Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 29 de decembro de 1997 Páx. 12.468

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 471/1997, do 26 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de 1997 para o exercicio de 1998.

Debendo quedar automaticamente prorrogada a vixencia dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 1997 para 1998, en virtude do disposto nos artigos 21.2º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, e 54 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, resulta necesario establece-las normas que regulen, dentro do marco legal, o alcance e aplicación da citada prórroga.

En consecuencia, a dita prórroga non afectará os gastos que correspondan a actuacións que deban quedar ultimadas ó finaliza-lo exercicio de 1997.

Por outra banda, deberán terse en conta na súa instrumentación aquelas modificacións de carácter consolidable, dimanantes de leis aprobadas polo Parlamento de Galicia e demais expedientes tramitados dentro do marco normativo.

Así mesmo, procede considerar na citada prórroga os reais decretos de traspaso de funcións e servicios e de ampliación de medios, aprobados durante o exercicio de 1997.

Procede, por outra banda, ter en conta as adaptacións técnicas que se deben efectuar como consecuencia da nova estructura da Xunta de Galicia aprobada polo Decreto 351/1997, do 10 de decembro, e o previsto na súa disposición transitoria terceira, así como co carácter de a conta, un incremento retributivo ó persoal ó servicio da Administración autonómica, no mesmo importe que o establecido na Lei de orzamentos xerais do Estado para 1998; todo iso, co obxecto de facilita-la actividade económica e financeira da Administración autonómica mentres non sexan aprobados os orzamentos xerais para 1998.

Por todo canto antecede, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de 1997 para 1998.

A partir do 1 de xaneiro de 1998, e ata a aprobación e publicación no Diario Oficial de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do dito ano, quedan prorrogados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 1997, apro

bados pola Lei 11/1996, do 30 de decembro, e integrados por:

a) Os orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os dos seus organismos autónomos.

b) Os orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas de carácter mercantil.

c) Os orzamentos dos demais entes públicos ós que se refire o artigo 12 da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 2º.-Alcance da prórroga do orzamento de gastos.

A prórroga do orzamento de gastos non afectará os servicios ou programas que tivesen que finalizar en 1997, e será limitada en función das dispoñibilidades financeiras e necesidades dos servicios.

Terase en conta, en todo caso, para estes efectos:

a) Os créditos iniciais e as súas modificacións consolidables.

b) As consignacións daqueles programas que polas súas características teñan a consideración de recorrentes, así como os que representen continuación de accións iniciadas en exercicios anteriores.

c) Os reais decretos de traspaso de funcións e servicios, e de ampliación de medios, aprobados durante o exercicio de 1997.

d) A provisión necesaria para lle satisfacer ó persoal ó servicio da Comunidade Autónoma un incremento retributivo, co carácter de a conta, do 2,1%.

Artigo 3º.-Adaptacións técnicas.

Nos estados de gastos confeccionados de acordo cos criterios sinalados no artigo anterior, realizaranse as adaptacións técnicas que sexan precisas como consecuencia da aprobación do Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, en aplicación da súa disposición transitoria terceira.

Artigo 4º.-Prórroga dos estados de ingresos.

Os correspondentes estados de ingresos elaboraranse en función da previsión da liquidación dos orzamentos de ingresos de 1997 e demais datos válidos que os sustenten.

Artigo 5º.-Débeda de tesourería.

De conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, será de aplicación o previsto no artigo 28 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda a adopta-las medidas e dicta-las disposi

cións necesarias para a debida aplicación, eficacia e desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10164