Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 18 de decembro de 1997 Páx. 12.183

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Verín (Ourense).

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do concello de Verín (código nº 3200692) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica, polos representantes da Administración local, e, da parte social, polos delegados de persoal, en xuntanza celebrada o día 8-7-1997, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbiraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 27 de outubro de 1997.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Verín

Capítulo primeiro

Ámbito de aplicación

Artigo 1º

As normas que contén o presente convenio aplicaranse a todo o persoal laboral do Concello de Verín.

Artigo 2º

O presente convenio entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa ratificación polas partes asinantes, se ben os seus efectos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1997, e estará en vigor ata o 31 de decembro de 1998.

Artigo 3º

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente, quedando subordinadas a calquera disposición xeral de rango superior que puidera ter efectos máis favorables para o persoal laboral do Concello de Verín.

Artigo 4º

Quedan reservadas á negociación colectiva todas aquelas cuestións que directa ou indirectamente afecten ás condicións de traballo do persoal deste concello, particularmente as retribucións, oferta de emprego, cadro de persoal e relacións de postos de traballo, calendario de vacacións, réxime disciplinario, xestión dos servicios e métodos de traballo, seguridade e hixiene, e dereitos sindicais e de participación.

Capítulo segundo

Comisión de control

Artigo 5º

Despois da súa aprobación, no prazo máximo de 60 días, constituirase unha comisión de control para o seguimento do convenio, composta polo alcalde, o delegado de persoal e dous delegados do persoal laboral.

Esta comisión estará presidida polo alcalde, e reunirase, en sesión ordinaria, polo menos por unha vez cada tres meses, e por petición de dous membros, dentro das setenta e dúas horas seguintes á citación, que irá compañada de motivación.

As súas funcións serán emitir directamente acordos referidos a:

a) Interpretación dos artigos ou cláusulas deste convenio.

b) Conciliación nos problemas colectivos.

c) Actualización de normas, acordos e ordenanzas, para incorporalos ó presente convenio.

d) Cantas outras actividades tendan á eficacia práctica dos acordos aquí pactados. As funcións desta comisión non impedirán, en ningún caso, o libre exercicio da xurisdicción administrativa ou contenciosa prevista na lexislación vixente.

Capítulo tercero

A organización do traballo

Artigo 6º

A organización práctica do traballo será competencia do alcalde ou do delegado de persoal, se as competencias estiveran delegadas. Cando se deriven especiais repercusións nas condicións de traballo do persoal laboral, negociarase cos seus representantes legais.

Artigo 7º

Farase unha clasificación profesional que terá por obxecto a definición e unificación das diferentes categorías profesionais.

Todo traballador/a que preste servicios durante 10 anos como oficial de segunda ou peón, pasará, logo do informe favorable dos responsables de persoal e dos representantes dos traballadores/as, á categoría profesional de oficial de primeira ou peón especializado, respectivamente, coas melloras económicas correspondentes.

Artigo 8º

Os traballos de superior categoría responderán a necesidades especiais e transitorias e durarán o mínimo tempo imprescindible.

A adscrición dun traballador a un posto de superior categoría farase por decreto da alcaldía, con comunicación ós representantes legais dos traballadores, levando consigo automaticamente, o devengo das retribucións complementarias que lle correspondan ó posto, se a ocupación supera os 5 días. O tempo máximo no que un traballador pode estar nesa situación é de 6 meses, transcorrido ese tempo outro trabalaldor ocupará o seu lugar.

Ningún traballador poderá realizar labores da categoría inmediatamente inferior á súa durante un período superior a 15 días, tendo en conta, ademáis, o establecido no apartado 4, art. 23 do Estatuto dos traballadores. Transcorrido o período citado, non poderá volver ó posto de categoría inferior ata que transcorra un ano.

Artigo 9º

A corporación e os representantes legais dos traballadores/as concretarán, dentro das medidas de reorganización, os postos de traballo que poden ser considerados aptos para a creación dunha escala auxiliar, dentro da relación de postos de traballo. Trala aprobación do presente acordo, formarase esa escala auxiliar, definindo as funcións que terá que realiza-lo persoal adscrito a eses postos. Á escala auxiliar adscribirase o persoal que teña diminuídas as facultades e fora considerado así por servicios médicos competentes. Especial atención merecerán neste apartado os maiores de 60 anos. O traballador pasará á escala auxiliar nos seguintes casos:

-Por incapacidade no exercicio das súas funcións habituais: voluntariamente, por idade ó cumprir os 60 anos.

Tódolos traballadores/as que pasen á escala auxiliar conservarán o total das retribucións que viñan percibindo.

Artigo 10º

No caso de que un traballador presente incapacidade manifesta para o exercicio das súas funcións, poderá solicita-la súa xubilación por invalidez ou ben o Concello de Verín poderá tramitala de oficio, sen prexuízo de situacións de segunda actividade.

Neste caso, o concello farase cargo da diferencia que exista entre a súa pensión e o que viña cobrando. Esta cantidade será fixa, non terá ningunha revaloración e aboarase ata que o traballador/a reúna os requisitos para a xubilación forzosa. No caso de que lle denegue a xubilación os organismos competentes, o traballador/a poderá solicita-la xubilación voluntaria, producíndose os mesmos efectos económicos cós sinalados anteriormente. Para evita-las fraudes, os traballadores/as que se queiran acoller a estes dereitos pasarán as probas e exames que o concello considere convenientes, con cargo ó propio concello.

Artigo 11º

A traballadora, en período de xestación, terá dereito a que, se o posto de traballo que exerce lle é prexudicial para o seu estado, se lle encomenden funcións acordes coas súas circunstancias.

Capítulo cuarto

Ingreso, promoción e provisión dos postos

Artigo 12º

O concello fixará a súa oferta de emprego público dentro do mes seguinte á aprobación do orzamento municipal.

O ingreso no Concello de Verín farase por calquera dos sistemas establecidos na lexislación vixente.

Artigo 13º

Os representantes legais dos traballadores/as designarán a un vocal nos tribunais de selección, que actuará con voz e voto, e deberá ser de igual ou superior categoría á praza convocada.

Artigo 14º

O concello comprométese a reserva-la porcentaxe máxima que a lexislación funcionarial en vigor prevé para a promoción interna. O sistema de promoción será o de concurso-oposición, no que a fase de concurso será valorada no 40% da puntuación total. Nestes casos non se esixirán os coñecementos previamente acreditados en probas anteriores de ingreso ou noutras posibles promocións internas. Os representantes legais dos traballadores participarán de xeito semellante ó que se sinala no artigo 13.

Artigo 15º

O sistema de provisión de postos de traballo será o seguinte:

a) Mediante concurso-oposición, que será o sistema normal de provisión. Os baremos destes concursos serán aprobados polo órgano competente, tras ser elaborados previamente coa participación dos representantes legais dos traballadores, e deberán conter: méritos académicos, antigüidade e méritos profesionais.

b) Mediante libre designación. Con este sistema poderanse prove-los postos de traballo vinculados dun xeito directo á alcaldía.

Artigo 16º

En todo caso, os baremos e probas serán elaborados conxuntamente cos representantes legais dos traballadores/as, que formarán parte dos comités de valoración, designando un representante. Estes comités de valoración terán a composición seguinte: presidente: alcalde ou concelleiro no que delegue; vocais: o delegado de persoal, ou concelleiro no que delegue, un traballador/a elixido polos representantes legais dos traballadores/as, sendo secretario (con voz e sen voto) o da corporación ou persoa na que delegue.

Capítulo quinto

Vacacións, permisos, licencias e excedencias

Artigo 17º

As vacacións anuais retribuídas terán unha duración de 30 días, dos que se desfrutarán 15 días nos meses de xuño a setembro, ambos incluídos, e en ningún caso poderán comezar en festivo, descanso semanal establecido ou véspera destes. Se por necesidade do servicio o traballador/a non puidera desfruta-las súas vacacións nos meses sinalados, terá dereito a fixalas á súa elección, salvo en casos de forza maior.

O plan de vacacións elaborarase antes do día 1 de abril, para a súa negociación cos representantes dos traballadores/as, logo da petición deles.

Artigo 18º

Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:

a) Por nacemento ou adopción de fillos, catro días.

b) Por morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro grao de consanguinidade, catro días, se o suceso se produce na mesma localidade, ou seis, se a localidade é de distinta provincia. Se o parentesco é de segundo grao, terase dereito a dous días menos dos sinalados anteriormente.

c) Por traslado de domicilio, dous días.

d) O traballador/a cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora de ausencia ó traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción de xornada de media hora.

e) Os que por garda legal teñan ó seu cargo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico, psíquico ou sensorial terán dereito a unha reducción de xornada dun tercio ou a metade, coa deducción proporcional de retribucións. Tamén poderán acollerse a este dereito os traballadores/as que teñan ó seu cargo familiares de primeiro grao que, por razóns de enfermidade, precisen asistencia continuada.

f) Para concorrer a exames ou a probas de avaliación en centros oficiais, o día da súa celebración e o necesario para concorrer a eles. Acreditarase a participación co correspondente xustificante.

g) Durante o tempo que duren os congresos ou reunións de carácter profesional, social ou sindical, coa debida xustificación e ata un máximo de oito días ó ano en función das necesidades do servicio.

h) Por asuntos propios, sen xustificación, nove días ó ano, salvagardando as necesidades do servicio.

i) Para o cumprimento dun deber público de carácter inescusable, o tempo imprescindible.

j) Logo do aviso e posterior xustificación, o traballador/a terá dereito ó tempo necesario para asistir a consulta médica.

k) Establécese un permiso de sete días para o traballador/a que cumpra unha década neste mesmo ano. Ó ser unha innovación, este ano terán dereito ó permiso os traballadores/as que teñan máis de dez anos de antigüidade na empresa, sen podelos acumular ás vacacións anuais.

Artigo 19º

Concederanse as seguintes licencias:

a) Por matrimonio, vinte días, e cinco, por separacióin ou divorcio.

b) As traballadoras, por razón de parto, terán dereito a cento corenta e cinco días, que distribuirán segundo o seu criterio, antes ou despois do parto. Se os dous proxenitores traballan, o traballador poderá dispor de catro semanas que se deducirán das anteriores.

c) No caso de enviuvar, o traballador/a que teña fillos menores de seis anos ou diminuídos que non desempeñen actividades retribuída ningunha, terán dereito a un mes de licencia retribuída.

No relativo a permisos non retribuídos, estes concederanse, por un período de ata dous meses ó ano, por petición do traballador/a e coa conformidade do responsable do servicio, conservando durante ese tempo tódolos dereitos laborais, agás os de percepción do salario e o devengo da antigüidade.

Artigo 20º

As excedencias regularanse de acordo coa lexislación funcionarial en vigor.

Capítulo sexto

Xornada, descanso

Artigo 21º

A xornada laboral será de trinta e sete horas e media semanais e desenvolverase preferentemente, e sempre que as necesidades do servicio o permitan, de luns a venres, en horario que hai que convir; excluíndose aqueles servicios que teñen xa establecidas diferentes quendas de traballo, que as manterán.

Artigo 22º

O traballador/a terá dereito a desfrutar dun descanso de vinte minutos durante a súa xornada diaria, que se computará, para tódolos efectos, como tempo

de traballo efectivo. O descanso entre xornada e xornada será como mínimo de doce horas e o descanso semanal ininterrompido será como mínimo de corenta e oito horas, desfrutándoo preferentemente entre o sábado e o domingo.

Os días 24 e 31 de decembro consideraranse como non laborables ó igual cás festas fixadas no calendario laboral.

Capítulo sétimo

Réxime retributivo

Artigo 23º

Os asinantes deste convenio comprométense a estudiar, conxuntamente, a homologación salarial co funcionariado dos traballadores/as e dos grupos de traballadores/as que esten interesados na homologación. Con esta finalidade, presentarase, antes de que se elaboren os orzamentos municipais para 1998, un plan de homologación salarial, que, unha vez aprobado, se xuntará ós acordos deste convenio. A homologación salarial farase dun xeito gradual, a través dos orzamentos municipais para 1998 e 1999, sempre que a lexislación aplicable non o impida.

Artigo 24º

Establécese a prohibición, como norma xeral, de realizar traballos extraordinarios fóra da xornada normal de traballo, agás dos que sexan necesarios e cun tope máximo equivalente a sesenta horas anuais. Só se retribuirán aqueles traballos extraordinarios que foran previamente autorizados pola alcaldía ou polo delegado de persoal. Son unha excepción á regra anterior os traballos necesarios para previr ou reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes. Nese caso xustificaranse despois de realizados, nun prazo non superior ós cinco días hábiles. Cando exista a necesidade de realizar traballos extraordinarios, repartiranse, se é posible, de xeito equitativo entre o colectivo afectado. Mensualmente informarase ós representantes dos traballadores/as de todo o que concerne ás gratificacións. O importe por cada hora extraordinaria será tal e como se determina no Estatuto dos traballadores. Se tales traballos se realizan en horario nocturno ou festivo as cantidades sinalas

incrementaranse nun 25%.

Artigo 25º

A revisión salarial fixarase de xeito que o incremento das retribucións dos traballadores sean o establecido polas normas específicas de rango superior que afectan á función pública.

Artigo 26º

Nos supostos nos que o traballador/a se encontre en situación de baixa laboral, calquera que sexa a súa orixe, percibirá, desde o primeiro día de iniciarse este proceso, o cen por cento das súas retribucións fixas e ata a súa reincorporación ó traballo ou ata a adquisición da condición de pensionista. O traballador/a terá a obriga de someterse ós controis

médicos que considere conveniente a corporación e a facilita-las visitas médicas.

Capítulo oitavo

Dereitos sociais

Artigo 27º

O concello formalizará un seguro de cobertura para as posibles responsabilidades civís e para a defensa xurídica de tódolos traballadores/as afectados por este convenio, para os actos que realicen por razón do seu traballo. Este seguro será concertado cunha casa especializada e na súa determinación será oída a comisión de control.

Artigo 28º

O concello asumirá ó seu cargo a defensa do traballador/a que, como consecuencia do exercicio das súas funcións, sexa obxecto de actuacións xudiciais, asumindo os custos e gastos que se deriven, incluídas as fianzas, salvo nos casos en que se recoñeza na sentencia dolo, culpa, neglixencia grave ou mala fe do traballador/a. O tempo que o traballador/a precise por mor das actuacións xudiciais derivadas das súas funcións será considerado para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

Artigo 29º

Por petición do interesado/a, o concello concederá ós seus traballadores/as anticipos de ata catro mensualidades, cun tope máximo de 500.000 pesetas. A devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina, sen xerar xuros ningúns. O prazo para a devolución será fixado polo interesado/a dentro dos seguintes máximos: 6 meses, para os anticpos de 1 mensualidade; 12 meses, para os de 2 mensualidades; 18 meses, para os de 3; 24 meses, para os de 4 mensualidades. Todo isto enténdese en función de que o afectado/a teña contrato en vigor durante os tempos que se fixan, en función das posibilidades orzamentarias e tralo preceptivo informe da Intervención Municipal. Entre a cancelación dun anticipo e a solicitude do seguinte pasará un mínimo de 6 meses.

Artigo 30º

Establécese unha axuda por nupcialidade de 25.000 pesetas, e por natalidade de 20.000 pesetas a cada traballador/a que acredite o nacemento ou a adopción legal dun novo fillo ou filla. No suposto de que a nai e o pai traballen para este concello, só un deles terá dereito a esta axuda.

Artigo 31º

Establécese unha axuda por defunción do traballador/a en servicio activo na contía de 100.000 pesetas, que se pagará no momento de presentación da solicitude. Se o traballador/a falecese en accidente de traballo, os gastos do enterro serán por conta do concello ata un máximo de 200.000 pesetas.

Artigo 32º

Establécese unha axuda para os traballadores/as que cursen estudios en centros de ensino oficial,

consistente no 50% do custo da matrícula. No caso de disciplinas repetidas non existirá tal dereito. Esta axuda é incompatible con calquera outra que teña a mesma finalidade. Así mesmo, establécese unha axuda de escolaridade que percibirá o traballador/a en servicio activo e por cada fillo/a matriculado, cos seguintes criterios: presentación do certificado de estar matriculado en:

-Prescolar, ensino infantil ou primario: 10.000 pesetas.

-Ensino secundario e COU: 10.000 pesetas.

-Acceso á universidade para maiores de 25 anos: 25.000 pesetas.

-Universidade: 40.000 pesetas.

Destas asignacións, que se farán anualmente, non se beneficiarán alumnos/as repetidores.

Artigo 33º

Coa finalidade de complementa-las prestacións sanitarias, establécese o seguinte baremo de subvencións para os traballadores/as da corporación e familiares que estean recoñecidos ó seu cargo na súa cartilla sanitaria:

a) Próteses dentarias:

-Prótese dental completa: 40.000 pesetas.

-Prótese dental superior ou inerior: 20.000 pesetas.

-Prótese dental de cada peza: 4.000 pesetas.

b) Próteses de visión:

-Lentes normais ou lentes de contacto: 10.000 pesetas.

-Lentes bifocais: 12.000 pesetas.

A duración mínima duns lentes establécese por un período de 3 anos, salvo rotura en accidente laboral.

c) Próteses auditivas: o 50% do orzamento.

d) Próteses ortopédicas:

-Sobreplantas: 5.000 pesetas.

-Xustillos, colaríns, cadeiras de rodas, muletas, etc.: o 75% do orzamento.

Nos supostos en que existan subvencións por conta da Seguridade Social ou semellantes, serán complementadas ata acada-los importes do presente baremo.

Para percibir estas prestacións será necesario presenta-la prescrición facultativa oficial, así como o xustificante de pagamento.

Artigo 34º

O traballador/a que teña o cónxuxe ou fillo/a en situación de incapacidade absoluta para traballar recibirá mensualmente a cantidade de 10.000 pesetas por membro incapacitado, agás que este reciba pensión; nese caso recibirá 15.000 pesetas anuais.

Artigo 35º

O traballador/a que cumpra 30 anos de servicio no Concello de Verín recibirá, por cumprimento destes e por unha soa vez, en concepto de premio á constancia, a cantidade de 250.000 pesetas e 15 días de licencia.

Calquera traballador/a que se xubile con máis de 25 anos traballados neste concello, por este concepto e no momento de se xubilar, recibirá a cantidade de 250.000 pesetas.

Artigo 36º

Os traballadores/as do Concello de Verín terán dereito a percibir unha prima de xubilación voluntaria anticipada, de acordo coa seguinte escala:

-60 anos cumpridos: 2.000.000 de pesetas.

-61 anos cumpridos: 1.600.000 pesetas.

-62 anos cumpridos: 1.200.000 pesetas.

-63 anos cumpridos: 800.000 pesetas.

-Ó cumprir os 64 anos: 400.000 pesetas.

Artigo 37º

O Concello garantirá, en calquera caso, o quebranto de moeda, sempre que non exista dolo, culpa grave ou mala fe do funcionario.

Capítulo noveno

Seguridade e hixiene

Artigo 38º

O concello, con carácter xeral, faralles ós traballadores/as un recoñecemento médico anual, e darálle-lo seu resultado. Este recoñecemento realizarase preferentemente na xornada laboral. Ademais deste recoñecemento, os maiores de 50 anos poderán solicita-la realización dun exame cardiovascular.

Artigo 39º

O concello proporcionará un uniforme de traballo en concordancia co posto ou función que se realice. Só terán dereito a uniforme os postos de traballo que esixan un vestiario especial.

Artigo 40º

Cada centro de traballo contará, imperativamente, cos medios necesarios de primeiros auxilios, en perfectas condicións de funcionamento en todo momento.

Capítulo décimo

Dereitos sindicais

Artigo 41º

A Corporación e os representantes legais dos traballadores/as comprométense a desenvolve-las condicións que permitan a liberdade sindical.

Artigo 42º

A representación do persoal desenvolverase de conformidade coa Lei 9/1987 e a Lei orgánica de

liberdade sindical e coas demais disposicións que desenvolvan a materia.

Artigo 43º

É competencia dos representantes do persoal a defensa dos intereses xerais e específicos dos traballadores/as e, en particular, a negociación das súas condicións salariais, sociais e sindicais. Os representantes dos traballadores/as deberán ser informados de:

a) As condicións que afecten ó persoal e vaian ser tratadas na comisión informativa de persoal. Enviaráselle orde do día e a acta da reunión anterior; permitiráselle-la presencia ós representantes legais dos traballadores/as, para que expresen as súas opinións.

b) Daráselles audiencia en materia de sancións e expedientes disciplinarios.

c) Informaráselles da aplicación de complementos, gratificacións, honras e distincións.

Artigo 44º

Os representantes dos traballadores/as deberán ser consultados preceptivamente en relación cos cambios de horarios e quendas, salvo modificación transitoria, así como na restructuración do cadro de persoal e reorganización del.

Artigo 45º

Recoñécese o dereito á folga, de conformidade coa Constitución e a normativa que a desenvolve.

Artigo 46º

Os representantes legais dos traballadores/as non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica. Ningún pode ser sancionado ou trasladado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte ó seu mandato, por motivos sindicais. Os delegados sindicais disporán de 25 horas mensuais para a realización das súas actividades, coas seguintes especificacións:

a) Quedan fóra do cómputo as empregadas na negociación colectiva ou as empregadas por proposta da Administración.

b) A comunicación das horas de uso sindical realizarase con 24 horas de antelación, perante o servicio de réxime interior e no propio servicio. No caso de que non poida facerse, respectaranse as necesidades do servicio, pasando posteriormente notificación a réxime interior.

c) Tamén, coa antelación que lle sexa posible, os membros da comisión negociadora comunicarán nos seus departamentos as ditas ausencias.

Artigo 47º

Os representantes dos traballadores/as obríganse expresamente a:

a) Cumprir e respectalo pactado e negociado coa corporación.

b) Desenvolver labores de estudio e asistencia sindical.

c) Notificarlle á corporación calquera cambio de membros que se produza no seu caso.

Artigo 48º

Calquera conflicto colectivo que se suscite no ámbito deste acordo requirirá, para a súa consideración de licitude, o previo coñecemento da comisión de control. No caso de que non se chegue a unha solución, a comisión poderá determina-las condicións e persoas ás que se lle someterá a arbitraxe a cuestión ou cuestións motivo de controversia. Igualmente, poderase acudir a todas aquelas vías legais que sexan de aplicación.

Capítulo décimo primeiro

Formación profesional

Artigo 49º

Os traballadores/as poderán acceder á realización de calquera curso relacionado co seu posto de traballo, respectándose o principio de igualdade de oportunidades. A asistencia ós cursos terase en conta para a promoción profesional, sempre e cando se expida certificación que demostre o aproveitamento das materias impartidas. Anualmente elaborarase un programa destinado á formación permanente dos traballadores/as pola comisión de control.

Como medida para a promoción entre os traballadores/as afectados por este convenio, da instrucción básica, todo o persoal laboral que non dispoña do título de graduado escolar poderá asistir ós cursos que se impartan en centros oficiais, correndo por conta do Concello de Verín os gastos de matrícula e material escolar.

8626