos na actividade normal da empresa.

Cando por traballar en quendas por insuficiencia dos locais ou por calquera outra circunstancia non poida reunirse simultaneamente todo o cadro de persoal, sen prexuízo ou alteración no normal desenvolvemento da producción, as diversas reunións parciais que teñan que celebrarse consideraranse como unha soa e datadas no día da primeira.

O lugar de reunión será o centro de traballo, se as condicións deste o permiten.

O empresario deberá facilita-lo centro de traballo para a celebración da asemblea, agás nos seguintes casos:

a) Se non se cumpren as disposicións desta lei.

b) Se transcorresen menos de dous meses desde a última reunión celebrada.

c) Se aínda non se resarcise ou afianzase o resarcimento polos danos producidos en alteracións ocorridas nalgunha reunión anterior.

d) Peche legal da empresa.

As reunións informativas sobre convenios colectivos que lles sexan de aplicación non estarán afectadas polo apartado (b).

A convocatoria, con expresión da orde do día proposta polos convocantes, comunicaráselle ó empresario con corenta e oito horas de antelación, como mínimo, debendo este xustifica-la recepción.

Cando se someta á asemblea por parte dos convocantes a adopción de acordos que afecten ó conxunto dos traballadores, requirirase para a validez daqueles o voto favorable persoal, libre, directo e secreto, incluído o voto por correo, da metade máis un dos traballadores da empresa ou centro de traballo.

As empresas ou centro de traballo, sempre que as súas características o permitan, poñerán a disposición dos delegados de persoal ou do comité de empresa un local adecuado no que poidan desenvolve-las súas actividades e comunicarse cos traballadores, así como un ou varios taboleiros de anuncios. As posibles discrepancias serán resoltos pola autoridade, logo do informe da Inspección de Traballo.

Artigo 27º.-Cota sindical.

A requirimento dos traballadores afiliados a algunha das centrais sindicais asinantes, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitiralle á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical á que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente da caixa de aforros ou entidade bancaria á que debe ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións, agás indicación en contrario do traballador, durante períodos dun ano.

Artigo 28º.-Acumulación de horas sindicais.

Os delegados de persoal ou membros do comité de empresa disporán do crédito de horas mensuais retribuídas determinadas pola lei nas empresas estableceranse pactos ou sistemas de acumulación de horas dos distintos representantes dos traballadores, nun ou varios dos compoñentes, sen excede-lo máximo total que determina a lei.

Artigo 29º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán anualmente ós traballadores a roupa necesaria de traballo, coa obriga do seu lavado polo propia empresa.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Créase a comisión paritaria de convenio, que terá as funcións e fins regulados pola normativa vixente, a cal estará presidida polo presidente da comisión deliberadora e estará composta por igual número de vocais representativos dos traballadores e técnicos, por unha parte, e de empresarios por outra; a súa designación concreta recaerá sobre as mesmas persoas e en igual número de vocais titulares que foron nomeados para a negociación deste convenio.

Artigo 31º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio aplicarase o que dispón a ordenanza laboral de hospitalización, consulta e asistencia, Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais de xeral aplicación.

Artigo 32º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio a central sindical CIG (Confederación Intersindical Galega) en representación dos traballadores, e a Asociación Provincial de Empresarios de Sanatorios e Clínicas da provincia de Pontevedra, en representación dos empresarios do sector.

Táboa de salarios para 1996, 1997 e 1998

1996

(Incremento

5%s/1995)

1997

(Incremento

2,5%s/1996)

1998

(Incremento

2,5%s/1997)

Persoal técnico sanitario:
Director técnico131.843135.139138.518
Xefe de servicios119.880122.877125.949
Médico xefe de sección ou adxunto119.009121.984125.034
Médico interno114.047116.898119.821
Farmacéutico114.047116.898119.821
Fisioterapeuta, logopeda104.338106.946109.620
Axudante técnico sanitario100.530103.043105.619
Asistente social100.530103.043105.619
Xefe de enfermería114.047116.898119.821
Auxiliares sanitarios especializados92.28694.59396.958
Persoal subalterno sanitario:
Cuidadores, sanitarios, auxiliares clínica88.47790.68992.956
Auxiliares clínica, menores de 18 anos77.49179.42881.414
Persoal de cociña:
Xefe de cociña96.26098.667101.133
Cociñeiro de primeira93.14995.47897.865
Cociñeiro de segunda89.54791.78694.080
Axudante de cociña86.24688.40290.612
Xefe de economato91.10393.38195.715
Pinches menores de 18 anos75.52777.41579.351
Reposteiro89.83292.07894.380
Fregador/a85.16687.29589.478
Axudante de economato85.16687.29589.478
Persoal de servicios xerais:
Encargada89.54791.78694.080
Subencargada89.54791.78694.080
Pranchadora, costureira, lavandería85.16687.29589.478
Limpadora85.16687.29589.478
Persoal de servicios varios:
Fotógrafo, electricista, conductor, mecánico, xardiñeiro, albanel, pintor, carpinteiro94.79397.16399.592
Peón de xardinería, albanel, etc.85.16687.29589.478
Conserxe89.54791.78694.080
Porteiro85.16687.29589.478
Telefonista86.58288.74790.965
Mozos dos recados menores de 18 anos66.30767.96569.664
Persoal administrativo:
Administrador90.32292.58094.895
Xefe de contabilidade90.32292.58094.895
Oficial administrativo89.64691.88794.184
Auxiliar administrativo85.16687.29589.478
Aspirantes menores de 18 anos75.83777.73379.676
Persoal de pisos:
Camareiras86.33488.49290.705

587