Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 08 de xaneiro de 1998 Páx. 140

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 482/1997, do 30 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

Os decretos 347/1997, do 9 de decembro, e 351/1997, do 10 de decembro, establecen a estructura orgánica da Xunta de Galicia e dos distintos departamentos desta, polo que agora procede, á súa vez, determina-la estructura orgánica e funcional da Consellería de Medio Ambiente, atendendo ós principios de eficacia, desconcentración e racionalización da organización administrativa.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, logo do informe das consellerías de Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta de decembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que corresponde o exercicio das competencias e funcións que en materia de medio ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación, en especial na normativa sobre protección ambiental de Galicia.

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións a Consellería de Medio Ambiente estructúrase nos seguintes órganos:

I. O Conselleiro.

II. Secretaría Xeral.

III. Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

IV. Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

V. Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

VI. Delegacións provinciais.

VII. Órganos colexiados.

I. O Conselleiro

Artigo 3º

O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confiren o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

II. Secretaría Xeral

Artigo 4º

1. A Secretaría Xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 do outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.

2. Para o exercicio das súas funcións a Secretaría Xeral estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Recursos Humanos e Coordinación Administrativa, que exercerá as funcións relativas ó persoal funcionario e laboral, a coordinación dos servicios de carácter xeral e do réxime interno de funcionamento; así mesmo, encargarase dos asuntos referentes ó sistema de informatización e proceso de datos e á racionalización administrativa de tódolos servicios da consellería.

Para iso contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Servicio de Persoal e Coordinación Administrativa coas funcións de ordenación e control da xestión dos recursos humanos da consellería, en especial, da xestión e a administración ordinaria do persoal funcionario e laboral e o seguimento e control do rexistro deste persoal, así como das relativas á coordinación administrativa, rexistro xeral e unidade de información.

2.1.2. Servicio de Informática, coas funcións de proposta, coordinación e supervisión dos plans e información de tódalas unidades administrativas da consellería e o apoio e asesoramento técnico a estas, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

2.2. Subdirección Xeral de Xestión Orzamentaria e Contratación, que exercerá as funcións relativas á elaboración dos anteproxectos de orzamentos da consellería, a súa execución, seguimento e coordinación, así como á tramitación dos expedientes de contratación administrativa.

Para iso contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servicio:

2.2.1. Servicio de Xestión Orzamentaria e Contratación coas funcións de confección dos borradores dos anteproxectos de orzamentos da consellería, control da xestión económica dos orzamentos e execución do gasto das diversas unidades da consellería, coordinación e, se é o caso, elaboración dos pregos de contratación administrativa, elaboración das instruccións para unha correcta contratación, tramitación económica administrativa de toda a contratación da consellería e o seguimento e control dela; así mesmo, encargarase de todos aqueles asuntos ou materias que pola súa natureza análoga lle sexan encomendados.

3. Servicio Técnico Xurídico.

Baixo a dependencia orgánica e funcional do secretario xeral existirá o Servicio Técnico Xurídico coas seguintes funcións:

a) Informe e tramitación de tódolos proxectos de disposición de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, das recompilacións e refundicións de normas e, en xeral, de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encomendados polo secretario xeral.

b) Preparación e informe dos asuntos que deben elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e ás comisións delegadas e o traslado dos seus acordos, así como informe sobre os recursos presentados contra os actos administrativos emanados da consellería.

c) Coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia.

4. Integradas organicamente na Secretaría Xeral e con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

4.1. Asesoría Xurídica.

4.2. Intervención Delegada.

III. Dirección Xeral de Montes e Medio

Ambiente Natural

Artigo 5º

1. A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de protección e conservación do medio ambiente natural, dos ecosistemas litorais e dos espacios naturais; a ordenación, fomento e mellora da producción, industrialización e comercialización forestal; o aproveitamento dos recursos cinexéticos e piscícolas e a ordenación do uso socio-recreativo da natureza.

2. Para o exercicio das súas funcións a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, que exercerá as funcións relativas á conservación e fomento dos recursos forestais, á regulación e ordenación dos seus aproveitamentos e ó fomento da producción, industrialización e comercialización forestal; así mesmo, corresponderalle o asesoramento técnico e administrativo das comunidades propietarias de montes en mancomún, a xestión do rexistro xeral dos montes veciñais en mancomún, as accións tendentes ó deslindamento dos ditos montes, e calquera outra función legalmente establecida en relación coa defensa e protección destes.

Para iso contará coas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Servicio de Xestión de Montes, que se encargará da administración e xestión dos montes da

Comunidade Autónoma de Galicia; exercerá as funcións que legalmente procedan en relación cos de utilidade pública, os de entidades locais e os das comunidades veciñais en mancomún ou de particulares que sexan obxecto de consorcio ou de convenio; xestionará o catálogo de montes de utilidade pública; realizará a planificación e execución das accións para o control da producción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal forestal; e o control e defensa contra as pragas e enfermidades forestais.

2.1.2. Servicio de Producción e Industrias Forestais, que realizará o asesoramento técnico e administrativo dos propietarios forestais; as accións e mellora e fomento das estructuras de producción forestal; o fomento do asociacionismo; a mellora da calidade dos productos forestais e das súas canles de comercialización; así mesmo, a xestión do rexistro de industrias forestais e o fomento da industrialización dos productos forestais.

2.2. Subdirección Xeral de Defensa contra Incendios Forestais, que exercerá as funcións de programación, execución, avaliación e seguimento das medidas e accións contra os incendios forestais; a elaboración de estudios e análises de causalidade e a coordinación de medios en loita contra os incendios.

Para iso contará coa seguinte unidade co nivel orgánico de servicio:

2.2.1. Servicio de Defensa contra Incendios, que se encargará das análises e estudio da causalidade; elaboración de plans e programación de medios contra os incendios forestais, así como da organización e coordinación deles; organización dos sistemas de vixilancia e detección de incendios; execución de plans e programas de loita contra incendios; dotación de infraestructuras e medios de defensa.

2.3. Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, que exercerá as funcións de programación, execución, seguimento e avaliación das actuacións encamiñadas á conservación, restauración e xestión dos espacios naturais, da flora e da fauna silvestre; a aplicación da normativa sobre protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, o fomento e ordenación dos recursos cinexéticos e piscícolas de auga doce e a utilización socio-recreativa do medio natural; así mesmo, encargarase das funcións que a Comunidade Autónoma de Galicia ten asignadas en materia de protección da costa e dos ecosistemas litorais.

Para iso, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.3.1. Servicio de Conservación de Recursos Naturais, que realizará as funcións de xestión de recursos cinexéticos e piscícolas de auga doce, a xestión dos centros de recuperación de fauna e a ordenación do uso socio-recreativo do medio natural.

2.3.2. Servicio de Conservación da Biodiversidade, que se encargará das funcións de xestión e conservación da rede galega de espacios naturais protexidos, así como das accións de conservación da fauna e flora silvestre.

2.3.3. Servicio de Conservación do Litoral, que realizará as funcións de eleboración de informes para avalia-las incidencias sobre o ecosistema litoral, referentes ás obras marítimas, así como concesións ou autorizacións que tramite a Administración Xeral do Estado; a emisión dos informes e proposta de accións que ten que levar a cabo a Comunidade Autónoma de Galicia previstas na lexislación de costas, e a tramitación dos expedientes sobre declaración da calidade das praias.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional directa do director xeral existirá o Servicio de Programación e Apoio, que realizará funcións de control, xestión e seguimento daqueles asuntos xerais que lle sexan encomendados.

IV. Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de control e avaliación da incidencia que sobre o medio ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, así como a súa posta en marcha, para o logro dun desenvolvemento sostible.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, que exercerá as funcións de coordinación e xestión das actuacións técnicas e administrativas, derivadas da aplicación dos instrumentos preventivos, que figuran na Lei de protección ambiental de Galicia; as actividades encamiñadas ó cumprimento da normativa específica ambiental galega e das adaptacións da normativa xeral, en especial as relativas á normativa de ecoxestión, ecoauditoría e ecoetiquetado; así mesmo, xestionará e realizará o seguimento dos pactos ambientais.

Para iso contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Servicio de Protección Ambiental, que exercerá as funcións relacionadas coa aplicación da normativa de prevención ambiental, en especial os relacionados coa inspección e os pactos ambientais; a elaboración dos procedementos de ecoetiquetado, ecoxestión e ecoauditorías; a tramitación dos expedientes de homologación de empresas e equipos de avaliación de impactos e de control de calidade ambiental; a realización de tódolos trámites técnicos e administrativos relativos ós expedientes de aplicación dos instrumentos preventivos recollidos na

Lei de protección ambiental de Galicia, o seguimento do cumprimento dos contidos das declaracións de impacto ambiental e de efectos ambientais e dos dictames de incidencia ambiental.

2.2. Subdirección Xeral de Calidade Ambiental, que exercerá as funcións de control dos efectos derivados das actividades que poidan incidir na calidade do medio ambiente, así como a xestión e o seguimento da aplicación de medidas correctoras.

Para iso, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

2.2.1. Servicio de Fomento e Control da Calidade Ambiental, que se encargará da análise e avaliación dos datos que xere a Rede de Vixilancia e Control da Contaminación Atmosférica en Galicia e a aplicación das correspondentes medidas correctoras; o seguimento dos resultados das redes de control e vixilancia da calidade das augas continentais e marítimas de Galicia, en coordinación coa administración hidráulica; asesoramento e asistencia ós concellos en materia de aplicación da normativa contra a contaminación acústica de Galicia; xestión da recuperación de solos contaminados e de áreas degradadas por vertedoiros de residuos sólidos urbanos; control, seguimento e, de se-lo caso, da execución pola Administración, dos plans de restauración de explotacións mineiras ó descuberto, en coordinación coa administración mineira; seguimento ambiental da aplicación da normativa de uso de productos químicos e praguicidas e doutras substancias tóxicas e perigosas.

2.2.2. Servicio de Control e Xestión de Residuos, que exercerá as funcións de control da xestión e dos correspondentes plans, dos residuos urbanos, tóxicos e perigosos, industriais, sanitarios e dos gandeiros en coordinación coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, así como a tramitación da autorización de xestores e productores de residuos; o fomento das accións de reducción, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

V. Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental

Artigo 7º

1. O Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental con rango de Dirección Xeral, exercerá as competencias e funcións atribuídas á consellería en materia de información, educación e formación ambiental, investigación e desenvolvemento tecnolóxico en materia de medio ambiente industrial e natural; promoción de novas teconoloxías para a mellora ambiental; apoio a iniciativas para o estudio e análises de temas ambientais de carácter global.

2. Para o exercicio das súas funcións, o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental estructúrase nas seguintes unidades:

2.1. Departamento de Educación e Información Ambiental, co nivel orgánico de subdirección xeral,

que realizará as funcións relativas ás propostas de integración do medio ambiente no currículo educativo das ensinanzas regradas a tódolos niveis; a promoción das ensinanzas ambientais non regradas; a formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno; a formación permanente en materia ambiental e a información ambiental ó cidadán.

Para iso, contará coa seguinte unidade co nivel orgánico de servicio:

2.1.1. Área de Información, Formación e Educación, que se encargará de atende-la demanda de información dos cidadáns no que respecta ás actuacións ambientais, a través da creación e xestión dun punto focal da rede EIONET da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA); a proposta e promoción de plans e programas encamiñados á integración do medio ambiente no currículo educativo das ensinanzas regradas para tódolos niveis; fomento de programas e accións de concienciación dos cidadáns para garanti-lo respecto e a mellora do medio ambiente; a formulación de propostas á administración educativa sobre plans e programas para a formación de técnicos ambientais e a preparación permanente en materia ambiental.

2.2. Departamento de Investigación e Tecnoloxía Ambiental, co nivel orgánico de subdirección xeral, que exercerá as funcións de promoción da I+D en medio ambiente, en colaboración coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento; a promoción de tecnoloxías limpas e o apoio a estudios sobre aspectos globais do medio ambiente.

Por iso, contará coa seguinte unidade co nivel orgánico de servicio:

2.2.1. Área de Tecnoloxía Ambiental e Apoio Tecnolóxico, que se encargará da promoción da I+D en materia de medio ambiente natural e industrial, a promoción e transferencia de novas tecnoloxías para a mellora do contorno e reducción de externalidades, o establecemento dun sistema de predicción meterolóxica propio de Galicia e o apoio a estudios sobre fenómenos de carácter global.

3. Baixo a dependencia orgánica e funcional do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental adscríbense as seguintes unidades:

3.1. Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

3.2. Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

VI. Delegacións provinciais

Artigo 8º

1. As funcións e competencias da Consellería de Medio Ambiente, así como todas aquelas que asigne o conselleiro, serán realizadas a nivel provincial polas delegacións provinciais.

2. Ó fronte de cada delegación provincial existirá un delegado do que dependerán tódolos servicios,

unidades ou centros da consellería de carácter territorial que radiquen no ámbito da súa competencia.

O delegado provincial depende orgánica e funcionalmente do conselleiro e exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e aquelas que lle sexan encomendadas.

3. Para o exercicio das funcións contarán coas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:

Secretaría.

Servicio de Montes e Industrias Forestais.

Servicio de Medio Ambiente Natural.

Servicio de Defensa contra Incendios Forestais.

Servicio de Calidade Ambiental.

Servicio de Costas, se é o caso.

VII. Órganos colexiados

Artigo 9º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Consello Galego de Medio Ambiente.

2. A presidencia do consello será asumida polo conselleiro de Medio Ambiente; a vicepresidencia polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e a Secretaría polo subdirector xeral de Calidade Ambiental; manténdose a composición dos restantes membros do consello.

Artigo 10º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Comité Galego de Pesca Fluvial.

2. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

3. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de Pesca Fluvial.

4. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais de Medio Ambiente.

Artigo 11º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Comité Galego de Caza.

2. A presidencia do comité será asumida polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

3. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de caza.

4. A presidencia dos comités será asumida polos delegados provinciais de Medio Ambiente.

Artigo 12º

1. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os xurados provinciais de Montes Veciñais en Man Común.

2. A presidencia dos xurados será asumida polos respectivos delegados provinciais e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

3. Adscríbense á Consellería de Medio Ambiente os comités provinciais de Montes.

4. A presidencia dos devanditos comités será asumida polos respectivos delegados provinciais e as secretarías por funcionarios designados polos presidentes.

VIII. Rexistro

Artigo 13º

1. Adscríbese á Consellería de Medio Ambiente o Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Transfírense á Consellería de Medio Ambiente as competencias e funcións que en materia de calidade ambiental e protección de costas viña exercendo a Dirección Xeral de Urbanismo e Calidade Ambiental da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; as competencias e funcións que en materia de montes, industrias forestais, medio ambiente natural, defensa contra incendios forestais e investigacións forestais viñan exercendo a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, a Dirección Xeral de Estructuras Agrarias e a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes; as competencias e funcións que en materia de medio ambiente industrial viña exercendo a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio; as competencias e funcións que en materia de protección ambiental viña exercendo a Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente da Presidencia; e as

competencias en materia de control da calidade atmosférica que viña exercendo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Segunda.-As funcións e competencias que se lles atribúen na vixente normativa ambiental á Comisión Galega de Medio Ambiente, ás comisións provinciais de Medio Ambiente e á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente serán exercidas polo director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e polos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación ou adscricións con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel a outros de inferior nivel se se tratara de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso,

os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que en ningún caso supoña a readscrición ou adscrición cambio de residencia.

Disposición derrogatoria

Derróganse os decretos 185/1984, do 27 de decembro; 156/1987, do 24 de xuño; 461/1990, do 13 de setembro; 179/1991, do 30 de maio; 219/1997, do 24 de xuño, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan a este decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

0021