Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Venres, 16 de xaneiro de 1998 Páx. 373

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 9/1998, do 8 de xaneiro, polo que se declara 1998 ano de Martín Codax, Mendinho e Johan de Cangas.

Os trobadores Martín Codax, Mendinho e Johan de Cangas, ós que a Real Academia Galega decidiu dedicárlle-lo Día das Letras Galegas de 1998, foron creadores dunha época, a medieval, en que Galicia ocupaba un posto salientable no mundo literario da Romania ata o punto de que a sona dos nosos creadores superaba os límites de Galicia e mesmo de España. Xusto é que se recoñeza esta época de esplendor das nosas letras cunha celebración como a que a Real Academia Galega propón.

Cadra que Martín Codax, Mendinho e Johan de Cangas son autores de fermosísimas cantigas de amigo, especialidade netamente galega dentro da lírica medieval. Aínda que escaso, o seu corpus poético é sumamente interesante e leva sido obxecto de investigacións por parte de especialistas de todo o mundo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Declárase o ano 1998 en Galicia Ano de Martín Codax, Mendinho e Johan de Cangas, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a estes trobadores.

Artigo 2º.-As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra destes tres trobadores galegos do século XIII que tanto contribuíron á grandeza da nosa literatura medieval.

Artigo 3º.-Como testemuño de homenaxe a Martín Codax, Mendinho e Johan de Cangas, a Xunta de Galicia acuñará unha medalla conmemorativa de trescentos exemplares numerados.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

150