Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 15 de decembro de 1997 Páx. 12.051

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Plan Eólico de Galicia.

O acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de xullo de 1997 declarou o proxecto Plan Eólico de Galicia como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e designou a Consellería de Industria e Comercio como órgano competente a para a tramitación do expediente.

En cumprimento do disposto no artigo 25.3 da devandita lei, o Plan Eólico de Galicia someteuse durante un prazo dun mes ós trámites de información pública mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia nº 140 do 22 de xullo de 1997 e de audiencia ás entidades locais afectadas.

Durante o dito prazo formularon alegacións o Concello da Pobra do Caramiñal, Concello de Boiro, Grupo Erva e Federación Ecologista Galega, referidas a erros cartográficos, compatibilidade dos usos do solo e minimización do impacto ambiental.

Con data 16 de setembro de 1997, a Consellería de Industria e Comercio informou que tomaba nota da alegación presentada polo Concello de Pobra do Caramiñal para proceder á corrección oportuna e que procedía desestima-las presentadas polo Grupo Erva e a Federación Ecologista Galega por canto que o Plan Eólico de Galicia foi sometido ó dictame do Consello Galego de Medio Ambiente e para cada parque eólico realízase o correspondente estudio de

efectos ambientais que se somete a informe das consellerías con competencia na materia.

O 29 de setembro de 1997, a Consellería de Política Territorial e Obras Públicas e Vivenda informou que o proxecto sectorial se acomoda, tanto respecto da súa finalidade, como respecto da súa documentación e determinacións, ó disposto nos artigos 22 e seguintes da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Así mesmo, subliñaba que o réxime de incompatibilidade de usos que respecto ós previstos na ordenación urbanística vén a establecerse no presente plan sectorial, é perfectamente conciliable co feito de que dentro de cada área de investigación, cada un dos futuros parques eólicos dean cumprimento estricto ás previsións que tanto respecto da incidencia sobre o territorio, afeccións ambientais e medidas correctoras, como respecto así mesmo ás medidas de adecuación ó planeamento urbanístico, se establecen nos apartados 5º e 6º do proxecto sectorial do Plan Eólico de Galicia, tendo en conta que dun 16% do territorio de Galicia afectado como área de

investigación, pasarase en cada parque eólico ó manexo da determinación do lugar concreto onde poderá situarse cada instalación específica.

Con base nos ditos informes o Consello da Xunta de Galicia adoptou, na súa reunión do 1 de outubro de 1997, o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Plan Eólico de Galicia.

Segundo.-O planeamento dos concellos afectados queda vinculado ás determinacións contidas nos proxectos sectoriais.

Terceiro.-De conformidade co establecido na disposición adicional quinta da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, para os efectos previstos na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial as obras necesarias para a execución dos proxectos.

Consecuentemente, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas nos proxectos sectoriais que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.

O que se publica no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 25.4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9254