Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 1998 Páx. 271

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira Penedo As Seixas.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada por acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 16 de setembro de 1997, do proxecto de explotación da canteira denominada Penedo As Seixas sita no concello de Samos, promovido por Manuel Celeiro Álvarez, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 7 de novembro de 1997.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co

fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

A presente DIA refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación e instalacións comprendidas na área xeográfica que, cunha superficie útil de 42.370 m, vén definida no proxecto de referencia.

Para outras zonas ou áreas que se vaian explotar precisaríase unha nova declaración.

1. Protección das augas.

Considerando que a zona de explotación se atopa situada nunha ladeira que descende cara a unha valgada pola que discorre o río Castelo e dado que os traballos derivados da actividade extractiva poderían afectar ás augas do devandito leito, deberán adoptarse as seguintes medidas:

1.1. O terreo comprendido, dentro da parcela afectada, por debaixo da cota 950 manterase sen explotar, tal e como se deduce do proxecto.

1.2. As augas de escorrentía tanto dos bancos da canteira como das zonas de acumulación de materiais, canalizaranse, xunto coas provintes de calquera labor relacionado directa ou indirectamente coa explotación ás balsas de decantanción previstas, que se deseñarán, construirán e manterán de xeito que a súa profundidade mínima, medida entre sedimentos e lámina de auga, non sexa inferior a 1 m.

1.3. As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ó persoal, deberán ser conducidas a unha fosa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

1.4. Os vertidos líquidos procedentes dos labores de mantemento da maquinaria utilizada tanto no interior da explotación como no transporte exterior do material, serán recollidos por empresa autorizada para o seu envío a centros de tratamento.

2. Protección do solo.

2.1. Co fin de que a terra vexetal extraída, non perda as súas cualidades fisicoquímicas e de capacidade biolóxica, o horizonte vexetal deberá acopiarse en montóns de 2 m de altura máximo e noiros suaves, localizados nas zonas de menor pendente, a salvo de movementos de maquinaria e con foxos de garda que os preserve de escorrentías. Se o seu período de aplicación excede de 6 meses, procederase á súa conservación mediante unha sementeira axeitada de pratenses e engadindo mulch.

2.2. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos adxacentes, ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calquera outro material que se xere na explotación, diferente do entullo xerado na excavación, que se manterán no interior da zona de excavación, dado que no proxecto non se recolle a existencia de escombreiras, prohibíndose de forma específica o seu vertido noutras zonas da parcela ou en terreos alleos a esta, así como en zona de D.P.H. sen autorización expresa do Organismo de Conca.

3. Protección da vexetación.

3.1. Respectarase sistematicamente aquela vexetación que ó atoparse nos límites da explotación sirva como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

4. Restauración.

4.1. A execución do Plan de restauración deberase levar a cabo de xeito progresivo, polo que, acorde co sistema de explotación previsto e co obxecto de acadar unha rápida integración paisaxística dos terreos alterados, procederase no menor tempo posible ó restablecemento dunha cuberta vexetal estable, recuperando e revexetando progresivamente as zonas que deixen de ser afectadas polos labores de extracción.

4.2. Tal e como consta no proxecto, procederase ó recheo dos ocos creados e á remodelación da topografía alterada, de xeito que se axuste o máis posible á natural. O material residual da explotación destinarase á restitución do oco da excavación.

4.3. Dado que pola altitude da zona de explotación, 900-1000 m, non queda suficientemente xustificada a conversión das balsas en lagoas artificiais con implantación de vexetación de ribeira, procederase ó seu recheo, compactación e revexetación coas mesmas especies empregadas na recuperación do resto dos terreos afectados.

4.4. Procederase a recuperar e revexetar con especies autóctonas tódalas superficies que se modifiquen ou se creen, e non só as directamente afectadas polos labores de extracción. No acondicionamento do solo utilizarase, principalmente, a terra vexetal acumulada, e de non ser suficiente, adquirirase terra vexetal procedente de movementos de terra ou acopios autorizados.

4.5. Unha vez rematada a explotación deberanse desmantela-las instalacións adscritas á canteira que puideran ser construídas durante o período de explotación, procedéndose, así mesmo, a pechar e anula-las pistas e camiños propios da actividade, salvo que os fins da propiedade impliquen a necesidade do seu mantenemento.

5. Documentación adicional.

5.1. O promotor remitirá, a través do órgano substantivo, á Comisión Galega do Medio Ambiente, nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificado o contido da presente DIA, os seguintes documentos:

* Prospección arqueolóxica superficial intensiva de tóda a zona directamente afectada pola explotación.

* Cronograma dos traballos de recuperación propostos no estudio.

* No presuposto deberanse definir correctamente as unidades de obra que se van executar e o cálculo do prezo de mercado actual, incluíndo, así mesmo, a valoración das medidas que se deriven da aplicación da presente DIA.

5.2. Así mesmo, e no mes de xaneiro de cada ano natural, un informe, acompañado dunha reportaxe fotográfica, que describa tanto o estado da explotación como das accións de restauración levadas a cabo.

6. Condicións adicionais.

6.1. Para efectos de seguimento da presente DIA, o promotor comunicará ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, o comezo da explotación.

6.2. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do Plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

Este aval será renovado, en función do cumprimento por parte do promotor do Plan de restauración e o Plan de Labores anual.

6.3. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, a empresa promotora, poderá solicitar ó órgano ámbiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentaran graves deficiencias para a súa implantación o implicaran modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao á Comisión Galega do Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois, de serlle enviada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora.

6.4. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

6.5. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, dos labores de restauración previstas, serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.6. O presente acordo, adoptado por esta Comisión, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela.

6.7. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 1997.

José Francisco Alonso Picón

Secretario da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

José Luis Aboal García-Tuñón

Vicepresidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

Presidente en funcións

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto

Do contido dos informes recibidos destácanse as seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Industria informa favorablemente o estudio ambiental presentado establecendo, non obstante, as seguintes condicións:

* A rehabilitación morfolóxica será o máis próxima posible á actual, empregando os propios estériles producidos na explotación.

* Os niveis de emisión de partículas sólidas non sobrepasarán os límites establecidos no Decreto 833/1975. Regaranse regularmente as pistas e superficies utilizadas. A composición dos gases dos motores de combustión interna deberá axustarse ós valores regulamentados. A velocidade da maquinaria móbil, dentro da explotación, non sobrepasará os 15 Qm/h.

* No referente as pistas e vías, e en canto ás condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC 07.1.03.

* Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes. Os aceites usados deberán entregarse a un xestor autorizado.

* O promotor queda obrigado a comunicar ó órgano competente a existencia de calquera indicio de interese arqueolóxico localizado durante os traballos de explotación.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo lembra que a plena legalidade da actividade solicitada require a autorización previa do órgano autonómico competente en materia urbanística, de acordo coa lexislación vixente.

A Dirección Xeral de Montes e M.A.N. informa desfavorablemente o documento de EEA con base a inconcrecións documentais que considera presenta o mesmo estudio.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural solicita con carácter xeralista a realización dunha prospección arqueolóxica dos terreos afectados.

10352