Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Xoves, 22 de xaneiro de 1998 Páx. 552

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 16/1998, do 8 de xaneiro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 4.588 m do predio nomeado Autenín, sito en Forte (Boqueixón), para a construcción dun centro público de educación secundaria.

O Pleno da Corporación municipal de Boqueixón, reunido en sesión celebrada o día 3 de setembro de 1997 acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia, dun terreo de 4.588 m, situado no lugar de Forte, pertencente ó concello de Boqueixón, para a construcción dun centro público de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para dá-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe ó cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Boqueixón acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun terreo de 4.588 m situado no lugar de Forte do Concello de Boqueixón que linda: norte, con pista asfaltada; sur, con terreo municipal; leste, pista asfaltada e oeste, camiño público.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela no tomo 1.071, folio 181 do libro 73, predio nº 8.247, a favor do Concello de Boqueixón.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro público de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á

formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

98-464