Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 19 de decembro de 1997 Páx. 12.296

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 16 de decembro de 1997 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A necesidade de acadar unha axeitada axilización administrativa que redunde en beneficio da Administración e dos administrados, sen mingua do respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe e ós principios que informan a actividade administrativa, aconsella delegar no secretario xeral o exercicio de determinadas competencias legalmente atribuídas á titular da consellería.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, segundo a redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo común e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á titular da consellería.

b) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servicios da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar á Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

c) As funcións que, como órgano de contratación, lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

d) As facultades que lle corresponden á titular da consellería en materia de persoal, nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, e demais disposicións en vigor.

e) A inspección de tódolos servicios da consellería.

f) A disposición de canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia da conselleira ou doutro centro directivo.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas na presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento a conselleira poderá revogar ou avoca-lo exercicio das competencias delegadas pola presente orde das que quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, na súa redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

10117