Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 24 de decembro de 1997 Páx. 12.404

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de decembro de 1997 pola que se lle concede á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo autorización para a efectiva impartición do cuarto curso correspondente ó título Bachelor in Business Administration, conforme ó sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español.

Polo Decreto 21/1995, do 27 de xaneiro, (DOG do 31 de xaneiro), concedéuselle autorización á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo para imparti-los estudios correspondentes ó título Bachelor in Business Administration conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español. No artigo 3 do devandito decreto autorízase a efectiva impartición do primeiro curso dos referidos estudios, engadindo que a implantación progresiva dos seguintes cursos esixirá, antes do comezo do respectivo curso, autorización mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Para este fin, a entidade promotora deberá xustificar e especificar previamente, ante a consellería, a contratación de profesores mantendo as ratios de calidade e de profesor/alumno sinalados no expediente, así como os requisitos relativos ós espacios.

Xustificados por parte da entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo os requisitos sinalados no parágrafo anterior e logo da inspección realizada para o efecto, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Autorízaselle á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo, con sede social na Avda. de Madrid nº 60, de Vigo (Pontevedra), para que, de acordo co Decreto 21/1995 e co convenio de compromiso académico asinado pola entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo e a Universidade de Gales, imparta desde o curso 1997-1998 na cidade de Vigo, e dentro dos locais establecidos para o efecto na sede social da escola, o cuarto curso dos estudios correspondentes ó título Bachelor in Business Administration conforme o sistema educativo vixente noutro país e que conduce á obtención de título superior non homologado academicamente cos títulos do sistema educativo español.

Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e

Ordenación Universitaria

10144