Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 08 de xaneiro de 1998 Páx. 180

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE GONDOMAR

BASES para a cobertura dunha praza de axudante.

Primeiro.-É obxecto da convocatoria a cobertura dunha praza vacante de axudante (servicios múltiples) incluída no cadro de persoal do exercicio de 1997 aprobada polo Concello de Gondomar

correspondente á escala de administración especial, subescala servicios especiais, categoría axudante do grupo E.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

1. Ser español, maior de idade, sen exceder de cincuenta e cinco anos na data en que remate o prazo para a presentación de instancias.

2. Non padecer enfermidade nin defecto físico que impida o normal desenvolvemento da función.

3. Estar en posesión do título de estudios primarios ou equivalente.

4. Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

5. Non estar incurso en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade previstas na lexislación vixente.

Terceira.-Instancias.

As instancias nas que se solicite tomar parte no proceso selectivo presentaranse no rexistro xeral do concello, debidamente reintegradas, no prazo de vinte días naturais a partir da aparición do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado, podendo tamén presentarse do xeito previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Nas instancias os interesados manifestarán que reúnen todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda da convocatoria, debendo xunta-lo xustificante do ingreso dos dereitos de exame que se fixan en 2.000 pesetas.

Xunto coas instancias, os aspirantes deberán presenta-la documentación acreditativa dos méritos que aleguen para optar á puntuación na fase de concurso, se é o caso. Non se terán en conta aqueles méritos que non aparezan suficientemente documentados.

Cuarta.-Admisión dos aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o alcalde aprobará a lista de admitidos, notificándolles ós excluídos a causa da súa exclusión para o obxecto de que poidan reclamar contra esta no prazo de dez días.

Quinta.-Tribunal cualificador.

Estará integrado do seguinte xeito:

Presidente: o alcalde ou concelleiro en quen delegue.

Secretaria: a do concello ou funcionario en quen delegue.

Vocais: un representante da Xunta de Galicia, nomeado por esta. Un concelleiro designado polo alcalde. Un representante dos grupos do BNG/PSdeG-PSOE, nomeado por estes. O arquitecto técnico do concello. Un representante das organizacións sindicais presentes na mesa sectorial respectiva.

Tódolos vocais deberán posuí-la titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso á praza convocada e poderán ser recusados do xeito previsto no artigo 29 da Lei 30/1992, debendo absterse de actuar nos supostos comprendidos no artigo 28 do mesmo texto legal.

Nomearanse suplentes para cada membro do tribunal. O seu nomeamento farase público no taboleiro de anuncios do concello xunto coa relación de excluídos. Os tribunais non poderán constituírse nin actuar sen a asistencia de alomenos a metade máis un dos seus membros.

Sexta.-Procedemento selectivo: concurso-oposición.

Fase de concurso.

A fase de concurso será previa á de oposición e a puntuación máxima que se poderá obter por este apartado é de cinco puntos. Nesta fase avaliaranse os méritos presentados polos aspirantes de acordo co seguinte baremo con base no convenio do persoal vixente:

I. Por cada mes traballado ó servicio da Administración pública en funcións relacionadas co posto que se vaia desenvolver: 0,20 puntos por mes ata un máximo de 2 puntos. Acreditarase cun currículum e certificación dos servicios prestados.

II. Por participación en cursos impartidos polo Instituto Nacional de Administración Pública, Escola Galega de Administración Pública ou calquera outro organismo competente para imparti-los relacionados coa praza á que aspira: 0,25 puntos por cada curso ata un máximo de 1 punto. Contabilizaranse neste apartado os cursos de galego.

III. Por titulacións ou estudios que teñan relación coas funcións que se vaian desenvolver: por cada título ou certificado de estudios expedido polo Ministerio de Educación, excluíndo o necesario para o acceso á praza e os que foran alegados como méritos noutros apartados: 1 punto, ata un máximo de 2 puntos.

Os apartados II e III acreditaranse con copia compulsada dos títulos ou certificacións orixinais.

Fase de oposición.

A fase de oposición constará de dous exercicios:

1. Escrito, con dúas partes para desenvolver en hora e media. A primeira consistirá en responder a cinco preguntas relacionadas co programa anexo a esta convocatoria e a segunda en realizar unha traducción do castelán para o galego.

2. Práctico, consistirá en realizar diversas actuacións relacionadas coas funcións que se vaian desenvolver e que poderán referirse á electricidade, fontanería, xardinería e albanelería. Para este exercicio a orde de actuación será a establecida polo sorteo celebrado para a Administración do Estado o pasado 4 de abril comezando a orde alfabética pola letra «Z».

Sétima.-Cualificación dos exercicios.

O exercicio escrito será cualificado de 0 a 10 puntos a primeira parte, e de 0 a 2,5 a segunda e será eliminatorio; non poderán realiza-lo exercicio práctico aqueles aspirantes que non acadaran un mínimo de 6 puntos no conxunto das dúas partes do exercicio escrito. O exercicio práctico será cualificado de 0 a 20 puntos.

Oitava.-Cualificación final.

A suma das puntuacións acadadas na fase de oposición maila obtida na fase de concurso dará a cualificación final e o tribunal non poderá propoñer para o seu nomeamento a máis dun aspirante.

Novena.-Presentación de documentos e nomeamento.

O aspirante proposto presentará na secretaría do concello dentro do prazo de vinte días naturais a partir de que sexa publicado no taboleiro de anuncios a proposta de nomeamento, os documentos acreditativos de que reúne os requisitos esixidos na base segunda da convocatoria. Se dentro do prazo indicado e, salvo circunstancias de forza maior, o aspirante proposto non presentara a documentación ou se comprobara que non reúne os devanditos requisitos, non poderá ser nomeado e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidese ter incorrido por falsidade na instancia de solicitude.

Nese caso, o tribunal poderá formular nova proposta de nomeamento a favor do aspirante que, tendo superado a totalidade do proceso selectivo, lle siga na orde de puntuación. Os nomeados deberán tomar posesión do seu cargo no prazo de 30 días naturais contados a partir de que lles sexa notificado o nomeamento.

Décima.-Incidencias.

Os tribunais quedan facultados para resolve-las dúbidas que se presenten e adopta-las decisións precisas para o normal desenvolvemento dos procesos selectivos ó abeiro da lexislación en cada caso aplicable.

Programa anexo para o exercicio escrito

1. A Constitución de 1978. Principios básicos e estructura. Dereitos e deberes fundamentais dos españois.

2. A Administración do Estado. O Goberno. As competencias da Comunidade Autónoma. Principios xerais de funcionamento e organización da Xunta de Galicia.

3. O réxime local español. O municipio. Concepto e elementos. O termo municipal. A poboación.

4. O alcalde, o Pleno e a Comisión de Goberno. Composición e funcionamento dos órganos do concello.

5. Principios xerais do funcionamento administrativo do concello. O orzamento.

6. A función pública local. O persoal ó servicio do concello e a súa clasificación. Dereitos e deberes dos funcionarios. Réxime de incompatibilidades.

7. Solución de avarías sinxelas de electricidade. Uso e coidado de ferramentas específicas. Normas de seguridade.

8. Solución de avarías sinxelas de fontanería. Uso e coidado de ferramentas específicas.

9. Principios básicos de xardinería. Uso e coidado de ferramentas específicas. Resolución de problemas.

10. Conceptos elementais de albanelería. Uso e coidado de ferramentas específicas.

11. O Estatuto de autonomía de Galicia.

Gondomar, 1 de decembro de 1997.

Ramón Sestelo Fernández

Alcalde

10402